Dimensións entre 84-102 cm. Sexos iguais. Ten o dorso e ás grises, nestas as plumas remeiras son moi escuras e o vértice flexor branco e negro; cabeza, peito e ventre brancos; ao longo do pescozo, peito e costas mostra unhas riscas lonxitudinais en negro; longa crista e lista ocular negras; peteiro longo amarelo e patas pardas amareladas ou verdosas tamén longas, ambos os dous arrúbianse na primavera.
Os inmaturos ata o segundo ano teñen a crista pequena, o curuto cincento escuro, o pescozo agrisado e carecen de risca ocular. Voo lento coas ás arqueadas e pescozo encolleito redondeado.
Emite unha soa nota áspera: "croac". Pousan tanto no chan coma nas árbores. (Escoitar Ardea cinerea)
En Galiza é común e vese ao longo de todo o ano, especialmente nos pasos cando é moi abundante e poden contarse en determinados lugares ata un cento de exemplares. Como invernante pasou dos 200-260 exemplares no quinquenio 81-85 a 723-1123 no 96-00. Aniña localmente.
Habita en esteiros, marismas, encoros, lagoas. Segue os cursos fluviais.
Aniña xeralmente en árbores altas, tamén entre carriceiras e xunqueiras. Constrúe o niño a finais de febreiro-marzo con paus, ramas e carrizos e nel pon 3-5 ovos grises azulados mate que chocan ambos proxenitores durante 26 días; os polos voan ao cabo de 55.
Aliméntase de peixes, anfibios, réptiles, micromamíferos, insectos e mesmo polos de aves.
Lugar de observación:
- Lago superior do Pontiñas. Lalín. (2017)
- Prados á beira do Rego da Laxe. Vila. Lalín. (2017)
- Prados próximos ao Paseo do Pontiñas. Lalín. (2017)
- Río Deza. Carboeiro. Silleda. (2017)
- Prados en Sello. Lalín. (Avistamento de parella en Xaneiro 2017)
- Prados próximos ao Paseo do Pontiñas. Lalín. (Avistamento de 6 exemplares en Marzo 2018)
- Prados á beira do Rego da Laxe. Vila. Lalín. (Avistamento 1 exemplar Outubro e Novembro 2018)
- Río Arnego. Carmoega. Agolada. (Avistamento 1 exemplar o 03.11.2018)
- Prados en Regufe. Lalín. (Avistamento de 6 exemplares o 11.11.2018)
- Río de Orza, A Carixa. Merza. (Avistamento de 4 exemplares o 25.11.2018)