19 May
19May

A máis pequena das lebres ibéricas. Corpo robusto e flexíbel, cabeza alongada co fociño chato, destacan as grandes orellas que cando as deitamos cara adiante sobre o fociño o excede folgadamente. Rabo pequeno, recuberto de moitos pelos longos. Extremidades fortes e alongadas, capaces de proxectar o seu corpo a velocidades de até 70 km/h, grazas en parte á extraordinaria flexibilidade da columna vertebral e á forza que imprimen as extremidades posteriores, máis longas e desenvolvidas.

Mans pentadáctilas e pés tetradáctilos, recubertos de pelos fortes moi elásticos, ambos con unllas fixas e rectas. Os pés posúen unha glándula coa que impregnan as pegadas dun característico cheiro. Con frecuencia érguese sobre as extremidades posteriores, poden subirse a arbustos ou muros de pedra. Durante a carreira cambia bruscamente de dirección.

Dimorfismo sexual acusado, femias máis grandes que os machos. O cranio presenta gran desenvolvemento do proceso supraorbitario, chegando a alcanzar o tubérculo temporal. Sutura nasofrontal en "Y", nunca en "V". Anchura da fosa palatina superior á lonxitude da ponte do padal, presenta forame ben visíbel.

Posúe un segundo par de incisivos detrás do primeiro. A rama mandibular presenta forame situado aproximadamente á metade do diastema. Patrón de coloración mimético. Dorso pardo amarelento ou avermellado salpicado con pelos negros, partes inferiores brancas, cunha liña de contraste na zona dorsoventral.

A superficie branca esténdese máis que noutras lebres, abarcando a parte superior das extremidades dianteiras, así como como as mans e a cara inferior e pés das posteriores. Teñen unha capa de borra gris. Extremo das orellas negro. Cara dorsal do rabo negra e parte inferior branca. Presenta un anel branco ao redor dos ollos. Grazas ao mimetismo do pelame, a lebre adoita encamarse en superficie. Dependendo do tipo de chan, realiza unhas pequenas escavacións alongadas, máis profundas nun extremo, de maneira que os cuartos traseiros encaixen na parte con maior profundidade, asomando só parte da cabeza.

Os encames onde pare están protexidos baixo arbustos ou matogueiras. O período de reprodución comeza en xaneiro, podéndose estender até xuño, moi condicionado á abundancia de alimento e á climatoloxía favorábel. Poden reproducirse até tres veces ao ano. Os machos detectan a femia en celo polo cheiro dunha glándula inguinal que durante ese tempo se mostra evidente. Case non existe un cortexo previo, os machos pelexan violentamente ergueitos sobre as extremidades posteriores, parecen danzar, mentres se propinan labazadas coas extremidades anteriores ou se dan couces. O vencedor ulisquea a femia para, logo dunhas aventuras, proceder á cópula. O tempo de xestación é de entre 42-45 días.

Cun número de cazapos de 1-5 por parto. Nacen con pelo e as poucas horas sepáranse as distintas crías, confiándose plenamente no mimetismo. A fémia aléitaas ao anoitecer durante uns oito minutos ao día, reducindo cada vez máis ese tempo. Tras un mes de coidados, os lebratos son destetados. Adquiren a madurez sexual entre os 12-15 meses.

As lebres son solitarias, mostran actividade nocturna, comenzándoa xusto despois de caer o sol. Teñen un bo olfacto, podendo recoñecerse entre elas polo cheiro das plantas dos pés. En Galiza está presente en gran variedade de hábitats, preferindo os espazos abertos con matogueiras que lle ofrezan protección, en pradarías de montaña ou campos de cultivo desde o nivel do mar até as campas da alta montaña.

Aliméntase principalmente de herbas, pero tamén de talos ou froitos. Ben distribuida en Galiza, pero escasa por mor da caza.


Lugar de observación: Lalín.

Comentarios
* O correo electrónico non se publicará na páxina web.