Planta de talo entre 10-35 cm. con 4-8 follas linear-lanceoladas, de 5-13 x 0,5-1,5 cm; brácteas máis curtas que as flores, de cor similar ao casco, gris-lila con nervios púrpuras. Inflorescencia laxa, con 2-6 (8) flores. Sépalos e pétalos reunidos nun casco pechado, máis ou menos horizontal, de 13- 21 mm.
Labelo de 15-30 mm; hipoquilio de 6-12 x 10-18 mm., cunha soa calosidade (ás veces, atravesada por un suco) escura, brillante, ben visible desde o exterior do casco, rodeada dunha zona de cor máis pálida e cos lóbulos laterais avermellados; epiquilo máis estreito que o hipoquilo, lanceolado, de (8)12-18 x (4)6-12 mm., de cor rosada ou avermellada, ás veces con tons amarelos e partes máis pálidas, con nervios xeralmente ben marcados, moi lixeiramente piloso na súa base.
Distribución mediterráneo-atlántica, espallada pola maior parte do territorio galego, excepto en zonas altas de montaña. Posiblemente sexa a especie de orquídea máis abundante en Galiza xunto coa Dactylorhiza maculata.
Habita en lugares de plena luz a media sombra, sobre sustratos variados. Todo tipo de prados e pasteiros; tamén en brañas e lugares encharcados; máis raramente en matogueiras e bosques claros.
A cor do labelo varía moito en intensidade, non sendo raros os exemplares de flores moi pálidas, sen os tons avermellados habituais.
Polinizada polos machos do himenóptero Ceratina cucurbitina (unha pequena abella), aos que atrae pola sua calosidade basal brillante do hipoquilo e o olor que desprende imitando ás femias desa especie. Os machos en busca de parella son enganados e intentan unha pseudocópula sobre a calosidade, o que lles fai tocar os polinios coa cabeza e levarllos cara ás seguintes flores visitadas.
Florece dende finais de marzo ata principios de xullo.
Lugar de observación: Campomarzo. Bandeira. Silleda.