É o saurio máis grande de Europa, alcanzando os 26 cm. de lonxitude cabeza+corpo, máis outros 50 cm. de cola, aínda que en Galiza os exemplares maiores non superan os 19 cm. de cabeza+corpo e outros 35 cm. de cola.
Son lagartos moi fortes e robustos, coa cabeza moi grande e fortes mandíbulas, especialmente os machos, con grandes placas cefálicas.
A cor do dorso é verde, máis ou menos apagada, cun xaspeado pardo ou negro, e unhas manchas circulares nos costados de cor azul orlados de negro (ocelos). Ventre e gorxa xeralmente de cor amarela ou verde clara, sen manchas.
As extremidades están ben desenvolvidas, e a cola adoita medir entre vez e media e dúas veces a lonxitude cabeza+corpo.
As placas dorsais son de pequeno tamaño, sendo algo máis grandes as da cola e carenadas as da punta. As placas ventrais son bastante grandes.
A súa distribución mundial limítase á Península Ibérica, zonas costeiras de Francia e noroeste de Italia. Presente en toda a xeografía ibérica, é algo menos abundante na cornixa cantábrica. Ocupa toda Galiza, con excepción do extremo norte e as zonas máis frías do interior; debido ao seu carácter termófilo non alcanza grandes altitudes.
(Mapa de distribución da especie)
Pode vivir en multitude de medios diferentes, desde dunas areentas costerias até ladeiras rochosas de montañas, pasando por fragas, zonas cultivadas, etc. Prefire as zonas abrigadas e con sol, con vexetación non excesivamente abundante e con rochas baixo as que busca refuxio. Acostuma colonizar zonas castigadas polos incendios forestais.
A única posta anual ten lugar nos meses de xuño e xullo, onde cada femia deposita entre 5 e 22 ovos de tamaño bastante grande, cunhas dimensións aproximadas de 20 mm. de lonxitude e 13 mm. de anchura.
Miden ao nacer entre 40-45 mm. de cabeza+corpo, de cor parda que despois se torna a verde, e cuns característicos ocelos de cor branca ou amarela bordeada de negro pola rexión dorsal.
Respecto á súa alimentación, trátase dun lagarto omnívoro que prefire os coleópteros, himenópteros e caracois terrestres, aínda que tamén inxire pequenos vertebrados, como lagartas, anfibios, pequenos ratos e ovos de paxaros. Complementa a súa dieta con froitos (amoras, uvas), especialmente en determinadas épocas do ano.
Aínda que é unha especie relativamente abundante na nosa xeografía, especialmente cara o sur, a situación das poboacións está empeorando, debido principalmente aos incendios forestais.
Lugar de observación: Carmoega. Sobreirais do Arnego. Agolada.