17 Feb
17Feb

Habitualmente non supera os 50 cm., pero pode chegar aos 60 cm. Cabeza pequena, triangular, ensanchada na parte posterior e co fociño redondeado sen o ápice levantado. Ten 1 ou 2 escamas apicais no extremo do fociño (excepcionalmente 3), 9 supralabiais e 10-12 infralabiais. Entre o ollo e as supralabiais hai só 1 fileira de escamas. A pupila é vertical. 

Na parte posterior da cabeza ten dúas liñas escuras en forma de V co vértice cara diante, e non sempre unidas entre si, así como unha banda escura desde o ollo ao pescozo. As escamas labiais, a mental e a gorxa son a miúdo abrancazadas ou crema con pintas negras. Ten 21 fileiras de escamas carenadas. O dorso é ocre ou beixe con deseños marróns. O deseño dorsal soe ser unha banda vertebral ancha marrón con manchas negras alternas a ambos lados (en zigzag) ou tamén unha banda estreira ondulada, ás veces interrompida por barras transversais. 

Ten manchas escuras redondeadas nos costados. Non son raros os individuos melánicos. A zona ventral soe ser gris escura ou negra, con manchas brancas. A parte posterior da cola é amarela ou, menos, alaranxada. 

Esta especie é exclusiva do norte da Península Ibérica, ocupando Galiza, norte de Portugal, toda a Cornixa Cantábrica até Navarra e o norte de Castela-León. Presente e abundante en toda Galiza, excepto nos vales máis secos de Ourense. Frecuente dende o nivel do mar até os 1.300 metros de altitude. Aparece en ambientes diversos, como lindes de bosques caducifolios, prados, brañas, matogueiras, sendo abundante en zonas moi húmidas, podendo verse mesmo na auga. 

(Mapa de distribución da especie)

É preferentemente diúrna, e adoita hibernar desde outubro ou novembro até finais de febreiro ou principios de marzo, en grupos de até 15 individuos. É vivípera, de ciclo reproductivo bianual, podendo ser anual en anos favorábeis. Pare, entre agosto e outubro, de 3 a 10 crías.

Aliméntase fundamentalmente de mamíferos (roedores) e, en menor proporción de anfibios, réptiles (saurios) e ocasionalmente aves. Posue un veleno menos potente que o da víbora fociñuda. Aínda que a toxicidade non é moi elevada requírese tratamento médico, especialmente en nenos, enfermos e persoas maiores.

As principáis ameazas desta especie son as mortes directas provocadas polos humanos, por atropelo e os incendios forestais.


Lugar de observación: Monte Faro. Rodeiro.

Comentarios
* O correo electrónico non se publicará na páxina web.