07 Feb
07Feb

Quitaollos grande, de 64-82 mm., de coloración xeral negra e amarela. Os ollos están en contacto entre eles nun único punto. As ás son hialinas cun pterostigma longo e estreito, máis longo nas ás anteriores que nas posteriores. As ás posteriores dos machos presentan ángulo anal e un triángulo anal de 3 ou máis celiñas. O tórax contra con catro bandas amarelas nos costados, das que a 3ª pode presentarse interrompida. Os apéndices anais superiores dos machos aparecen moi próximos na base pero logo diverxentes. Lateralmente, obsérvase neles un dente inferior.

As femias teñen un longo ovopositor de cor negra  cunha mancha amarela na base. A especie presenta na península ibérica unha moi alta variabilidade, tanto a nivel individual como poboacional. A diferenciación das subespecies baseouse tradicionalmente na distribución das manchas, polo que a presenza e destribución destas na península foi moi cuestionada. De todos os xeitos a maior parte dos exemplares de Galiza adscribíronse á subespecie Cordulegaster boltonii boltonii.

O desenvolvemento larval ten lugar en augas correntes, desde regatos até grandes ríos, independientemente da sombra ou vexetación acuática que presenten. Está ausente, iso si, en cursos de auga moi lenta.

Pousan a baixa altura sobre algunha póla deixando pendurar o abdome de xeito vertical. As femias poñen os ovos na lama das beiras dos cursos onde habita, afundindo vertical e repetidamente o abdome no substrato. O período de voo comprende desde xuño até finais de setembro.

En Galiza é unha especie moi frecuente e amplamente espallada.

Nota: Na foto de portada móstrase un exemplar macho e nas outras dúas un exemplar femia.


Lugar de observación: 

  • Río Deza. A Trigueira. Zobra.
  • Bustelos. Lalín.
Comentarios
* O correo electrónico non se publicará na páxina web.