Paxaro de 16,5-19 cm. O macho en plumaxe estival ten o curuto, caluga, gorxa, patas e peteiro negros; fronte, fazulas, peito e ventre brancos; lombo, mitra e ás cincentos, estas últimas coas beiras brancas; rabo negro coas rectrices externas brancas. En plumaxe invernal desaparece o negro da gorxa e queda só unha media lúa no peito. A femia ten a caluga cincenta e a cabeza e gorxa cincentas escuras. Os inmaturos teñen as fazulas brancas riscadas; gorxa branca; peito escuro en forma de media lúa; no 1º ano ten branco nas fazulas, peito, ventre e gorxa, esta con mancha negra; cabeza cincenta coa fronte moi escura e resto do corpo coma os adultos.
Todos eles teñen corpo lanzal, rabo longo que abanean ao andar e peteiro fino. Vense camiñando con lixeireza polo chan e voan con longas ondulacións.
Paleártica. En Galiza é moi común dende a beiramar ata os 1.200 metros de altitude e sedentaria con invernantes europeos, pero chegan indivituos ata de Islandia.
Atópase sempre preto de lugares habitados, praias, beiras dos camiños, estradas e campos de labor.
Constrúe o niño en ocos de edificios, hedras, e outras plantas gabeadoras, desde o chan a 2,5 metros. Pon de mediados de abril a agosto 2-6 ovos cincentos ou brancos azulados que choca sobre todo a femia durante 12-14 días; os polos voan as 14-15. Dúas roladas, ás veces tres.
Aliméntase de insectos que captura en terra ou en voo, vermes, pequenos moluscos e arácnidos. Gregaria para durmir, especialmente de outubro a abril, ás veces en número de varios centos.
Lugar de observación: Lalín.