Ave de 38-48 cm. O macho ten as partes superiores cincentas azuladas e as inferiores brancas con pencas escuras no peito e raiado horizontal no resto; meixelas e gorxa brancas puras, bigotes anchos e base do rabo pálida. A femia é lixeiramente máis parda e máis densamente raiada.
Os inmaturos son pardos escuros polas partes superiores e cremosos con riscas verticais polas inferiores; en mudas sucesivas van adquirindo parcialmente a plumaxe adulta.
Voo característico de falconiforme con aletexos rápidos e pouco profundos seguidos de escorregadas, ás veces paira a grande altura coas ás moi tesas en forma de cruz, tamén se deixa caer en picado. Seméllase ao Falcón pequeno, pero este último ten ás máis longas e estreitas.
Emite un "kchap kchiap" repetitivo, así como diversos berros, "wiaaaa wiaaaa" ou "ki ki ki ki", tanto en voo como pousado.
Cosmopolita. Ocupa tamén toda Europa, agás parte de Inglaterra e Islandia. Na Península Ibérica é sedentario con invernantes europeos. En Galiza é principalmente sedentario con invernantes e está en incremento.
Habita en campo aberto con penedías, altos edificios (mesmo en cidades) e tamén na beiramar.
A posta sitúase nunha depresión dunha penedía a unha altura entre 10-50 metros. En anos sucesivos pode ocupar alternativamente niños diferentes. Sobre finais de abril e maio pon 3-4 ovos pardos arrubiados que chocan ambos proxenitores durante 28 días; os polos voan ao cabo de 6 semanas. Aliméntase de todo tipo de aves ata o tamaño do Lavanco real. Son bos controladores das poboacións de córvidas.
Nas zonas máis humanizadas, o espolio de niños é o seu principal problema de conservación, xa que se trata dunha ave moi apreciada para a práctica da cetrería. Outras ameazas que se deben ter en conta son o descenso da produtividade causado pola incidencia de praguicidas nalgunhas rexións eminentemente agrícolas (este problema chegou a significar en certos lugares, como América do Norte ou Finlandia, a práctica desaparición da especie hai décadas), así como a competencia con outras rapaces e a predación por parte do bufo real, unha especie en expansión e moi abundante nalgunhas rexións, que adoita compartir hábitat co falcón peregrino. Aparece na categoría “De interese especial” no Catálogo Nacional de Especies Ameazadas.
Lugar de observación: A Lagoa. Dozón.