Non cabe ningunha dúbida de que un dos bens máis prezados do noso país, son os nosos ríos. Sen eles, Galiza non sería a terra fecunda e próspera que foi dente tempos inmemoriais. Dicimos “foi”, asumindo que se nos poida tachar de alarmistas, porque aínda que moitos non o entendan ou non o queiran entender, esa prosperidade leva décadas poñéndose en perigo de xeito alarmante.
O que imos mostrar neste post que agora comezamos, e que se centrará nos ríos da nosa comarca, podería extrapolarse a tódolos ríos galegos sen excepción.
Sucesos coma os acontecidos recentemente en Lalín, nos que verteduras realizadas nos leitos onde se asentan as captacións de auga para o consumo fixeron que se dubidase seriamente da súa potabilidade, ou novas como as recollidas nos xornais, nas que se augura a desaparición da troita a curto prazo, parecen crear unha pequena alarma social que se esvaece co paso dos días, así como vai correndo o purín augas abaixo, ou así coma remata a tempada de pesca até o vindeiro ano.
Lonxe de esvaecerse, o grave estado dos nosos ríos estase a acrecentar día tras día por mor de comportamentos e accións, que tanto particulares, empresas e a propia administración, levan anos causando e consentindo.
A PESCA ILEGAL E INDISCRIMINADA NO DEZA.
Eran outros tempos e a cantidade de peixe nos nosos ríos era abundante, máis as prácticas ilegais de pesca, algunhas delas extremadamente destrutivas, foron moi comúns na nosa comarca dende principios do século XX. Non se pode negar, que a execución destas prácticas de xeito continuado, afectaron moi negativamente aos ríos, e que sumadas aos factores que posteriormente xurdiron, coma o desenvolvemento da industria, a gandería intensiva e o crecemento das urbes, foron determinantes para chegar ao grave estado no que hoxe nos atopamos.
Queremos comezar con esta nova que recollía o xornal “El Eco de Galicia”, no ano 1893:
Non imos analizar as posibles causas que levaban ás nosas xentes a pescar con este tipo de terribles métodos, expoñéndose ademáis a graves riscos. Quizais para obter beneficios coa súa posterior comercialización, quizáis para conseguir peixe dun xeito económico para banquetes ou celebracións..., por iso, ímos a centrarnos nas consecuencias e non nas causas.
Ante a alarmante proliferación deste tipo de prácticas e cunha lexislación laxa ata o momento, no ano 1907 aprobouse unha nova Lei de Pesca Fluvial, na que se prohibía expresamente a pesca con explosivos e con sustancias que alterasen a condición normal da auga. Algo absolutamente necesario para tentar erradicar os bárbaros métodos que se empregaban en tódolos ríos galegos:
O exemplar número 21 da Revista Técnica da Garda Civil, publicada no ano 1911, informaba aos axentes da importancia de facer cumprir a recente lei, necesaria para a defensa dos ríos e a conservación da fauna:
A PESCA CON EXPLOSIVOS.
A pesca con explosivos (cartuchos de dinamita ou pólvora) converteuse nunha práctica moi extendida. Empregada principalmente para a captura de grandes cantidades de peixe ou dalgunha troita de gran tamaño anteriormente localizada polo pescador furtivo, utilizábase en pozas e tostas dos ríos de maior tamaño. As explosións, creaban unha perturbación inmediata que aparvaba ou mataba aos peixes facilitando a súa captura. Extremadamente destrutiva para o ecosistema fluvial, esta práctica aniquilaba todo o hábitat subxacente.
Utilizábanse cartuchos de dinamita ou cartuchos de pólvora das bombas de palenque, aos que se lle colocaba unha mecha curta e que logo se guindaban dende a beira do río sobre as tostas ou pozas. Tamén era común o uso como explosivo do carburo de calcio, o combustible utilizado para os candís que mesturado con auga en pequenas doses producía gas acetileno. Cando esta mestura é desbordada nun recipiente pechado, provoca unha potente explosión. Os furtivos empregaban, por exemplo, botellas de vidro con carburo ás que ataban unha pedra e tiraban ao fondo do río. Cando a auga entraba na botella producíase a reacción e a posterior explosión.
A pesares das prohibicións recollidas na nova lei, a pesca con explosivos continuou utilizándose na nosa comarca durante décadas, como podemos comprobar nesta pequena escolma de novas publicadas polos xornais entre os anos 30 e os 60. Ningún dos nosos ríos se salvou destas prácticas.
A PESCA CON AXENTES QUÍMICOS.
Outra das aniquiladoras prácticas de pesca empregadas, principalmente en pequenos rios e regatos, era a pesca con axentes químicos coma o cloruro, o cal, as lixivias ou o cloro…
Envelenamento con cal no río Lea (Castro de Rei), no ano 2016
Estes produtos envelenaban a auga e eliminaban o osíxeno da mesma, aparvando ou afogando aos peixes. O problema era aínda maior ca o xerado pola pesca con explosivos, xa que a corrente espallaba o veleno durante quilómetros destruíndo todo de ecosistema fluvial. Plantas, anfibios, peixes, insectos e tamén as súas postas de reprodución quedaban destruídas ou gravemente afectadas.
Bidóns de lixivia empregados para envelenar o río Samo en Frades (A Coruña) no ano 2017
Noutros casos empregábanse sementes e raíces de plantas silvestres machucadas (moitas delas comúns coma o "Meimendro", o "Torvisco" ou o "Verbasco"), obtendo un líquido que sedaba ou aparvaba os peixes unha vez que se vertía nunha poza ou regato.
Ningún dos nosos ríos se librou tampouco dos velenos, como mostramos nesta outra escolma de novas que facían referencia á nosa comarca entre os anos 30 e 60:
A PESCA CON REDES E SEDELAS DORMENTES.
Dentro das prácticas ilegais, empregáronse tamén durante décadas (e aínda hoxe), as redes e as sedelas dormentes.
As sedelas dormentes, eran anacos de sedela cun anzol con cebo e un chumbo facendo de contrapeso que se introducían no leito e se fixaban ás beiras do río. Estas sedelas déixabanse colocadas durante a noite, período no que as troitas mostran moita actividade. Tanto a pesca nocturna como a colocación de sedelas está prohibida.
Sedelas incautadas por axentes da Garda Civil
Respecto ás redes, a máis utilizada era a chamada “barredoira”, unha rede rectangular que se colocaba atravesada dunha beira a outra do río. Na súa parte superior ían instalados uns cortizos que permitían a súa flotación, mentres que na parte inferior se colocaban pedras ou chumbos que a mantiñan estirada da cima ao fondo do leito.
Estas prácticas, aínda que menos agresivas que as anteriores, tamén remataban coa vida de gran cantidade de peixes, sen respectar tamaños e especies.
Material incautado por axentes medioambientais o ano 2018 a pescadores furtivos no Ulla
Aínda que hoxe en día a maioría destas prácticas se reduciron ata case desaparecer, a pesca de troita con rede ou sedelas continúase a realizar. A isto debe sumarse a pesca en época de veda, a pesca en zonas vedadas ou prohibidas, a pesca de exemplares de medidas inferiores ás permitidas, etc.
Dende hai anos, a comercialización da troita en estado salvaxe está prohibida, máis o alarmante descenso das súas poboacións fixo que en cuestión de décadas, pasase de considerarse un peixe común a un produto case exclusivo e polo tanto moi demandado e valorado económicamente. Isto provocou que a pesca para a súa comercialización ilegal continúe hoxe vixente.
O ENVELENAMENTO A GRAN ESCALA.
Ca chegada da industrialización, o aumento da poboación nas principais vilas da comarca e o cambio da gandería tradicional ao establecemento dos sistemas intensivos, comezáronse a xerar os principais e máis graves problemas de contaminación nos nosos ríos.
Estes cambios non viñeron acompañados dos necesarios sistemas de xestión que se requirirían para conservar e protexer ao medio da contaminación ambiental que se aveciñaba, polo que o desastre comezou a xestarse.
Rescatamos como exemplo esta nova do ano 1953:
Esta outra do ano 1961:
Ou esta outra do ano 1967:
As verteduras de canteiras, explotacións mineiras e industrias, os puríns e cadáveres de animáis das explotacións gandeiras e matadeiros, e as augas fecais e residuais de tódolos núcleos de poboación, convertiron aos nosos ríos en auténticas cloacas. Estas verteduras continuan a sucederse reiteradamente ano tras ano en tódalas vilas da nosa comarca sen excepción, contaminando, matando flora e fauna e incluso poñendo en serio risco á poboación.
A continuación mostramos algúns titulares, dos centos e centos que podemos atopar, referidos ao incesante maltrato ao que están sometidos os nosos ríos e regatos:
Esta é a realidade que están a vivir os nosos ríos, ao que debemos engadirlle a construcción das minicentrais para a xeración de enerxía eléctrica, os corrementos de terra provocados polos incendios, a destrucción da vexetación riparia, a desecación de brañas e turbeiras para permitir a expansión de praderías para a gandería, as verteduras de augas fecais dos núcleos de poboación ante a insuficiente capacidade de xestión das estacións depuradoras, e un longo etcétera de agresións.
Con este post, pretendemos dar a voz de alarma, para que todos teñamos ben presente o que se leva feito e se está a facer actualmente cos nosos cursos fluviais. Para espertar conciencias e para esixir o cumplimento escrupuloso das leis e un endurecemento das mesmas. Para desmentir os infundados ataques que moitos verten sobre especies como a garza, a lontra, ou cormorán, alegando que son os culpábeis do descenso da poboación de troita e moitas outras teorías desatinadas.
Non hai escusa posible. Somos nós, e só nós os responsables. Se non se toman medidas con carácter de urxencia, os nosos ríos, enfermos xa de gravidade... pereceran irremediablemente.