Ave de 32-35 centímetros. Sexos iguais. Partes superiores pardas moi escuras e inferiores cincentas tamén moi escuras -á distancia semella ser negra-; nas ás apréciaselle unha banda estreita branca; as infracobertoiras caudais tamén son brancas cunha liña central negra, notorias por erguer o rabo de modo característico; escudete e peteiro vermellos, este último coa punta amarela; patas verdosas con pequena mancha vermella na parte superior.
Os inmaturos son pardos cincentos escuros coas partes inferiores máis claras; escudete e peteiro verdosos; acadan a plumaxe adulta ao rematar o primeiro inverno. Para emprender o voo bate as ás con forza axudándose coas patas. Pode mergullar. A voz é un forte "querric". (Escoitar Gallinula chloropus)
En Galiza é común, sedentaria e ben distribuída. Habita nas lagoas litorais e do interior con vexetación mesta, ribeiras de ríos -mesmo pequenos- e marismas.
Constrúe o niño preto da auga ou sobre vexetación da mesma. Pon dende finais de febreiro a finais de agosto 5-12 ovos cremosos con pequenas manchas pardas; chocan os dous proxenitores durante 19-22 días; os polos son nidífugos. Dúas roladas.
Aliméntase de herbas acuáticas, sementes e grans; tamén de insectos, moluscos, vermes e caracois.
Lugar de observación: Lago do Pontiñas. Lalín.