26 Aug
26Aug

Ave de 52 a 59 cm. Sexos iguais en color. A coloración é moi variable, de parda escura a cincenta nas partes superiores; as inferiores van do branco ao crema e mesmo ao pardo, moi ou pouco apencadas; cabeza gris azulada, semellante en forma á do cuco; peteiro escuro con cera gris e ollos amarelos intensos. 

En voo leva o pescozo e a cabeza proxectados cara a fóra e o longo rabo mostra pola súa parte inferior unha banda terminal escura precedida doutras dúas preto da base; as ás, vistas por abaixo, son xeralmente claras con pencas que poden formar riscas, cos vértices flexores, as puntas e as beiras posteriores escuros. Seméllase ao "Miñato común", pero este ten o rabo máis curto soamente con banda terminal, sen ningunha outra; as partes inferiores das ás xeralmente non as ten barradas; a cabeza e o pescozo non se proxectan cara a fóra; a cabeza está riscada e o peteiro é negro coa cera amarela.

Paleártica. Na Península Ibérica cría na metade norte. En Galiza é pouco común e estival de finais de marzo a mediados de setembro. Como aniñante segue sendo escaso. 

O abandono das áreas de cría ten lugar a finais de agosto ou principios de setembro; a partir destas 3 datas, atravesa España, que constitúe a principal vía de paso do groso do continxente europeo, con destino ao estreito de Xibraltar. A migración desta especie, que segue as mesmas rutas ano tras ano, caracterízase por unha perfecta sincronía entre todos os  migrantes, o que lles permite coincidir nas mesma data (setembro) nas inmediacións do Estreito, onde agardan, en grandes concentracións, a que as condicións meteorolóxicas sexan as apropiadas para cruzar o mar. O paso inverso, correspondente á migración  prenupcial, rexistra o seu máximo en maio. 

Habita en bosques caducifolios con claros. Constrúe o niño en árbores entre 5-30 metros. En maio pon 2 ovos cremosos con ou sen manchas escuras; choca principalmente a femia durante 30-35 días; os polos voan a partires dos 40.

A dieta desta rapaz está baseada no consumo de  avispas e abellóns, tanto os adultos como as súas larvas ( crisálidas, pupas), cunha clara preferencia por estas últimas. Ademais, pode consumir outros invertebrados (arañas, lombrigas e diversos insectos), pequenos vertebrados (anfibios, réptiles, mamíferos ou pitos de aves) e, mesmo, froitos. 

Para manipular eficazmente panais e avespeiros, o abelleiro conta cunhas adaptacións morfolóxicas moi particulares, que consisten na posesión dun pico curto e fino para extraer facilmente as  pupas dos panales, uns dedos protexidos por escamas para evitar a acción dos aguillóns, as pálpebras inferiores  cartilaxinosas máis duras que noutras rapaces e as narinas moi estreitas para evitar a entrada dalgún destes insectos; así mesmo, as plumas da cara aparecen endurecidas e dispostas como  escamas.

O abelleiro europeo inclúese na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial e aparece como “Preocupación menor” na Lista Vermella Europea das aves.


Lugar de observación: Alto do Candán

Comentarios
* O correo electrónico non se publicará na páxina web.