Araña da familia dos tomísidos. Polo xeral, os tomísidos presentan o corpo algo aplanado; as patas exténdense horizontalmente cara os lados. Os dous pares de patas anteriores son claramente máis longas que as traseiras. Acostuman a axexar nalgún sitio elevado (coma unha flor) e agardan ata que se achegue algunha presa.
Os dous sexos presentan unha diferencia de tamaño considerable, de 7-10 mm. a femia e de 2-4 mm. o macho. Os dous sexos cos cantos posteriores do opistosoma formando ángulo e con dous saíntes laterais nos cantos anteriores do prosoma, onde se sitúan os ollos laterais.
As femias son de cor moi variable: coa cor de base amarela, branca ou rosa e con debuxos de diversa extensión en outras cores diferentes. Os machos son sempre parduscos, coa tibia e os tarsos dos dous pares de patas dianteiras claramente máis escuros. Adultos de maio a agosto.
Habitan en sitios soleados e abertos con vexetación non demasiado escasa, coma pastos secos con plantas altas e floridas, prados ou marxes de camiños.
Como comentamos anteriormente, axexa ás súas presas principalmente sobre as flores. A cor da femia correspóndese coa cor da flor case á perfección. En determinados entornos, pode adaptar a súa coloración a dito entorno, tal e como se investigou con máis exactitude no caso da Misumena vatia. Esta adaptación da cor só a poden facer as femias adultas e o proceso require de varios días.
Durante o apareamiento, habitualmente en xuño, o macho monta á femia dende diante e introduce, coma os Licósidos, os palpos un tras o outro dende ambos lados do opistosoma feminino. Compórtase dun xeito diferente a outros tomísidos estudados, nos cales o macho descende por detrás do opistosoma, rodea as fileiras e logo, ventre contra ventre, introduce os palpos dende atrás e dende o ventre.
Lugar de observación: Sobreirais do Arnego. Carmoega. Agolada.