O Picafontes palmado


Paco López enviounos estas fotografías dun exemplar macho de "Picafontes palmado" (Lissotriton helveticus), que atopou nun estanque no lugar de Fixó, na Serra do Cándán, durante unha das súas rutas de montaña.

O Lissotriton helveticus é un tritón de pequeno tamaño, con patas delgadas e parótides pouco marcadas. Ten unha lonxitude total de entre 6-8 cm. Cola machucada lateralmente.

A cor dorsal é parda ou beixe con manchas irregulares negras. Ventre de cor amarela ou laranxa clara. Ten cun característico "anteface" que vai dende o fociño até a parte posterior da cabeza.

Os machos en celo teñen as patas posteriores palmeadas, e as cristas caudais ben patentes.

Na Península Ibérica, a súa distribución limítase á cornixa cantábrica, norte de Castela e León, Navarra, Aragón e Catalunya. En Galiza é bastante abundante no norte, máis escaso cara o sur, e sobre todo cara o leste.

Gosta de vivir en diferentes masas de auga (lagoas, pozos, charchas...), sempre que sexan estancadas ou de corrente lenta, preferibelmente aquelas con abundante vexetación nas súas marxes e somerxida. Non require augas especialmente limpas, tolerando un certo tipo de turbidez.

Cada femia deposita, un a un, na vexetación acuática, entre 300 e 450 ovos de 1,5-3mm de diámetro. Ao nacer, miden uns 8 mm. de lonxitude total e ao metarmofosear os 25 mm., aínda que poden chegar aos 50 mm. de lonxitude total.

As larvas teñen cor parda por arriba e abrancazada por abaixo. Ao metamorfosearse, posúe unha liña vertebral alaranxada.

A alimentación do "Picafontes palmado" consiste básicamente en larvas acuáticas de insectos e tamén dalgúns insectos adultos (dípteros).

Trátase dunha especie bastante común, pero que tamén está ameazada por diversos factores. Entre as causas da súa regresión cabe mencionar a destrución dos seus hábitats naturais e a desaparición e contaminación orgánica ou con pesticidas dos medios acuáticos, fenómenos todos eles derivados de prácticas agrícolas e de pastoreo intensivo; outras causas de regresión son o abandono de prácticas gandeiras tradicionais que provocan a deterioración e a paulatina desaparición das pías de auga onde abeberaba o gando, a cada vez máis acentuada estacionalidade de arroios e outros cursos de auga, e a introdución de especies alóctonas de peixes con fins ornamentais ou para a pesca.  

Agradecer a Paco o envío destas fermosas fotografías.