25 Mar
25Mar

Paxaro de 12-13,5 cm. Sexos iguais. Ten as partes superiores pardas riscadas e as inferiores brancas cincentas coas costas ocres; estreita lista supraocular clara pouco marcada; peteiro longo e curvado; rabo pardo e gallado e mitra arrubiada.

Camiña polos troncos das árbores gabeando e tamén pola parte inferior das pólas máis grosas. Voo curto e ondulado. A súa voz é un agudo "tiit-tiit-tiit-tiiteroitit" e o reclamo agudo "sriij". (Escoitar Certhia brachydactyla)

Vese en toda a Península Ibérica, onde é común; en outono-inverno anda errático en compaña de páridas. En Galiza é sedentario e case común en todo o territorio ata os 1.400-1.500 metros de altitude.

Habita en arboredos, soutos, carballeiras, parques e xardíns.

Aniña baixo casca levantada das árbores ou en físgoas, xeralmente entre 2 e 5 metros. Pon de maio a xuño 5-7 ovos brancos apencados que choca a femia durante 15 días; os polos deixan o niño ao cabo de 16. Aliméntase de eirugas, arañas, insectos e ocasionalmente de pequenas sementes. Guitián fala de coleópteros nun 50% e de arácnidos nun 33%.


Lugar de observación: Sobreirais do Arnego. Carmoega. Agolada.

Comentarios
* O correo electrónico non se publicará na páxina web.