ILEX: Nome latino do enciño, porque as súas follas recordan ás desta árbore. ACUS: Agudo. FOLIUM: Folla, en alusión ao bordo espiñento e punzante das follas.
Arbusto ou pequena árbore dioica de até 5 metros, que pode chegar aos 15 metros. Tronco dereito. Cortiza lisa e verde agrisada, nos exemplares adultos verrugosa. Copa baixa, cónica, moi densa e ramalluda, que co tempo se volve irregular. Cando forma parte do sotobosque das carballeiras a copa é pouco densa, delgada e desordenada.
Follas de 3-7 cm., persistentes, simples, alternas, moi coriáceas, provistas dun pecíolo de 1 cm., ovais ou oblongas, co bordo ondulado e espiñento (ocasionalmente pódense atopar follas de bordo liso e enteiro), agudas no ápice, cuneadas ou arredondadas na base, cor verde moi escura e brillante na face, máis pálidas no envés.
Flores de 8 mm., unisexuais, aínda que ocasionalmente pode aparecer algunha flor hermafrodita, con cáliz de 4 sépalos verdosos e corola de 4 pétalos abrancazados, situadas nas axilas das follas, solitarias ou agrupadas en pequenos feixes de até 3 cm. As masculinas con 4 estames. As femininas con ovario globoso e súpero e estigma con 4 lóbulos.
Florece entre abril e maio. A polinización é entomógama.
O froito é un drupilanio (drupa procedente dun ovario con máis de 1 carpelo) de 8-10 mm. que semella e se confunde cunha baga, globoso e de cor vermella moi viva. Semente dura, amarela, alombada, en número de 4 por froito. Madura a mediados de outono ou no inverno. Os froitos persisten moito tempo na árbore.
Orixinaria de Europa, norte de África e oeste de Asia. Habita en zonas sombrías de bosques caducifolios sobre solos ácidos. É máis abundante na parte oriental de Galiza, onde chega a formar pequenos bosquetes (acevedos ou xardonais), pero non é rara no resto do país como integrante das carballeiras.
Utilizada como especie ornamental en parques e xardíns, moi apropiada para sebes, pois soporta moi ben a poda. Tamén é moi usada como adorno do Nadal. O abuso desta práctica levou á prohibición da colleita e comercialización de exemplares silvestres para impedir a súa desaparición.
A madeira antano era apreciada para tornaría e talla. Da parte interna da cortiza extraíase unha substancia viscosa que se utilizaba para facer liga de cazar aves. Tamén tivo certa utilidade en mediciña popular: as follas como diurético e laxante, os froitos como purgante e, en grandes doses, como vomitivo. A cortiza empregouse como febrífuga.
Ten un importante valor ecolóxico por ser refuxio e reserva de alimento para moitas especies animais.
Lugar de observación: Serra do Candán. Zobra. Lalín.