Paxaro de 23,5-29 cm. O macho é totalmente negro, con anel ocular e peteiro alaranxados, este último escurécese parcialmente en inverno. a femia e os inmaturos son pardos moi escuros coas partes inferiores arrubiadas e algo apencadas e o peteiro pardo amarelado.
Rabo longo: voo en xeral curto e a baixa altura; pousa coas ás colgantes e o rabo ergueito, que sacode espasmodicamente; anda a brincos. O seu canto, agradable e variado, óese de moi cedo ata despois do solpor; tamén emite un asubío baixo e agudo. (Escoitar Turdus merula)
Seméllase aos estorniños, pero estes teñen o rabo curto, as patas vermellas en plumaxe estival, son gregarios e o voo alto e potente; e ao Merlo papobranco que presenta un babeiro branco no papo.
Paleártica. Distribuído por toda Europa dende a metade sur de Escandinavia ata o Mediterráneo. En Galiza é abondoso e sedentario. Vese ata os 1.500 metros de altitude. En outono e inverno achéganse individuos procedentes de Europa.
Habita en campos, fragas, xardíns, hortas, etc. con vexetación mesta de mediana altura.
Cría en hedras, sebes e silveiras. Constrúe un niño voluminoso que sitúa entre 0 e 2 metros. Pon de mediados de marzo a comezos de agosto 3-4 ovos verdes azulados apencados de castaño que choca a femia durante 14 días; os polos voan ás dúas semanas. Dúas e ata tres roladas.
Alimentación omnívora: froitos cultivados e silvestres (amorodos, amoras, bagas de hedra), miñocas, arañas e insectos en xeral.
Lugar de observación: Lago do Pontiñas. Bergazos. Lalín.