Alerta Borreliose: A enfermidade do campo que Europa xa califica de “epidemia silenciosa”. O lobo e o raposo aliados estratéxicos para combatela.
Advírteo o Parlamento Europeo na súa Resolución sobre a enfermidade de Lyme (Borreliose), do cinco de novembro do pasado ano: “Expresa a súa preocupación pola dimensión alarmante da propagación da enfermidade de Lyme entre a poboación europea”, “da que padecen cerca de un millón de cidadáns”. “Recordando que tódolos Estados Membros, en maior ou menor medida, están experimentando un incremento… que convirte a dita enfermidade nun problema de saúde europeo”.
O contido da Resolución non é para tomar a broma e avisa da dimensión que pode adquirir coma problema sanitario, para “unha enfermidade que se está estendendo”, “infradiagnosticada”, e da que se “descoñece o verdadeiro impacto”, que preocupa moito para o custo sanitario europeo. Toda unha chamada a que as administracións extremen as medidas e actuar de xeito proporcional ao grave problema que se presenta, especialmente para as persoas vinculadas ao campo.
Trátase dunha enfermidade do rural que afecta a miles de agricultores, gandeiros, traballadores forestais, investigadores de campo, xeógrafos, sendeiristas e cazadores. Estímase que hai próximo a un millón de cidadáns europeos afectados, moitos sen estar diagnosticados, e sobre 50.000 en España. Lugo sería a provincia galega onde están aparecendo máis casos: "Una garrapata eleva los casos en Lugo de una enfermedad multisistémica"
Fonte: Boletín Epidemiolóxico de Galicia. Vol.XXVI, num.3, Xullo 2014. SERGAS.
A resolución encomenda ás autoridades sanitarias a que avancen na detección precoz da enfermidade, feito que pode axudar a “aforrar 330 millóns de euros en costes de asistencia sanitaria”.
Máis, faría ben o Parlamento Europeo en dirixirse igualmente tanto á Comisión de Medio Ambiente, coma ás administracións ambientais dos Estados Membros, para afrontar activamente unha responsabilidade preventiva efectiva na atención, na natureza, dos hóspedes e reservorios da bacteria responsable desta enfermidade, e así, actuar nun dos factores principais da expansión epidémica. De feito o Parlamento “pide aos Estados Membros que tomen medidas de profilaxis individual e de control dos carrachos para frear a propagación da Borreliose”.
Os carrachos, da especie Ixodes ricinus, son os transmisores da bacteria Borrelia burgdorferi que usa coma reservorio multitude de animais de maneira diferenciada segundo a súa etapa de crecemento. Este feito é fundamental para abordar unha dobre estratexia de xestión preventiva na natureza.
Durante a súa fase adulta o carracho usa hospedadores anfitrións de grande tamaño, tanto silvestres coma gando doméstico, sendo no noroeste ibérico os corzos unha especie estudiada como portadora habitual destes carrachos. Nas fases larvarías e xuvenís o carracho propagarase, por outra vía, mediante pequenos roedores. O seu ciclo pasa por fase de ovo, larva, ninfa e adulto e un ciclo de tres hóspedes.
Precisan de comida de sangue para madurar e pasar ás sucesivas etapas para producir ovos novamente. O ciclo de vida xeralmente completase en tres anos. Unha femia apareada, sobre un hospedador de grande tamaño, producirá sobre 2.000 ovos, despois do cal a femia morre, eclosionando as larvas logo de 8 semanas. As larvas non son capaces de moverse horizontalmente polo que permanecen agregadas ata que atopan un hóspede do que poder alimentarse e dispersarse polo medio ambiente.
As condicións ambientais de temperatura e humidade, coa vista posta nos efectos do cambio climático, xunto cunha alteración de índole humana (por chamalo desa maneira) da comunidade de carnívoros silvestres, cuxas poboacións desestructuradas pola presión humana, propician un fenómeno de dispersión ambiental de expansión ilimitado deste carracho, que pode explicar o repunte da Borrelia en moitas zonas de Europa.
Sábese que a enfermidade considerábase endémica en moitas rexións, cunha prevalencia moi baixa e que agora se dispara. Así resulta, que o maior perigo animal do rural nestes momentos, é un carracho. Da mesma maneira que, os maiores aliados para controlar a súa expansión pasan por ser os tan denostados, perseguidos, e maltratados depredadores apicais, coma o lobo, ou mesodepredadores, como por exemplo o raposo e unha natureza pouco alterada e ben conservada.
Debe advertirse que se Parlamento e Comisión europea, xunto cos Estados Membros, queren despregar unha actuación coherente, eficaz e eficiente de “profilaxis” e “control” da bacteria, pasa por considerar coma “aliados estratéxicos” a especies coma o lobo e o raposo, así coma outras moitas especies carnívoras, facendo valer o seu papel ecolóxico na natureza. Nun mundo no que todo o supeditamos á tecnoloxía, resulta que a primeira barreira preventiva para conter a epidemia e a súa expansión entre rexións, pasa por especies coma o lobo e o raposo que, nestes momentos, supoñen a “mellor tecnoloxía dispoñible” e a máis barata da que pode dispoñer Europa para combater esta bacteria fronte o contaxio a humano.
Son varios os estudos científicos que poñen de manifesto a capital intervención dos raposos á hora de controlar ás poboacións de pequenos roedores portadores de carrachos infectados por Borrelia. A súa supresión é considerada moi negativamente pois deriva nunha cadea de expansión das poboacións destes microroedores e garante a maduración de miles de larvas á fase adulta.
Do mesmo xeito que hai estudios sobre "lobo gris" en América, que en contacto coa bacteria da Borrelia, exercen un papel clave no control de cérvidos portadores de carrachos adultos.
En estudos para poboación de corzo no noroeste ibérico, incluíndo a Serra dos Ancares, (Ectoparásitos presentes en corzos de Galicia) detectouse unha media duns 50 carrachos da especie I.ricinus por corzo. Sendo coñecido o efecto de depredación do lobo sobre esta especie, con estudos propios na Galiza, que detalla que o corzo é peza preferente no menú do lobo.
Un cálculo rápido amósanos o impacto exponencial que os raposos, capturando miles de ratos, e o lobo, o mesmo con centos de corzos, nun ano, e só para Galiza, tería para eliminar millóns de ovos deste carracho e conter, en moitas áreas do rural, a expansión da bacteria. Polo que o lóxico resultaría suspender con carácter inmediato, á vista da advertencia de Europa, a caza de raposos en calquera modalidade, sobre todo, a que proximamente se iniciará cos “campionatos deportivos”, que repentinamente suporá a caza de máis dun milleiro de exemplares.
Debe ser consciente a administración, que naqueles lugares das provincias galegas (preferentemente Lugo) onde a prevalencia da Borreliose ofrece unha clarísima incidencia de aumento nos últimos anos (constatado no Hospital de Lugo), manter a caza do raposo é un auténtico disparate. Do mesmo modo que deben articularse medidas efectivas que acaben co furtivismo do lobo, única especie capaz de someter con posibilidades inmediatas e gratuítas á poboación de corzo, e polo tanto millóns de ovos. Así coma facer un seguimento do estado parasitario dos corzos, determinando que porcentaxe deles son portadores de carrachos adultos infectados coa bacteria, determinando así medidas de control.
A resolución advirte que “moitos cidadáns están permanentemente expostos”, e invita aos Estados Membros “a poñer en marcha unha campaña de información e sensibilización para alertar da enfermidade á poboación e a tódalas persoas concernidas, sobre todo nas rexións máis afectadas pola propagación da enfermidade”, e solicitando “que fagan público medidas preventivas comúns para aquelas persoas moi expostas”.
A advertencia é clara, e tocan cambios importantes no modo no que debemos entender a nosa relación con especies coma o lobo ou o raposo, carnívoros en xeral, e “reclutalos” coma aliados estratéxicos, xa que a súa contribución preventiva evitará innumerables contaxios entre a poboación, principalmente a que vive no medio rural.
As supostas perdidas económicas que ocasionan no campo, non serán nada en comparación co impacto no custe sanitario que axudarán a reducir, así coma as miles de persoas que evitarán padecer esta enfermidade, sinxelamente por deixalos ser o que son na natureza... "reguladores do ecosistema".
Autores: