BIOXEOGRAFÍA
Atendendo a criterios bioxeográficos e tomando en consideración a sectorización corolóxica de Rivas Martínez (RIVAS MARTÍNEZ, 1987) así como as posteriores revisións realizadas polo mesmo autor e por Izco e Sánchez (J. IZCO e J.M. SÁNCHEZ, 1995) - por seren estas as máis amplamente aceptadas na bibliografía consultada- a área de estudio encádrase dentro da Rexión Eurosiberiana, estendida por todo o centro de Europa e que abrangue tamén a maior parte de Galicia, aínda que na práctica se observe un forte carácter transicional entre esta e a Rexión Mediterránea que domina o centro e sur da Península Ibérica.
Para apreciar esta adaptación da coroloxía ás condicións bioclimáticas é preciso afinar a análise ata o nivel dos sectores fitosociolóxicos. Así, segundo os traballos de J. Izco (J. IZCO, 1987), a Comarca de Deza atópase no sur da chamada Provincia Cántabro-Atlántica, dentro do sector Galaico-Portugués, a cabalo entre os subsectores Lucense -ao leste e sueste- e o Miñense -ao norte e noroeste-. O aumento altitudinal e a progresiva perda das influencias oceánicas de noroeste a sueste, marca a confluencia destes subsectores fitoxeográficos e é o resultado do enfrontamento entre ámbolos dous ambientes.
O subsector lucense penetra na Comarca dende o norte por medio das Serras Centrais de Galicia e as serras asociadas a ela, influíndo na vexetación pola altitude e polo carácter fundamentalmente ácido do solo.
Na outra banda, o subsector miñense chega ao noroeste e oeste do Deza como resultado da expansión do carácter termorregulador e moderador da costa, que se transmite ao interior a través do val do Ulla e sucesivamente, do Deza e do Arnego.
Cada subsector, ou serie climatófila, identifícase cuns tipos vexetais propios que definen a vexetación potencial de cada zona. Son as denominadas Series de Vexetación clasificadas por Rivas Martínez (RIVAS MARTÍNEZ, 1987) para todo o conxunto do territorio español.
A pesar do establecemento destas áreas bioclimáticas diferenciadas, o resultado final non é unha sectorización completamente nítida na práctica, senón que o máis común é que estas series aparezan mesturadas entre si, presentando rascos propios de mosaicos vexetais e sempre vinculados á complexidade das formas do relevo e da litoloxía que as sustenta; de tal xeito que as series vexetais defínense como o conxunto de comunidades vexetais que se suceden ao longo do tempo e nun ámbito territorial condicionado por unhas variables medioambientais específicas. As series vexetais son, polo tanto, a expresión da vexetación potencial dunha zona.
VEXETACIÓN POTENCIAL
Enténdese a vexetación potencial como a comunidade vexetal estable que existiría nunha área dada como consecuencia da sucesión xeobotánica progresiva se se eliminaran as interferencias do ser humano. Na teoría, considérase a vexetación potencial como un sinónimo de clímax e igual á vexetación primitiva, aínda non alterada antrópicamente (RIVAS MARTÍNEZ, 1987; de Los bosques ibéricos).
Logo, excluíndo os factores humanos dos condicionantes ambientais que determinan a evolución vexetal e tomando como referencia, dende unha perspectiva sintética, o clímax como o estado vexetal resultante do mantemento estable destes condicionantes; a vexetación potencial amosa unha clara correspondencia coas series vexetais definidas para a área de estudio.
Así, segundo a cartografía presentada por Rivas Martínez, na zona dominarían principalmente dúas series vexetais incluídas dentro do grupo das carballeiras acidófilas: unha vinculada á serie colina, mentres que a outra estaría máis vencellada ao piso montano.
A) SERIE COLINA GALAICO-PORTUGUESA ACIDÓFILA DO CARBALLO OU QUERCUS ROBUR (RUSCO ACULEATI-QUERCETO ROBORIS SIGMETUM).
Esta serie se corresponde cunha carballeira relativamente densa de Quercus robur, afeita aos solos pobres en bases e con tendencia á podsolización.
Do que se refire puramente á vexetación, a diversidade arbórea cínguese case exclusivamente á mencionada especie nominal, ademais do castiñeiro (Castanea sativa) e do bidueiro (Betula celtiberica), que son máis raros. Xunto a eles poden aparecer especies menores asociadas como o acivro (Ilex aquifolium), o arraclán (Frangula alnus), a pereira silvestre (Pyrus communis) e o estripo (Crataegus monogyna).
Pero o verdadeiramente destacable nesta área é a similitude climática que acada nalgúns puntos co piso mesomediterráneo, resposta das masas de aire cálidas e húmidas que se achegan polo val do Ulla dende as Rías Baixas e que se traduce nunha definida seca estival que permite a colonización de especies lauroides ou de óptimo mediterráneo.
Tal é o caso do loureiro (Laurus nobilis), o rusco ou picarratos (Ruscus acuelatus), o trobisco (Daphne gnidium), o durillo (Viburnum tinus), as uvas do can (Tammus communis), o sanguiño (Rhamnus alaternus) ou a Rubia peregrina.
A influencia da termicidade nos vales dos dous ríos principais (Deza e Arnego) sobre a vexetación chega ao punto de que por debaixo dos 350-400 metros, a carballeira dá lugar á subasociación Rusco aculeati-Quercetum roboris quercetosum suberis (AMIGO, IZCO, GUTIÁN e ROMERO, 1998).
Trátase duns sobreirais diferenciados dos tipicamente mediterráneos, xa que pertencen ao dominio eurosiberiano, formando parte dos denominados sobreirais eurosiberianos galegos, que á súa vez engádense no grupo dos bosques caducifolios de carballos. O aproveitamento antrópico das sobreiras favoreceu a súa expansión nas áreas bioclimáticas axeitadas, o que levou a autores como J. Bellot (1953) a afirmar que esta árbore podería chegar a ser dominante polo efecto do home (BELLOT, 1966). Sen embargo na actualidade, o normal é que apareza mesturada coas carballeiras colinas e cos piñeiros (Pinus pinaster).
A sucesión dos bosques colinos de carballos está conformada por unha matogueira densa de xesteiras (Cytisenion striati: Ulici europaei-Cytisetum striati) de grande talla e acompañados de fieitos (Pteridium aquilinum), silvas (Rubus lusitanus) e toxos (Ulex europaeus). A degradación humana, producida sobre todo polos frecuentes incendios e polas plantacións de piñeiros e eucaliptos, dá paso a un mato de substitución formado por uceiras. O toxo femia (Ulex minor), algunhas especies de uces (Erica cinerea, Daboecia cantabrica ou Calluna vulgaris) e a carpaza (Halimium alyssoides) son algunhas das especies que compoñen as comunidades máis significativas desta serie: Ulicetum latebracteato-minoris, Erico umbellatae- Ulicetum minoris e Ulici-Ericetum cinereae cistetosum psilosepali.
Neste sentido cabe destacar, ao igual que para o estrato arbóreo, a singular composición do sotobosque que se presenta nas devanditas áreas afectadas pola termicidade dos vales do Deza e do Arnego. Xunto coas sobreiras, numerosas especies arbustivas amosan as particularidades propias da rexión mediterránea; servindo como exemplo típico a presenza dos érbedos (Arbutus unedo), o trobisco (Daphne gnidium), a Rubia peregrina ou especies lauroides e fentos relictos do terciario.
B) SERIE MONTANA GALAICO-PORTUGUESA ACIDÓFILA DO CARBALLO OU QUERCUS ROBUR (VACCINIO MYRTILLI-QUERCETO ROBORIS SIGMETUM).
Trátase dunha serie de carballeiras que se desenvolven no piso montano e parte do colino superior, sobre solos silíceos, pobres en bases: terras pardas oligotrofas. A cantidade de nutrientes no solo destas zonas faise aínda menor nas etapas de degradación das carballeiras. A vexetación potencial correspóndese cunha carballeira densa que alberga unha ampla variedade de arbustos e herbas vivaces (RIVAS MARTÍNEZ, 1987). Estes vexetais, xunto coa carencia de plantas termófilas mediterráneas ou macaronésicas, constitúen a diferencia máis notable coas carballeiras colinas (IZCO, J.; 1987).
Corrobora estas matizacións a presencia de especies propiamente eurosibeiranas como o acivro (Ilex aquifolium), que acada unha alta representatividade nas fragas e devesas das ladeiras montañosas do Candán e os Montes Testeiro; ou a presencia de uces tan características como a Daboecia cantabrica. Debido a estas mesmas condicións de frío e humidade do clima, aparece máis frecuentemente o bidueiro (Betula celtiberica), e tamén o castiñeiro (Castanea sativa); namentres que o sotobosque está constituído por arbustos como o arando (Vaccinium myrtillus) e herbáceas do tipo da Saxifraga spathularis e Melampyrum pratense.
A estes bosques substitúeos as xesteiras de Cytisus striati acompañada tamén doutros tipos de xestas (Cytisus scoparius ou Genista florida subsp. polygaliphylla) que son máis resistentes e aceptan climas máis extremos e con precipitacións máis propias da franxa montana (entre 700 e máis de 1.400 mm.).
As uceiras e toxeiras compoñen o mato máis degradado, que se diferencia en pouco do que correspondía ao tipo colino (Izco, 1987). Nestas comunidades son frecuentes o toxo arnal (Ulex europaeus) e o toxo femia (Ulex minor e Ulex galli), a queiruga (Calluna vulgaris) e distintas especies de uces (Erica cinerea, E. umbellata e E. aragonensis).
A maiores destas dúas series, e se ben non se corresponden explicitamente coas dispostas por Rivas Martínez, cabe sinalar a presenza puntual doutros grupos vexetais asociados a determinadas condicións ambientais da comarca. Trátase da serie dos ameneirais riparios e do grupo denominado de forma xenérica como bosques mixtos atlánticos, cunha importante presenza na comarca.
C) SERIE DOS AMENEIRAIS RIPARIOS OU SENECIO BAYONENSISALNETUM GLUTINOSAE.
Esta asociación caracterízase pola presenza de ameneiros (Alnus glutinosa) e doutras especies vexetais que precisan de constante humidade e que polo tanto ocupan as beiras dos ríos e zonas húmidas. Xunto a eles son frecuentes outras especies arbóreas como os bidueiros (Betula celtiberica), salgueiros (Salix atrocinerea), arracláns (Frangula alnus) ou abeleiras (Corylus avellana); mentres que por baixo do estrato arbóreo dominan os fentos do tipo do Osmunda regalis, ou herbáceas: Senecio nemorensis e Carex broteriana, entre outras.
Segundo algúns autores como Izco (1987), a presencia do freixo (Fraxinus excelsior) ou callaleite (Galium broterianum) relacionan estes bosques galaico portugueses cos mediterráneos, o que explicaría a aparición de érbedos (Arbutus unedo) e xaras (Cistus ssp.) nas ribeiras do baixo Deza e do Arnego.
D) SERIE DOS BOSQUES MIXTOS ATLÁNTICOS.
Baixo esta denominación pódense englobar os bosques caducifolios caracterizados por unha alta diversidade no estrato arbóreo, nos que non resulta sinxelo referirse a eles sinalando unha especie dominante.
O normal é que presenten un carácter local ligado a determinadas variables ecolóxicas, aínda que na actualidade poden atender a razóns socioeconómicas. Ocupan preferentemente solos ricos en nutrientes e con carácter menos ácido que as carballeiras, o que moitas veces levou á súa transformación en soutos, prados de sega, maizais ou hortas, ata o punto que non é fácil atopar boas representacións destes bosques no presente, recoñecéndose a súa presencia tan só pola persistencia de árbores diversas nas lindes e pola resistencia dalgúns rodais en enclaves illados de difícil acceso.
Freixos (Fraxinus excelsior), chopos (Populus spp.), bidueiros (Betula celtiberica) e ameneiros (Alnus glutinosa) soen ser as especies que
máis frecuentemente conviven cos carballos (Quercus robur e Quercus pyrenaica) nestas formacións mixtas; aínda que en áreas de tendencia máis seca poden aparecer tamén arces (Acer pseudoplatanus), serbais (Sorbus aucuparia), tilos (Tilia platyphyllos) e olmos (Ulmus spp.). A súa composición fluctúa localmente en función de aspectos xeomorfolóxicos, edáficos, paleoxeográficos e microclimáticos. Todo isto fai que os bosques mixtos atlánticos destaquen pola súa riqueza en especies leñosas, diversidade de nichos e gran biomasa.
No que respecta ao estrato arbustivo é tamén variable a súa densidade e composición, estando formado por numerosas especies con estrutura foliar variada. Dentro das arbóreas menores cabe citar, entre outras, a abeleira (Corylus avellana), o evonimo (Euonymus europaeus), o sanguiño (Cornus sanguinea), o ligustro (Ligustrum vulgare), as cerdeiras (Prunus spp.) ou o estripo (Crataegus monogyna).
Entre os arbustos sobresaen as xestas (Cytisus spp. ou Genista florida) e as uces de varias especies: Vaccinium myrtillus, Erica cinerea, Erica tetralix o Daboecia cantabrica; namentres que as rosáceas espiñosas (Rubus spp., Rosa spp.) ocupan os claros e os límites do bosque. Xunto a elas convive un importante grupo de plantas gabeadoras como a hedra (Hedera helix), as uvas de can (Tamus communis) e outras especies de enredadeiras (Lonicera spp.).
Unha característica propia dos bosques mixtos que ocupan as zonas máis térmicas de Galicia é a de presentar fentos subtropicais relictos como o loureiro (Laurus nobilis), así como outros máis raros (Woodwardia radicans, Culcita macrocarpa ou Osmunda regalis) e outras especies especialmente adaptadas a estas condicións particulares: Rhamnus alaternus, Hypericum androsaenum, Arbutus unedo, Vitis vinifera, Ruscus acuelatus, etc.
O estrato herbáceo está constituído maioritariamente por hemicriptófitos e xeófitos, sendo especialmente significativas algunhas especies nemorais como Hypericum androsaemum, Pulmonaria longifolia, Lamium spp., etc.
Sen embargo, estes bosques non soen presentar un carácter maduro e unha estrutura ben configurada, senón que é máis frecuente atopar pequenos rodais nos que adquiren gran importancia as especies de substitución como resultado da forte alteración á que son sometidos.
Neste senso cabe destacar a predominancia que pasaron a adquirir outras especies leñosas con maior aproveitamento económico, especialmente o castiñeiro, con gran presencia nas proximidades dos núcleos rurais. Os arbustos, moitas veces espiñosos, quedan reducidos a sebes, normalmente cerrando os mencionados prados de sega, hortas ou maizais.
ESTADO ACTUAL DA VEXETACIÓN
A cuberta vexetal da comarca de Deza dista moito, na práctica, daquela descrita como potencial. Esta sería a existente en ausencia de interferencias antrópicas, propiciada sobre todo polas condicións bioclimáticas, edafolóxicas e xeomorfolóxicas, pero o certo é que as actividades humanas tiveron, xa dende antigo e especialmente nesta parte de Galicia, unha ampla expansión no territorio, erixíndose por tanto, como un dos principais axentes condicionantes da paisaxe e particularmente, da cuberta vexetal.
A grandes rasgos, o resultado observado na maior parte da comarca é a combinación de usos do solo que dan lugar a un complexo mosaico paisaxístico dominado polos campos de cultivo, especialmente con especies forraxeiras, combinadas frecuentemente con plantacións forestais e alternando con rodais de caducifolias e matogueiras, que están separadas por sebes.
Neste senso é importante destacar o gran dinamismo que caracteriza á paisaxe vexetal de Deza como froito da gran diversidade de usos e aproveitamentos tradicionais que nel se desenvolvían, se ben nas últimas décadas, co troco do paradigma socioeconómico e ocupacional, o territorio está a mudar cara un ambiente máis monótono, marcado polo abandono das actividades tradicionais no medio rural e a proliferación das extensións recubertas de matogueiras, terreos a monte e pasteiros que substitúen aos cultivos.
Aínda así, como pode observarse na seguinte táboa, os cultivos forraxeiros seguen sendo unha das coberturas maioritarias en canto á porcentaxe de superficie ocupada. O espazo perdido por estes vai deixando paso progresivamente ás plantacións forestais -tanto de piñeiros e eucaliptos como de castiñeiros- e aos pasteiros e matogueiras. Así mesmo, as superficies arboradas de frondosas comezan a recuperar parte do espazo que outrora ocuparan as terras labradas, mesturándose con plantacións madeireiras, matogueiras e pasteiros.
Con todo, e mantendo a perspectiva global que permite resumir de forma xeral o estado actual da vexetación do Deza, é posible facer unha distinción baseada na altitude e na xeomorfoloxía, a partir da que afondar máis alá do variado mosaico vexetal que caracteriza a toda a comarca.
Estes factores relaciónanse coa dependencia da paisaxe vexetal dezá respecto ao grado de aproveitamento da terra, da intensidade de usos e da súa ocupación, xa que se nas zonas baixas dos vales e ladeiras suaves a imaxe típica asóciase aos cultivos, principalmente forraxeiros, alternando con rodais de vexetación seminatural; a medida que a altura se incrementa, cara ao leste e ao sur, o progresivo abandono das actividades primarias tradicionais tradúcese nunha maior abundancia das matogueiras, dos pasteiros arbustivos e incluso de carballeiras, máis extensas canto máis inaccesible é o terreo.
En definitiva, estes rascos xerais veñen moi marcados pola accesibilidade e aptitude dos solos, ambos dependentes da climatoloxía e sobre todo de condicionantes físicos como a altitude, a pendente ou a orientación. Con todo, é posible establecer tres zonas diferenciadas en canto á súa cobertura vexetal:
A) Zonas baixas de topografía suave, xeralmente por debaixo dos 600 m. de altura, que ocupan as áreas potencialmente correspondentes ás carballeiras colinas. Estas áreas caracterízanse pola benignidade das condicións climáticas e a boa aptitude dos solos, sendo especialmente aptas para o asentamento das actividades humanas.
É lóxico polo tanto, tendo en conta a súa vocación agrícola e gandeira, que os vales e as áreas de substratos edáficos máis profundos estean labrados na súa maioría, asentándose neles cultivos, preferentemente os destinados á alimentación do gando (millo, centeo, etc.), aínda que tamén hortalizas e, en menor medida, viñedos e froiteiros.
Os pasteiros son outra das formacións típicas destas áreas; vinculadas principalmente á beira dos cursos fluviais onde conforman as veigas, cada vez máis abundantes debido ao abandono agrícola, aínda que tamén poden aparecer intercaladas cos cultivos. O conxunto destas terras baixas e suaves é o que presenta un maior dinamismo da paisaxe vexetal, traducíndose nunha especie de mosaico que se converte na imaxe máis representativa e estendida da paisaxe de Deza.
Nela, as sebes do parcelamento xogan un papel estético moi significativo dentro da paisaxe global. A liñalidade das orlas dos bosques de ribeira, os rodais de frondosas e as plantacións de especies con aproveitamento forestal ocupan os terreos con menores aptitudes para o seu uso directo, rompendo a monotonía e regularidade dos cultivos e pasteiros, e engadindo o dinamismo paisaxístico característico da comarca. Trátase dun panorama representado en todo o centro e norte da comarca, que abrangue tamén os vales do leste e, dada a súa gran expansión, asimílase coa idea conceptual máis identificadora da cuberta vexetal da comarca.
B) As zonas máis elevadas e de topografía máis contrastada, situadas xeralmente por riba dos 600 metros, correspóndense coa vexetación potencial da asociación montana das carballeiras galaico-portuguesas, e presentan na actualidade unha vexetación diferenciada, influenciada aínda máis que no caso anterior, polo alto grado de abandono da terra.
Deste xeito obsérvase un claro aumento das matogueiras que se presentan tanto formando masas uniformes, como en asociacións con pasteiros extensivos e con especies arbóreas, pero sobre todo con repoboacións forestais. É, xa que logo, o dominio duns montes conformados por xestas, toxos e uces; propios todos eles das etapas seriais das mencionadas carballeiras, e resultado da recolonización de antigos terreos de cultivo e pasteiros abandonados.
Así mesmo é de destacar a presenza das maiores extensións ocupadas por caducifolias de toda a comarca. Asócianse ás ladeiras escarpadas e ás zonas de difícil acceso, con solos pedregosos e fortes pendentes.
Trátase de masas arbóreas que en ocasións gozan dun alto grado de conservación -como no caso da devesa do val de Grovas- e compóñense nunha elevada porcentaxe por especies autóctonas, entre as que se recoñecen as carballeiras, bidueiros, acivros e outras típicas destas formacións. As árbores autóctonas concéntranse preferentemente nos fondos de torrentes e, de forma illada, no medio das matogueiras, acantoadas pola presión do lume.
Este tipo de vexetación vencéllase ás áreas de montaña que demarcan a comarca polo leste, sur e oeste, dende a Serra do Farelo ao Candán, acadando nesta última unha maior representación, así como tamén a algunhas zonas de forte pendente ou asociadas ao nivel altitudinal dos 700 metros no centro e sueste.
C) O outro gran conxunto vexetal diferenciado da comarca correspóndese coas plantacións forestais, representadas principalmente por piñeiros e eucaliptos. Os piñeiros admiten un maior rango climático, polo que se nas zonas de réxime térmico máis favorable predomina o piñeiro do país (Pinus pinaster), nas zonas de montaña atópanse tamén o piñeiro de Monterrei (Pinus radiata) e o piñeiro albar (Pinus sylvestris), máis resistentes aos períodos fríos e ás xeadas. No caso do eucalipto (Eucalyptus globulus), con restricións térmicas moito máis severas, a súa distribución na comarca redúcese ao norte, ocupando preferentemente os vales encaixados con menores oscilacións térmicas.
Por razón da súa particular localización convén mencionar como un grupo aparte ás plantacións forestais xa que, ausentes en boa parte da comarca, chama a atención a súa concentración nas vertentes dos canóns fluviais do norte, con frecuencia mesturadas con frondosas autóctonas, dende carballos a sobreiras, e pasando por ameneiros, bidueiros ou abeleiras.
HÁBITATS, ESPAZOS E ESPECIES CATALOGADAS
Neste apartado convén destacar a presenza de determinados grupos florísticos que debido á súa composición, particular localización, endemicidade, carácter relicto e/ou grado de ameaza, representan un valor natural que esixe a súa catalogación, de xeito que se promova o seu coñecemento e protección. Este recoñecemento pode provir de organismos internacionais, nacionais, rexionais ou mesmo locais; e seguir estratexias diversas: dende a protección de taxóns específicos e zonas concretas ata a inclusión de áreas extensas nas que os hábitats presentes inclúan especies catalogadas.
Así, respecto do ámbito internacional e encadrado na Rede Natura 2000, os hábitats de importancia comunitaria conteñen polo xeral asociacións vexetais dentro das que se recoñecen especies de interese a escala europea. Concretamente, na Directiva 92/43/CEE do Consello, de 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e de fauna e flora silvestres, defínense como aqueles incluídos no territorio europeo dos Estados membros nos que:
A existencia e catalogación destes ambientes soe ser, xa que logo, un incentivo para que se proceda á súa protección por medio da súa catalogación como os Lugares de Interese Comunitario (LIC), ou Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) -esta xa como a transposición á lexislación sectorial autonómica-. Polo xeral, estes hábitats aséntanse nas áreas máis afastadas dos núcleos e da actividade antrópica, onde a densidade de poboación é menor, coincidindo coas áreas montañosas do sur-sudoeste, do leste, co Monte Carrio, e cos vales encaixados dos ríos do norte.
Correspóndense na súa maioría con hábitats compostos por matogueiras, uces e xestas como compoñentes principais; aínda que tamén están catalogadas algunhas masas arboradas de orixe seminatural como os bosques de ribeira, as carballeiras e os soutos. En definitiva, dentro da área de estudio están catalogados os Hábitats de Interese Comunitario que podemos ver na táboa final (fonte: Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, 2011).
Son os seguintes:
• Augas oligotróficas cun contido de minerais moi baixo das chairas areosas (Littorelletalia uniflorae) (3110): este é un hábitat formado por plantas acuáticas ou anfibias que toleran condicións aéreas no verán, polo que os corpos de auga de mediana ou pequena extensión, son especialmente indicados para eles. A outra característica destas masas de auga é a de presentar un baixo contido en nutrientes, derivado do carácter ácido destes substratos. As especies que forman estas pradeiras perennes destacan pola súa importancia bioxeográfica, xa que nestas latitudes atopan o límite meridional da súa distribución. Entre as plantas propias destes ambientes sobresaen as ciperáceas ou xuncos (Eleocharis multicaulis, E. acicularis; Juncus bulbosus, J. emmanuelis) e sobre todo a Littorella uniflora; aínda que tamén un grupo de pteridófitos acuáticos de augas oligotrofas como Pilularia globulifera ou Isoetes echinosporum. En Deza, estes hábitats asócianse ás cumes da Serra do Faro e ao Candán, en Masgalán e o Monte Coco, se ben a existencia de áreas encharcadas nestas áreas veuse fortemente reducida pola apertura de pistas para parques eólicos e pola roturación.
• Uceiras húmidas atlánticas de zonas mornas de Erica ciliaris e Erica tetralix (4020): son formacións higrófilas dominadas por uces desenvolvidas sobre solos húmidos ou con tendencia turbosa. Asentados normalmente a media montaña, é frecuente que formen mosaicos na paisaxe, ocupando depresións ou áreas con pouca inclinación nas que se acumula a auga. Destaca a presencia case constante da uz de turbeira (Erica tetralix), acompañada doutras uces (E. ciliaris, Calluna vulgaris) e por xestas (Genista anglica, Genista micrantha, etc.), ademais doutras plantas hidrófilas como a Euphorbia polygalifolia ou o endemismo Thimellaea brotarana. No Deza localízanse sobre todo nos cumios das principais serras con dominancia de substrato silíceo: no Monte do Carrio, na Serra das Penas, nas inmediacións do monte do Pedroso e nas ladeiras dos Montes Testeiro.
• Uceiras secas europeas (4030): son formacións densas de matogueiras, de talla media a baixa, constituídas por uces e toxos asentados sobre solos ácidos e máis ou menos secos, onde dominan maioritariamente as especies de Erica (E. ciliaris, E. cinerea, E. umbellata, etc.), Calluna, Ulex (U. europaeus, U. galli, U. minor, U. micranthus) e Cistus (C. psilosepalus, C. populifolius, Halimium lasianthum...); enriquecéndose con outras como Daboecia cantabrica ou Pterospartum tridentatum. Trátase dun dos tipos de hábitat prioritario máis estendido na comarca, xa que constitúe o mato dominante nas ladeiras da maioría das zonas montañosas: dende boa
parte dos vales encaixados do Deza e Arnego ata o Carrio, a maior parte do Farelo, algúns tramos do Faro, A Pena de Francia e O Candán ou o val do río Escuadro na Serra de Penas; aínda que tamén se poden atopar manchas destas formacións nas zonas máis elevadas das bacías do Deza e Arnego, destacando respectivamente as zonas do Corpiño e de Moimenta.
• Uceiras oromediterráneas endémicas con piorno (Genista scorpius) (4090): son matogueiras de montaña que poden descender ladeira abaixo como mato de degradación das carballeiras. Presentan unha ampla variedade florística na que destacan as xestas e piornos de distintas especies: Genista florida, G. obtusirramea, Cytisus scoparius, C. multiflorus, C. striatus, C. striatus, Adenocarpus hispanicus ou Erica arborea. A superficie que ocupan dentro da comarca é bastante restrinxida, restrinxíndose a pequenas manchas que ou ben ocupan escarpados vales -como no caso dos tramos altos dos ríos Deza e Asneiro- ou en áreas pouco extensas de media montaña: zonas próximas a Asperelo, preto do Faro; estribacións do Farelo preto de Agolada, ou ladeiras da Serra de Penas.
• Formacións estables xerotermófilas de Buxus sempervirens en pendentes rochosas (Berberidion p.p.) (5110): trátase dun hábitat característico da media montaña ibérica (entre os 400 – 1700 metros) que medra en solos pobres ou esqueléticos, nos que pode constituír comunidades permanentes. Se ben a especie predominante e buxo (Buxus sempervirens), xunto a ela aparecen especies acompañantes quen este contexto bioxeográfico correspóndense, entre outros, coas escambrón (Prunus spinosa), o ligustro (Ligustrum vulgare) ou o estripo (Crataegus monogyna). Na área da Comarca de Deza a súa presenza e testemuñal, localizándose tan só unha estreita franxa nas ladeiras do val do río de Mera, ao nordeste do núcleo de Silleda.
• Megaforbios eutrofos higrófilos das orlas de chaira e dos pisos montano e alpino (6430): son formacións herbáceas de certo porte nas que os principais condicionantes son a existencia de materia orgánica e a continua humidade do terreo, acadándose esta por presentarse xeralmente nas áreas de avesedo. Na parte setentrional da Península Ibérica o seu principal valor radica en albergar especies eurosiberianas no extremo da súa distribución meridional como son as comunidades riparias de Filipendula ulmaria e Angelica sylvestris; ou comunidades de orla forestal como Aconitum vulparia, Lilium martagon, Veratrum album ou Adenostyles alliarae, entre outras. Na comarca son escasos so exemplos deste hábitat, podéndose atopar só na área dos Montes Testeiro, nas inmediacións de Zobra, e puntualmente ao sur da parroquia da Xesta.
• Prados pobres de sega a baixa altura (Alopecurus pratensis, Sanguisorba officinalis) (6510): este hábitat correspóndese cunha das formacións de pastos que ocupan os pisos basais das montañas do norte peninsular. Desenvólvense sobre solos profundos neutros ou lixeiramente básicos, abonados con esterco e pisados polo gando. Producen un tapiz herbáceo denso que cubre o solo acadando alturas de ata varios decímetros, de xeito que esta gran producción de biomasa foi tradicionalmente aproveitada para o gando, aproveitándose a herba incluso unha vez segada. Na composición específica dominan as gramíneas:
Arrhenatherum elatius, Trisetum flavescens, Alopecurus pratensis, Holcus lanatus, Agrostis spp.; estando acompañadas por outras herbáceas de porte medio como Centaurea jacea, Creppis biennis, Leucanthemun vulgare, Campanula patula, Geranium pratense, Sanguisorba officinalis, etc. Cando estas praderías están moi pisados polos herbáceos que as pastan favorécese a aparición doutras especies do tipo da Cynosurus cristatus, Trifolium repens ou Veronica serpyllifolia. Aínda que a súa área de distribución está máis ligada á Cordilleira Cantábrica, na Comarca do Deza poden citarse algunhas áreas puntuais que albergan este hábitat nas zonas basais da Serra do Faro e ao nordeste dos Montes Testeiro.
• Rochedos silíceos con vexetación pioneira do Sedo-Scleranthion ou do Sedo albi- Veronicion dillenii (8230): son comunidades vexetais que medran sobre solos silíceos incipientes formados pola meteorización da rocha madre. Estes substratos que se caracterizan pola súa falta de retención de auga, son colonizados por especies efémeras, de escaso porte e resistentes ás secas mediante a acumulación de líquido nas súas follas (plantas crasas). Estas especies son, pola súa distribución xeográfica, moi interesantes na Península Ibérica, predominando as pertencentes aos xéneros Sempervivum (S. montanum ou S. arachnoideum) e Sedum (S. anglicum, S. montanum, S. brevifolium, etc.), esta última máis dependente da composición silícea do solo. Outras especies acompañantes son as pertences ao grupo das gramíneas (Silene rupestris ou Evax carpetana), ou diversos liques (Rizocarpon, Ramalina, etc.) e brión (Polytrichum, Ceratodom, etc.). No Deza este hábitat restrínxese aos afloramentos rochosos dalgunhas das ladeiras sudorientais da Serra do Farelo.
• Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Alnopadion, Alnion incanae, Salicion albae) (91E0): trátase de bosques de ribeira, pechados e umbrosos, que xeralmente se expande formando unha galería a ámbalas dúas beiras dos ríos. Dominan con claridade os ameneiros e os freixos, e pódeos acompañar un amplo conxunto de árbores eurosiberianas como chopos (Populus sbsp.), bidueiros (Betula alba), olmos (Ulmus glabra), falsos plataneiros (Acer psudoplatanus) e pereiras silvestres (Pyrus pyraster ou Prunus padus). Se o bosque presenta claros, neles poden darse especies máis heliófilas do tipo do sanguiño (Frangula alnus), o espiño (Crataegus monogyna), o sabugueiro (Sambucus nigra) ou salgueiros (Salix sbsp.). A principal localización na que aparece representado este hábitat correspóndense co curso alto do río Arnego, así como ao longo dos seus tributarios neste tramo. Nesta zona acada una gran extensión, aínda que non convén esquecer que estas formacións compoñen unha estreita orla nas ribeiras do Asneiro e doutro regos dos vales.
• Carballeiras galaico-portuguesas con Quercus robur e Quercus pyrenaica (9230): estas carballeiras constitúen a representación actual da vexetación potencial formada polas especies do xénero Quercus. Na actualidade se presentan formando manchas illadas, moi fragmentadas, relictas dun pasado no que os bosques deberon ocupar gran parte da comarca. A meirande parte delas aparecen como rodais no medio de terreos de cultivo e pasteiros ocupando as zonas menos apropiadas para os cultivos, se ben as máis extensas atópanse en áreas onde a ocupación humana é menos intensa, cara ás ladeiras das orlas montañosas da comarca. É destacable tamén a distribución deste hábitat en torno aos ríos Arnego e Deza, formando ocasionalmente espazos de gran valor ecolóxico.
• Bosques de Castanea sativa (9260): trátase xeralmente de plantacións antigas de castaños, con rexeneración natural ou seminatural, que substitúen ás carballeiras debido a que presentan similares requirimentos ecolóxicos. Chegan a alcanzar estruturas maduras e contan con exemplares de grandes dimensións. Estes bosques, denominados comunmente soutos, crean un ambiente moi frondoso e de avesedo, cun grande acúmulo de follas no chan, e unha reducida cuberta vexetal no estrato arbustivo, ao xeito dos fallais. Na actualidade, os soutos ocupan pequenos reductos no centro da comarca, preto das aldeas que os cultivaban. Pola súa extensión e singularidade botánica destaca a fraga de Catasós, situada ao sur do núcleo de Lalín, xa que constitúe unha das mellores e máis espectaculares representacións dos soutos galegos.
Segundo a Directiva 92/43/CEE do Consello, de 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e de fauna e flora silvestres, os tipos de hábitats prioritarios defínense como os “tipos de hábitats naturais ameazados de desaparición presentes no territorio” europeo e dos Estados membros “cuxa conservación supón unha especial responsabilidade para a Comunidade, habida conta da importancia da proporción da súa área de distribución natural” nese territorio.
Logo, dos Hábitats de Interese Comunitario catalogados polo Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño dentro do ámbito do Deza recoñécense tan só dous como prioritarios: 4020- Uceiras húmidas atlánticas de zonas mornas de Erica ciliaris e Erica tetralix (*).
91E0- Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Alno- Padion, Alnion incanae, Salicion albae) (*).
Co fin de protexer as máis representativas e/ou singulares representacións destes hábitats, ademais doutras, foron catalogadas como LIC cinco áreas incluídas por completo ou parcialmente dentro da Comarca do Deza.
Segundo a lexislación ambiental galega, a declaración dun LIC supón automática inclusión desta área na Rede Galega de Espazos Protexidos como ZEPVN. Aos cinco espazos (LIC e ZEPVN) declarados na Comarca hai que engadir o Monumento Natural da Fraga de Catasós, no concello de Lalín, que completa o listado de áreas protexidas pola administración autonómica, tal e como se amosa na seguinte táboa.
A elección destas áreas obedece non só á protección dos hábitats sinalados, senón tamén á presenza de determinadas especies, de flora e de fauna, e duns elevados valores ecolóxicos e naturais.
• LIC-ZEPVN Brañas de Xestoso: no que atinxe á área de estudio, este espazo protexido sitúase no extremo occidental do concello de Silleda, concretamente nas parroquias de Escuadro e a propia de Xestoso; aínda que tamén abrangue unha pequena porción do nordeste da parroquia de Meavía, no concello de Forcarei. Protexe pequenas áreas de turbeiras e torgueiras con esfagno (Sphagnum pylaisii), situadas entre os 640 e os 700 metros de altitude e con presenza de uceiras e carballeiras. O máis destacado desta área é a existencia de terreos hidromorfos, nomeadamente os da braña ou lagoa Sacra de Olives.
De acordo cos diferentes Anexos da DC 92/43/CEE, no LIC Brañas de Xestoso cítanse un total de 7 especies do Anexo II e 10 do Anexo IV. Mentres que en relación ao anexo I da DC 2009/147/CE contabilízanse 11 taxons da avifauna. Algúns exemplos destas esepcies son o sisón (Tetrax tetrax), a ra de San Antón, (Hyla arborea) ou os quirópteros (Myotis myotis e Rhinolophus ferrumequinum) segundo o Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia, 26 de Xaneiro do 2011.
• LIC-ZEPVN Sistema Fluvial Ulla-Deza: abranguendo parte do tramo baixo do río Deza, a parte desta área protexida incluída dentro da comarca afecta as vertentes dos concellos de Vila de Cruces (no sur das parroquias de Merza e Fontao) e Silleda (ao norte das parroquias de Pazos, Martixe, Carboeiro e Saídres). Sobresae tanto pola súa riqueza florística, dentro da que destacan os elementos mediterráneos como as sobreiras, os alvedros, loureiros, etc.; como polas importantes poboacións piscícolas que alberga, sobresaíndo as de salmón atlántico e a de lamprea.
O LIC Sistema Fluvial Ulla-Deza conta cun total de 25 especies do Anexo II da DC 92/43/CEE, 28 do Anexo IV e 21 aves incluídas no Anexo I da DC 2009/147/CE segundo o Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia, 26 de Xaneiro do 2011, inda que gran parte destas especies están fóra da Comarca Paisaxística.
• LIC-ZEPVN Sobreirais do Arnego: trátase dunha extensión vinculada ao val fluvial do Arnego, onde o río serve de límite entre os concellos de Agolada e Lalín. En Agolada afecta ás parroquias de Brántega, Carmoega, Santa Comba e Vilariño; mentres que en Lalín vense afectadas por esta figura o nordeste de Rodís, Cangas, Cadrón e unha estreita franxa na beira do río en Moimenta e A Veiga. Mediante a protección deste LIC preténdese conservar a principal masa forestal representativa da fraga atlántica con influencia mediterránea, que se introduce polo val do Ulla. O máis destacado é a presenza das sobreiras e dos carballos formando amplas masas boscosas.
O número de especies segundo o Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia, 26 de Xaneiro do 2011, incluídas no Anexo II da DC 92/43/CEE do LIC Sobreirais do Arnego é de 16. Por outra banda este LIC conta cun total de 19 taxons incluídos no Anexo IV da citada Directiva. Pódense citar a saramaganta (Chioglossa lusitanica) e a lontra (Lutra lutra). En canto á avifauna cítanse neste LIC 12 especies incluídas no Anexo I da DC 2009/147/CE, que inclúen Caprimulgus europaeus, Circaetus gallicus ou Sylvia undata.
• LIC-ZEPVN Serra do Candán: aínda que a extensión excede os límites da comarca, nesta o LIC afecta ao sur do concello de Silleda (Refoxos, Laro e Parada), ao sudoeste de Lalín (Vilatuxe e Zobra), ao sueste de Forcarei (Aciveiro) e ao norte de O Irixo (Espiñeira). Protéxese con esto un área de montaña de mediana altura na que destacan as extensións de matogueiras e pasteiros alternando con abondosos afloramentos rochosos. Ademais, ocupando menores extensións, coexisten pequenas carballeiras nas torrenteiras, e turbeiras con esfagno.
Inclúense segundo o Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia, 26 de Xaneiro do 2011, un total de 18 taxons do Anexo II da DC 92/43/CEE e 27 do Anexo IV, citándoseos invertebrados Margaritifera margaritifera e Oxygastra curtisii, así como as especies de quirópteros de interese comunitario Myotis daubentonii ou Myotys emarginata. Do conxunto da avifauna, neste LIC contabilízanse 15 especies do Anexo I da DC 2009/147/CE.
• LIC-ZEPVN Monte Faro: no territorio comprendido dentro da Comarca Paisaxística de Deza, este espazo protexido inclúese tan só no concello de Rodeiro, na parte oriental das parroquias de Fafián, Santa Baia de Camba, San Paio de Senra e San Martiño de Asperelo. Protéxese baixo esta figura unha área da media montaña galega que alberga interesantes formacións de matogueiras, ademais de impresionantes panorámicas paisaxísticas de todo o Deza.
No referente á riqueza florística e faunística, segundo o Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia sinalar que este conta coa presenza de 9 taxons do Anexo II da DC 92/43/CEE, 16 do Anexo IV e 8 no Anexo I da DC 2009/147/CE. Algúns exemplos son os hérpetos (Hyla arborea, Triturus marmoratus, Discoglossus galganoi), ou os quirópteros (Barbastella barbastellus e Eptesicus serotinus).
• Monumento Natural Fraga de Catasós: esta pequena área de Lalín situada no lugar de Quintela (parroquia de Catasós), coñécese tamén co nome de Fraga de Quiroga. Presenta un valioso bosque mixto autóctono conformado por castiñeiros (Castanea sativa) e carballos (Quercus robur), pero o realmente destacable é o porte que acadan os primeiros, chegando a medir 30 metros de altura e 5 de perímetro, polo que dende que fora catalogado recoñécese o seu alto valor científico. Dáse ademais a presencia de especies endémicas do noroeste peninsular como o narciso (Narcissus cyclamineus).
Ademais destes espazos principais, algúns dos valores naturais máis importantes da comarca vincúlase á presenza de determinadas especies vexetais catalogadas pola súa singularidade ou polo seu deficiente estado de conservación.
Nalgúns casos a súa importancia reside normalmente na restrinxida distribución, moitas veces adscrita tan só ao noroeste peninsular -endemismos-. Trátase maioritariamente de especies arbustivas ou herbáceas, conformadoras das matogueiras que recobren as montañas da comarca, onde se atopan unhas condicións edáficas e climatolóxicas particulares.
Na seguinte táboa móstranse as especies, tanto fentos como plantas superiores, incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, aprobado polo decreto 88/2007 do 19 de abril (o asterisco xunto ao nome identifica á especie como un endemismo).
Un gran condicionante florístico da comarca é a presenza de solos ultrabásicos, pobres en nutrientes e cun alto contido en metais pesados, que só permite o desenvolvemento de certos taxóns resistentes a estas condicións e que polo tanto amosan distribucións moi restrinxidas. As actividades humanas engaden un factor biodiversificador adicional, xa que moitas das especies que no pasado medraban de xeito silvestre foron desprazadas pola proliferación de prados e cultivos ás estreitas marxes das lindes, onde algunhas perduran como reliquias na actualidade.
Ademais na Comarca Paisaxística catalóganse varias exemplares no Catálogo galego de árbores senlleiras, a través do Decreto 67/2007, do 22 de marzo. Este Decreto pretende establecer o réxime xurídico básico para as árbores que se inclúan no dito catálogo, coa finalidade de protexelas de posibles riscos e ameazas, garantindo así a súa conservación. A finais do 2011, dentro desta comarca localízanse tres exemplares no concello de Lalín (Fraga de Catasós, Carballo de Soutolongo e Carballo de Vilatuxe) e un en Silleda (Sobreira de Siador).
Con carácter local, ademais, cada concello, mediante os instrumentos de ordenación do seu territorio, sérvese das competencias en materia de protección ambiental para engadir á lista de espazos protexidos os lugares máis destacados dentro do seu ámbito.
Segundo a clasificación pormenorizada do solo, as áreas protexidas locais soen recibir a clasificación de Solo Rústico de Protección, que á súa vez pode ser Ecolóxica, de Espazos Naturais, Forestal, etc.; en función do instrumento de ordenación vixente en cada concello (Normas Subsidiarias Provinciais ou Plans Xerais de Ordenación Municipal).
Na táboa seguinte adxúntase o listado dos espazos máis destacados en canto ao seu valor natural e ecolóxico nos municipios da Comarca Dezá, sempre e cando queden incluídos na área de estudio. Ademais dos xa catalogados, engádense as propostas feitas nos respectivos documentos propios da tramitación ambiental (Estudios de Medio Rural e Informes de Sostibilidade) dos municipios que se atopen nesta fase de ordenación do seu solo.
Fonte de información: "Paisaxe Galega. Catálogo Paisaxístico da Comarca de Deza" (Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Xunta de Galicia)