Entre 12 e 13,5 cm. de tamaño. Sexos iguais. Ten o lombo pardo; rabo negro con plumas brancas e lixeiramente gallado; mitra branca; ás negras coas puntas das rémixes brancas e unha grande franxa amarela no centro; cabeza branca e negra coa cara vermella; peteiro fino, cónico.
Os inmaturos están riscados e non teñen o deseño coloreado da cabeza dos adultos.
Voo ondulado. O seu canto é un "chu-gui, chirú, chu-gui" e outras estrofas melodiosas. (Escoitar Carduelis carduelis)
Paleártica. Na Península Ibérica é numeroso con cría en toda ela e invernantes europeos. En Galiza é pouco común e sedentario con invernantes. Ben distribuído por toda ela, sobre todo pola banda costeira, vales e ríos e zona ourensá de clima máis cálido, ata os 1.100-1.200 metros de altitude. En setembro reúnense en bandos pola costa para comer sementes de cardos.
Habita en zonas de cultivos e campos ermos con cardos.
Constrúe o niño en árbores e sebes. Pon desde a primeira semana de maio a últimos de xullo 3-4 ovos azuis claros que choca a femia durante 13 días; os polos voan logo doutros 13. Dúas roladas.
Aliméntase principalmente de sementes de cardo, bedueiro, ameneiro e insectos.
Lugar de observación: Paseo do río Pontiñas. Lalín.