Ave de 24-29 cm. En plumaxe estival o macho ten partes superiores pardas escuras; fazulas e gorxa castañas ferruxentas; unha mancha amarela verdosa a cada lado da base do peteiro; barbela negra; partes inferiores brancas lixadas; peteiro negro coa punta branca. A femia seméllase ao macho, pero é lixeiramente máis apagada.
En plumaxe invernal ambos sexos son pardos claros pola parte superior e máis claros pola inferior. Os inmaturos mostran as fazulas raiadas en escuro e branco. Todos teñen corpo repoludo, pescozo curto, dedas lobuladas e aparentemente carecen de rabo.
O voo, que inicia con patalexos e choupadas sobre a auga, é curto, rectilíneo, con rápido bater de ás a rentes da auga e as patas sobresaíndo por detrás do rabo. Canto rinchón con chamada de contacto aguda: "uit-uit".
Se se ve ameazado pode erguer o voo ou mergullar. En voo é o único mergullón no que non se observa mancha branca na parte superior das ás.
Distribúese por zonas temperadas de toda Europa, Asia e África. Esténdese por toda a Península Ibérica. En Galicia é sedentario con invernantes e sen chegar a ser común, non é raro onde exista o medio idóneo.
Habita en augas abertas e calmas de lagoas, encoros e desembocaduras de ríos con vexetación palustre que lle proporcione protección.
O niño é unha plataforma entre vexetación palustre. Pon de finais de marzo a setembro 4-6 ovos brancos que se van escurecendo co contacto da materia vexetal. Chocan ambos pais durante 20-24 días; os polos, nidífugos, poden verse sobre o lombo dos adultos. Dúas roladas, tres excepcionalmente. Aliméntase de insectos e as súas larvas, moluscos, camaróns, pequenos peixes e algunha materia vexetal.
Trátase dunha especie considerada "sensible" que está a minguar.
Lugar de observación: Lagoa no Monte Pedroso. Rodeiro.