Herbácea, perenne, de 5-30 cm., con estolóns arraigantes. As follas, de 3 folíolos de 1-6 cm., dispostas en mouta basal, ovais ou rómbicas, dentadas. As flores van dispostas sobre escapos de ata 30 cm., con pedicelos pubescentes, e levan pezas do cálice e epicálice moi semellantes, de 3-7 mm., que aparecen reviradas no froito, e pétalos brancos de 3-10 mm.
Froito vermello e carnoso, de forma típica (morote, amorillote, careixón ou morango) e 10-20 mm. Este (en realidade falso froito, formado polo receptáculo engrosado) chámase eteiro, e leva por fóra os aquenios ou froitos verdadeiros.
Florece entre febreiro e setembro en carballeiras, sebes ou lugares sombrizos. Os amorodos que se cultivan en moitas variedades para marmeladas, xaropes ou natural, de tamaño moito maior, parecen corresponder ao híbrido Fragaria x ananassa (Weston) Duchesne ex Roziers, de orixe sudamericana. Duchesna indica (Jacks.) Focke (=Fragaria indica Jacks.) é moi semellante, pero ten pétalos amarelos. Produce morotes insípidos, e atópase asilvestrada polo menos nos arredores de Santiago e Vigo.
Esta planta pode confundirse coa Potentilla sterilis.
Lugar de observación: Arredores do Mosteiro de Carboeiro. Silleda.