02 Mar
02Mar

Paxaro de 31-34 cm. de sexos semellantes. Color ocre coas partes inferiores máis claras e peito rosado; primarias escuras; riscas negras abeiradas en branco nos laterais posteriores do colo; ancha banda terminal branca na parte inferior do rabo, completa pola parte inferior e interrompida no centro pola superior; patas e ollos vermellos. Os inmaturos teñen as riscas do pescozo pouco perceptibles. Voo en xeral curto.

A súa voz é un "uu-uuu-uu". Seméllase á Rula común, aínda que a risca do pescozo, única, a color uniforme, a ancha banda branca do rabo, o canto e a presenza todo o ano da especie descrita son elementos claramente diferenciadores. 

En Galiza é sedentaria e xa común. Chegada nos anos 70 foise estendendo polo litoral e segue a súa expansión cara o interior. Habita en alamedas de vilas e cidades, polo que non entra en competencia coa Rula común.

Cría entre marzo e outubro, pero poden atoparse niños en calquera época. Constrúe unha sinxela plataforma de garabullos en árbores e arbustos mestos e nela pon dous ovos brancos que chocan ambos sexos durante dúas semanas; as crías voan logo doutras tres. Ata catro roladas. Aliméntase basicamente de grans.


Lugar de observación: Lalín

Comentarios
* O correo electrónico non se publicará na páxina web.