Cabeza grande e robusta cun perfil lixeiramente cóncavo. As orellas son pequenas e triangulares, sempre erguidas. O fociño curto e robusto e a boca grande, con mandíbulas ben armadas e moi poderosas grazas aos músculos maseteres, cos que traba a parte dos ósos de gran tamaño. Os ollos son oblicuos, de cor alaranxada e cunha penetrante mirada.
Expresividade provocada, en parte, polos músculos meseteres, parcialmente inseridos nas cavidades oculares, imprimíndolles certa oblicuidade. O pescozo presenta unha gran masa muscular, responsábel da forza necesaria para abater unha presa, que, nalgunhas ocasións, pode triplicar o seu tamaño.
Trátase dun corredor de fondo e toda a súa morfoloxía está adaptada a este fin: corpo forte, de perfil algo cóncavo na altura da cruz, as extremidades anteriores son pentadáctilas e máis grandes que as posteriores tetradáctilas. Cola longa e moi peluda. Non existe un lobo cunha librea igual a outra. No inverno, a súa pelaxe preséntase densa, cunha capa de borra que funciona como illante térmico e que, xeralmente, perde no mes de abril, deixando paso a outra máis lixeira para poder soportar as calores do estío.
Polo lombo, as cores máis frecuentes son o pardo ou cincento, mentres que na zona ventral e extremidades a tonalidade é canela. A subespecie ibérica caracterízase por ter unhas manchas negras na cara externa da cola e unha liña negra na cara interior das patas dianteiras. Á altura dos frontais, o cranio presenta un perfil cóncavo. Os arcos cigomáticos son moi fortes e a crista saxital prominente.
A envergadura dos machos é maior que a das femias. As femias alcanzan a madurez sexual aos dous anos, mentres que nos machos aparece aos tres. O celo acontece entre xaneiro e febreiro, aínda que pode estenderse até abril. Durante este tempo, o macho ulisca os sinais olorosos que a femia receptiva desprende, por mor dunhas glándulas que esta posue a ambos lados da vulva. O cheiro co que o macho dominante marca o seu territorio, con ouriños, defecacións ou fregas das patas anteriores no chan, procede dunha glándula que o animal posúe na rexión caudal.
Polo xeral, as unións sexuais son permanentes, é a femia alfa a que escolle o mellor proxenitor. O tempo de xestación é de 63 días e os partos prodúcense de abril a xuño, cunha camada ao ano, de entre catro a cinco lobetos. Durante a crianza a parella dominante sepárase do clan. A parideira é escollida pola femia, ben unha cova natural ou escavada por ela mesma, sempre con auga abundante nas proximidades. É frecuente que teña outras parideiras de reserva.
Na manda, só a femia dominante pode reproducirse. O período de actividade do lobo céntrase nas horas nocturnas, podéndose desprazar nunha noite entre 10-50 quilómetros para buscar o alimento.
Presente en todas as altitudes, non ten un hábitat preferido, senón que máis ben é xeneralista, podémolo atopar alí onde o alimento sexa abondoso. Por norma xeral, busca zonas de pouca presión humana.
A alimentación, variada e oportunista, abarca dende pequenos invertebrados, roedores ou lagomorfos en cantidades abondosas, até ungulados, segundo a zona, tanto domésticos como salvaxes, sendo o corzo ou o xabarín as presas máis consumidas. É frecuente atoparse restos de gramíneas no interior das defecacións.
Os lobos viven en mandas moi xerarquizadas, constituídas por macho e femia dominante. Dentro da manda, outro macho exerce como opositor a ser o líder do clan, acompañado dunha femia que non entra en celo até que a dominante deixe de selo. Dentro de cada manda, constituída por entre cinco ou dez lobos, hai unha serie de subadultos subordinados ao clan que están próximos á emancipación.