04 Nov
04Nov

Cogomelo de entre 2 a 8 cm. de diámetro, ao principio de cónico-obtuso a campanulado coa marxe involuta, logo convexo ou plano-convexo, con amplo mamelón obtuso, de consistencia elástica, coa marxe non estriada e a miúdo con restos de veo.

Superiormente seco e mate, nunca viscoso en tempo húmido, apenas higrófano, liso ou lixeiramente sedoso na zona marxinal, de cor amarelo-xofre pálido a verdoso-amarelado, co disco parduzco-ocráceo ou pardo-tostado. O pé é cilíndrico, firme e elástico, a miúdo curvado, sólido ao comezo e logo oco, de cor xofre ou amarelo-verdoso, gradualmente amarelo-alaranxado.

Superficie fibrilosa, cun anel cortiniforme algo fráxil a miúdo manchado de pardo escuro. Láminas máis ou menos apertadas, estreitas, rectilíneas ou sinuosas, anchamente adnatas ou emarxinadas, de cor xofre a verde-citrino cando novas, logo pardo-oliváceas e finalmente pardas.

Carne de cor amarelada, con pouco cheiro e sabor fortemente amargo e astrinxente. 

Aparece desde a primavera ata xa entrado o inverno, medrando de modo fasciculado en grupos de numerosos individuos ou excepcionalmente gregario; saprófito, frutifica en tocos, troncos mortos e madeira enterrada ou caída, tanto de coníferas como de moi diversos caducifolios.

En Galiza é moi abundante e ben coñecida. Trátase dun cogomelo tóxico que convén coñecer pola súa abundancia e porque provoca trastornos dixestivos ás veces moi severos, aínda que se coñecen poucos casos que causasen a morte.


Lugar de observación: Lalín

Comentarios
* O correo electrónico non se publicará na páxina web.