Bienal ou perenne, con talos de ata 150 cm., con pelos simples ou bífidos e outros estrelados. As follas basais, de 5-10 cm., suborbiculares, levan lóbulos pouco marcados, que se fan máis marcados nas follas caulinas, todas elas máis pubescentes polo envés que pola cara.
As flores, de 2-6 cm. de diámetro, aparecen en fascículos axilares de 2-8, raramente solitarias. Levan apicálice de 3 pezas, de 2-7 mm., elípticas, pelosas e ciliadas nas beiras, situadas na base do cálice. Os sépalos, de 3-9 mm., son triangular-ovados, non acrescentes no froito, pelosos e ciliados nas beiras.
Pétalos de 15-30 mm., fondamente emarxinados ou bífidos, purpúreos. Froito formado por 10-13 mericarpos de 2 mm., co dorso aplanado e as caras laterais radialmente estriadas.
Florece dende febreiro ata outubro. Resulta pouco abondosa, pero aparece en toda Galiza. A miúdo trabucada coa "Lavatera crética".
Lugar de observación: Taboada. Silleda.