Consideracións sobre a legalidade dos campionatos de raposo e se resultan coherentes cos principios que rexen a ordenación cinexética.
A pesar de que a Lei 13/2013, de caza de Galiza, recolle a figura das competicións de caza, algunhas delas tal e como se desenvolven poden resultar totalmente opostas ao que se pretende con dita lei. A isto debe engadirse a manifesta e xeralizada repulsa da sociedade cara este tipo de eventos, sendo incluso denostado por cada vez máis aficionados á caza e organizacións cinexéticas defensoras do que definen como “caza social".
Estes campionatos nada teñen que ver cunha práctica ordenada da caza e representan unha manifestación anacrónica dunha barbarie contra o noso patrimonio natural, nomeadamente contra os raposos, mamíferos carnívoros fundamentais para o equilibrio e funcionamento ecolóxico do noso medio natural.
Estas competicións poden estar vulnerando a propia Lei de caza pois:
- Están á marxe das previsións que os Tecores recollen nos seus Plans cinexéticos de ordenación, e teñen moi difícil encaixe nas memorias dos Plans Anuais de caza.
- Trátase dun formato competitivo que organiza a Federación de Caza baseado exclusivamente en premiar a habilidade en matar maior número de raposos nun tempo moi curto, nun espazo moi concreto, e unha presión elevadísima por número de escopetas, co cal de modo combinado se están propiciando "unhas condicións cruentas" da práctica cinexética, co que se pode estar incumprindo o artigo 61 da lei.
- Ademais o formato de competición da lugar ao que a lei define, no apartado 1 do artigo 69, coma un procedemento que "turba gravemente a tranquilidade das poboacións dunha especie cinexética" e, polo tanto, susceptible de ser considerado coma "unha morte indiscriminada de exemplares" mediante, o que podemos interpretar coma un particular procedemento masivo de captura de caza, neste caso polo alto número de persoas exercendo a acción de cazar, e o importante número de exemplares que poden chegar a matarse. Deste modo pode entenderse que se vulnera o artigo 69, e estar incorrendo nun dos supostos de "procedementos de caza prohibidos".
- Ademais de ser contrario aos principios de "...protexer, conservar, fomentar, e aproveitar ordeadamente os recursos cinexéticos de modo compatible co equilibrio natural", que se recollen no artigo 1 da lei.
Polo tanto estamos ante un procedemento cruento, indiscriminado, e sometido a un método masivo de captura, que pode interpretarse contrario aos principios que promulga a lei de caza no tocante ao ordenación cinexética sobre as exixencias ecolóxicas e de sostibilidade que deben considerarse na planificación e aproveitamento dos recursos cinexéticos.
Artigo: Martiño Nercellas Méndez (Biólogo)
Foto: La Opinión Coruña