12 Nov
12Nov

Planta moi variable, perenne, sen rizoma. Pode ser cespitosa, erecta, con talos de ata 35 cm., ás veces arraigantes, ou con talos ramificados, filiformes (ata 1 metro) que aparecen aboiando ou mergullados nos charcos. Este talo leva un engrosamento bulbiforme na base, ao que se fai referencia no nome latino.

As follas son algo aplanadas, auriculadas, e aparecen preto da base, levando só 1-2 caulinares. Inflorescencia laxa de 3-16 glomérulos con 3-15 flores cada un. Estas son a miúdo vivíparas (en realidade, falsas vivíperas, de reprodución vexetativa). É dicir, na inflorescencia xorden follas e raíces que dan lugar a unha nova planta, sen cumprir a semente o ciclo completo.

Os tépalos, de 2-3,5 mm., iguais, todos obtusos ou os externos agudos. Estames en número de 3-6. Cápsula de 2,4-3,5 mm., do tamaño do perianto ou pouco máis.

Florece entre maio e agosto. Atópase en todos os regatos e charcas ou simplemente chans con nivel freático alto. Especie moi variable que ten dado lugar a varios nomes de simples formas que se coidaban especies diferentes.


Lugar de observación: Brañas de Xestoso. Silleda.

Comentarios
* O correo electrónico non se publicará na páxina web.