15 Feb
15Feb

Gaiteiro de 45-49 mm., de ás máis ensanchadas centralmente que outras especies e as patas de cor negra. O macho ten o corpo dun azul cobalto metalizado coa coloración ventral, nos segmentos 8º e 9º do abdome, castaño avermellado e co 10º segmento e os apéndices anais inferiores de cor castaña moi clara. As ás do macho están tinguidas de castaño escuro con reflexos azuis agás desde a parte basal até o centro, que é hilaina. As femias son de coloración xeral verde metálica coas ás afumadas de cor acastañada e o pseudopterostigma branco afastado do ápice da á.

Nas ás dos machos, a zona coloreada de azul comeza moito antes do nodo no bordo anterior da á a diferenza de Calopteryx xanthostoma, que comeza a nivel do nodo. As ás da femia con veado sen reflexos metálicos e co pseudopterostigma máis afastado do ápice da á que en Calopteryx xanthostoma; a distancia entre o pseudopterostigma e o nodo é unhas tres veces a distancia entre o pseudopterostigma e o ápice.

Habita en cursos de auga permanentes con certa velocidade e ben osixenadas.

As anchas ás outórganlle a capacidade dun voo potente e á vez boiante ao xeito dunha gran bolboreta. Os adultos non se afastan normalmente demasiado dos medios onde nacen. Tras un período de dúas semanas de maduración os machos tentan manter un territorio que comprende, ademáis dalgúns pousadoiros para a caza, un lugar axeitado para a posta de ovos. Os adultos poden vivir até unhas seis semanas.

Resulta máis doado observalo en treitos fluviais cunha gran cobertura de bosque de ribeira que ouras especies de gaiteiro. A maior parte da poboación aparece entre primeiros de abril e primeiros de outono.

A súa presenza en Galiza só está limitada pola existencia de cursos de auga en boas condicións ambientais.


Lugar de observación: Río Deza. A Trigueira. Zobra.

Comentarios
* O correo electrónico non se publicará na páxina web.