Sombreiro de 4-10(-12) centímetros de diámetro, inicialmente subgloboso ou hemisférico, logo plano-convexo ou plano, a miúdo obtusamente mamelonado; marxe enteira, incurvado na mocidade; superficie seca e mate, de aspecto tomentoso-fibriloso, furfuráceo, ou afieltrado-escamoso, dunha cor uniforme violeta moi escuro, aínda que pode evolucionar ao pardo-violáceo coa idade. Pé de 6-12 x 1-2 centímetros, ríxido, macizo, claviforme ou subbulboso, na base de -4 centímetros de diámetro, do mesma cor que o chapeu e coa base cuberta de abundante micelio violeta.
Láminas pouco apertadas, dunha intensa cor violeta escuro, aínda que coa maduración adquiren unha coloración pardo-chocolate. Carne de cor uniforme violeta, cun cheiro particular que lembra á madeira de cedro e un sabor doce.
Frutifica desde finais do verán e ao longo do outono, en grupos ou illada, en zonas herbosas baixo frondosas (bidueiros, amieiros, salgueiros...) e tamén baixo coníferas en montaña, tanto en chans acedos como calcáreos. Distribúese soamente na metade norte peninsular. En Galiza é relativamente común, pero non abundante. Non ten interese culinario.
Lugar de observación: Palmou. Lalín.