Se alguén coñece cada recuncho da Serra do Candán, ese é Paco López. Nas súas andainas pola Serra sempre nos envía fantásticas instantáneas da fauna e flora coa que se atopa.
Hoxe publicamos varias das súas fotografías de réptiles, concretamente esta dun fermoso exemplar de "Víbora de Seoane" (Vipera seoanei), que se camuflaba entre as follas secas e que na que podemos ver con claridade o seu deseño dorsal e a característica "V" co vértice cara adiante na parte posterior da cabeza:
Na seguinte secuencia, podemos ver un magnífico exemplar de "Cobra de colar" (Natrix astreptophora), saíndo dunha das pozas do regato Grobas. Como sabedes, esta cobra é totalmente inofensiva e habita preto de ríos, lagoas e charcas, alimentándose principalmente de anfibios e tamén de pequenos peixes. Excelente nadadora, esta Natrix pode chegar a medir 1,30 metros, aínda que habitualmente non superan o metro de lonxitude.
Agradecer a Paco o envío destas fotografías, que engadiremos ao noso arquivo documental sobre estas dúas especies.
Recomendarvos a todos e todas, que se queredes coñecer con detalle tódalas marabillas da nosa Serra, visitedes e sigades en Facebook a súa páxina SENDEIROS DO CANDÁN. Totalmente imprescindible.