11 Mar
11Mar

Ave de 34-38 centímetros. O macho ten a cabeza arrubiada cunha banda ocular verde enmarcada cunha fina lista color crema; papo crema finamente apencado; lombo e costas cincentos, estas vermiculadas; ventre branco; pousado mostra notoria lista alar branca; espellete verde e negro; infracobertoiras caudais cunha rechamante mancha amarela ocrácea. En plumaxe de eclipse, xullo-setembro, é semellante á femia que é parda apencada escamuda co ventre claro e borde do rabo branco; patas e peteiro cincentos. (Escoitar Anas crecca)

Os inmaturos son semellantes a ela, pero co peteiro amarelo alaranxado na base, o ventre apencado e a lista alar anterior da mesma anchura en toda a súa lonxitude; acadan a plumaxe definitiva a principios do inverno. Voo rápido, no que se aprecia dobre risca alar branca bordeando posterior e anteriormente o espellete, a risca anterior ten forma cuneiforme.

Pode confundirse coa Cerceta da Carolina, pero esta ten unha liña vertical moi notoria entre o peito e as costas e carece da lista alar.

Holártica. Aniña no norte e centro de Europa. Na Península Ibérica é fundamentalmente ibernante e repodúcese de forma ocasional no norte, Toledo e Cataluña. En Galiza é invernante abondosa de decembro a febreiro, vese tamén en paso prenupcial en marzo-mediados de abril e posnupcial a finais de agosto-setembro e cría escasa e localmente.

Habita en ríos, esteiros, lagoas e encoros do interior.

Cría no chan entre o mato, xeralmente preto da auga. Pon en abril-maio 8-10 ovos, excepcionalmente 16, de cor amarela con tinguiduras verdosas, que choca a femia durante 21 días. Unha soa rolada. Aliméntase de materia vexetal palustre e mariña, moluscos, insectos, crustáceos e anfibios.


Lugar de observación: Lago do Pontiñas. Lalín.


Vídeos en Youtube de Anas crecca:

Comentarios
* O correo electrónico non se publicará na páxina web.