Na nosa tarefa de divulgación, procuramos reflectir fielmente as situacións naturais da biodiversidade da nosa comarca, evitando calquera perturbación no comportamento dos seres vivos, primando en todo momento a seguridade dos mesmos sobre a obtención de imaxes ou calquera outro tipo de información.
Dese xeito, cando realizamos o noso traballo de documentación, esforzámonos en evitar a excesiva proximidade aos suxeitos, para non crear situacións de tensión, intimidación ou modificación do seu comportamento natural, e sobre todo, a súa habituación á presenza humana.
Prestamos especial atención ás circunstancias nas que os seres vivos poden ser máis vulnerables, como as épocas de cría ou nidificación ou as condicións meteorolóxicas desfavorables.
En ningún caso utilizamos reclamos ou atraentes de ningún tipo coa fauna salvaxe para a realización de actividades fotográficas ou de estudo, coa finalidade de evitar alteracións nos individuos e nas súas poboacións, que poidan introducir enfermidades, ocasionar accidentes ou comportamentos non naturais.
En ningún caso extraeremos ou trasladaremos un exemplar do seu hábitat coa finalidade de obter imaxes ou información.
Esforzámonos en documentarnos e coñecer o comportamento e bioloxía das especies, así como en aprender as técnicas necesarias para reflectilas con fidelidade, buscando o asesoramento e a colaboración de expertos na materia.
Respectamos a lexislación vixente en canto aos espazos naturais, especialmente nas áreas protexidas ou reguladas onde desenvolvamos a nosa actividade.
Respectamos e conservamos a integridade da paisaxe, así coma os seus valores patrimoniais (arqueolóxicos, xeolóxicos…), evitando calquera alteración ou manipulación irreversible do medio e prevalecendo isto sobre calquera das nosas actividades.
Comprometémonos a informar e a colaborar coas autoridades ante calquera infracción ou procedemento indesexable que sexa detectado.
Do mesmo xeito, comprometémonos a non divulgar información que poida comprometer a integridade de especies protexidas ou ameazadas así como a degradación de espazos de especial sensibilidade.