Sombreiro de 8-20 (30) cm. de diámetro, inicialmente globoso, subgloboso, cónico-campanulado, acampanado ou hemisférico, que logo se aplana progresivamente ata facerse convexo, plano-convexo, plano ou un pouco deprimido, cun mamelón obtuso e bastante prominente; marxe enteira, fimbriado ou denticulado pola presenza de restos do veo parcial; superficie de cores pardos algo variables, desde castaño escuro ata pardo-ocráceo, uniforme na porción central, mentres que cara á periferia rompe en grandes escamas imbrincadas, dispostas en forma concéntrica, menos densas cara á marxe e que destacan sobre un fondo esbrancuxado ou crema.
Talo de (10) 15-30 x 1,2-3 cm., cilíndrico, coa base dilatada fortemente nun bulbo napiforme, fistuloso, coa superficie de cor crema-ocráceo, ocráceo ou pardo-ocráceo, tipicamente fragmentada en escamas aplicadas que se dispoñen en numerosas bandas transversais e máis ou menos completas (aspecto atigrado); anel grande, súpero, móbil, membranoso, cunha estrutura dobre e complexa, tipicamente esfiañado nos seus bordos.
Láminas apertadas, libres, ventrudas, e segundo a idade, brancas, crema ou manchadas de ocráceo; aresta lixeiramente floconosa. Carne branca ou crema, inmutable, sen cheiro nin sabor moi particulares.
Aínda que pode frutificar desde finais de primavera, pode considerarse unha especie outonal; aparece en grupos máis ou menos numerosos, raramente solitaria, ás veces formando roda. Crece de modo saprófito en zonas descubertas de bosques, nas súas marxes, así como en zonas ben asolladas como pastos, dunas e bordos de camiños.
Amplamente distribuída por toda Galiza, sendo valorada como comestible. Moi buscada por ser unha especie de alta calidade gastronómica e porque ademais presenta gran tamaño; é practicamente imposible confundila, aínda que os exemplares pequenos poden suscitar algunhas dúbidas.
Lugar de observación: Lalín.