13 Nov
13Nov

Sombreiro de 3-10(-15) centímetros de diámetro, hemisférico ou cónico-convexo ao principio, despois campanulado e progresivamente estendido e plano-convexo, co centro suavemente umbonado ou non; marxe aguda e bastante regular, que permanece incurvado ata case o final do desenvolvemento.

Superficie seca e mate, densamente escamosa e floconosa, con escamas apertadas e densas no centro, progresivamente separadas cara á marxe, de cor púrpura-viñoso ou rosa-amatista vivo, que contrastan co fondo amarelo-dourado. Talo de 3-12 x 1-2,5 cm., cilíndrico ou claviforme, ás veces curvado ou lixeiramente fusiforme, groso e firme, oco ao madurar; superficie lisa e amarelada no ápice, progresivamente máis fibrilosa-floconosa cara á base, con densas granulacións de cor viñoso-amatista, que contrastan co fondo amarelo pálido; base provista xeralmente dun feltro miceliar esbrancuxado.

Láminas bantante densas, con numerosas laminiñas intercaladas, anchas e anastomosadas, de cor amarela-dourada. Carne grosa e compacta, adelgazada cara á marxe, de cor crema-amarelado; cheiro suave e non característico. 

Aparece en grupos, ás veces numerosos ou mesmo en fascículos, desde finais do verán e ao longo do outono. Saprófita, lignícula, aparece sempre sobre tocos ou troncos de coníferas, especialmente nos piñeirais tanto autóctonos como repoboados.

Causa podremia branca á madeira. Amplamente distribuída por toda Galiza, trátase dun cogomelo inconfundible, que se recoñece con facilidade debido ao aspecto escamoso ou floconoso do sombreiro e o talo, con escamas de cor púrpura-viñoso ou amatista que contrastan co fondo amarelado. Non é comestible, ou ben se considera moi mediocre polo seu amargor.


Lugar de observación: Sobreirais do Arnego. Carmoega. Agolada.

Comentarios
* O correo electrónico non se publicará na páxina web.