22 Dec
22Dec


Entrevistamos ao veciño de Lalín, Martiño Nercellas Méndez, biólogo, e estudoso do lobo, para coñecer a súa valoración sobre o estado actual do lobo en Galiza, coincidindo co anuncio das axudas para danos e prevención previstos pola Consellería de Medio Ambiente para o ano 2019.

A Xunta vén de anunciar axudas de danos por ataques do lobo ao gando e tamén para medidas preventivas, ¿cal é a túa valoración ao respecto?.

Pois, analizado nun contexto do que foron estas dúas últimas décadas, hai que recoñecer que, nestes momentos, estanse dando avances interesantes na atención de pago de danos e na incorporación de pagos para medidas preventivas. Feito que en si é algo moi bo, unha tendencia favorable, e que  incorpora por primeira vez un esforzo recoñecible en canto axudas preventivas. Agardemos que a condición de ano electoral municipal sexa só unha coincidencia e que se estabilicen estes mecanismos.

As axudas por danos introducen dúas cuestións moi novidosas, que supoñen un cambio en afrontar a problemática, por fin, despois de tantos anos vese algo diferente, e se introducen novos criterios. As axudas reforzaranse en zonas con máis danos pero, sobre todo, haberá un recoñecemento a quen sufrindo ataques teña adoitado melloras no manexo do gando. Claro está que as explotacións neglixentes na vixianza do gando seguirán sendo beneficiarias de axudas, pero polo menos visibilízase un reforzo en positivo de quen toma conciencia de que o gando hai que manexalo preventivamente, como se fixo sempre. Cara o futuro deberíase penalizar progresivamente a quen non fai nada, quedándose sen axudas públicas.

Queda recoñecer positivamente esta actuación da Consellería. Avánzase no sentido de atender a problemática da convivencia entre gandería e lobo, pero hai que recordar que isto está custando moito, e tras moita presión procedente de diferentes ámbitos, ecoloxista, sindicalista, investigadores, plataformas, xunto con moito debate sobre todo chegado de Europa, semella que hai un primeiro paso adiante. 

¿Que estaba a suceder ata este momento coas medidas preventivas contra os ataques do lobo?

As axudas preventivas están anunciadas dende comezos deste mes, máis aínda non aprobadas. O comprometido é de 350.000 euros.

Básicamente, coma medida planificada e cun orzamento que vai máis aló do meramente testemuñal, pois era algo inexistente ata o de agora. Pero dende Europa, vénse apuntando nos últimos tempos a necesidade de incorporar accións preventivas de manexo, do mesmo xeito que os expertos o indican tamén. A prevención é a chave para solucionar esta situación.

O manexo preventivo do gando fronte ao lobo é algo que no pasado, co pastoreo, xa viña de seu, e combatíase e protexíase o gando do lobo cun coñecemento tradicional adquirido. A ninguén se lle pasaba ter desatendido o gando, e sempre se tiña un ollo, ou os dous, postos.

Pola noite sempre se retiraba, e polo normal, as vacas parían nas cortes e os becerros medraban nos primeiros días moi vixiados, algo que se foi perdendo. As novas maneiras de ter o gando no campo tamén mudaron. Moitos seguen, a maioría, moi vixiantes do seu gando, pero uns poucos non, e acaban tendo o gando deficientemente vixiado, o que acaba sendo unha bicoca para o lobo, capaz de detectar rápido quen traballa ben e que llo pon fácil.

O problema é que as explotacións desprotexidas fidelizan a presenza do lobo nesas áreas, co cal se incrementa o risco para o conxunto do resto de explotacións. Actuar detectando onde están as explotacións cun manexo preventivo deficitario é importante para todo o colectivo. Todos deben corresponsabilizarse, e se un non o fai, expón aos outros a posibles ataques en momentos de despiste. Por iso a prevención pode resultar moi efectiva con fórmulas coordinadas de acción en cada zona con problemas.

Segundo a túa opinión, ¿cal consideras que sería a folla de ruta a seguir por parte da administración?

A nivel político, a administración ata agora tardou moito en arrancar, e cara o futuro deberían normalizarse as políticas de axuda preventiva cunha atención máis decidida. Debe ofrecerse ás explotacións, unha atención inmediata e con sensibilidade, cunha dotación presupostaria axeitada e completa, e moito menos burocratizada.  

A pesar de que este ano se anunciaron 350 mil euros, algo que ata o de agora nunca sucedera, estas contías de impulso de manexo preventivo son insuficientes, cun esforzo de escaso alcance, e difícilmente permitirán acadar uns obxectivos preventivos eficaces.  

As actuacións de manexo preventivo, mediante a combinación de medidas, e asistidos por un permanente asesoramento de diagnóstico e apoio na implantación de boas prácticas, pasa por ser a clave e solución á presenza do lobo cerca das explotacións gandeiras.

Boas prácticas de manexo no gando son garantía de reducir moito os danos de lobo, cara situacións moi excepcionais. Os propios informes que manexa a Consellería sobre as medidas preventivas poñen de manifesto que a maioría dos ataques responden a situacións fácilmente corrixibles, de incorporarse uns mínimos protocolos de manexo e vixianza do gando.

Cabe destacar que 28 dos 188 concellos galegos que no 2017 sufriron danos de lobo acumulan o 57,36% dos ataques rexistrados, segundo os datos facilitados de avisos do ano 2017. O foco de atención de danos concéntranse, principalmente, en catro territorios:

Os concellos do centro norte de Lugo, concello ao redor dos Ancares, comarca de Tabeirós e Deza e concellos ao redor do Macizo Central, en Ourense.

Nestas áreas deberíase contar cun plan coordinado de boas prácticas no manexo preventivo entre as explotacións existentes, así coma no seu deseño e asesoramento.

De feito, só cada unha desas comarcas debería contar cun presuposto semellante ao agora comprometido.

Destacar o papel fundamental de manter a presenza de pastores traballando directamente no coidado do gando, e incorporar en zonas conflitivas axudas temporais que posibiliten contratar pastores para reforzar o manexo e protección do gando e favorezan a incorporación das restantes medidas preventivas que se estimen necesarias.

¿Qué opinas sobre o sistema de pago por danos? Coñecidas son as queixas dos gandeiros a este respecto. ¿Deberíanse incrementar as indemnizacións?.

O problema nas axudas por pago de danos non radica tanto nas contías destinadas senón, máis ben, no proceso de resolución do pago das mesmas. O retraso nos pagos réstalle a este instrumento credibilidade e ser entendido como algo útil e resolutivo.

O sistema de pago por danos debería ser un mecanismo que progresivamente fora perdendo peso, na medida en que as actuacións de bo manexo preventivo foran normalizándose. Isto demóstrase máis efectivo e un modo de evitar picaresca, que haina, e bastante, as malas prácticas e vicios, ou a relaxación na atención e vixianza do gando.

Destinar 350 mil euros para o 2019, xunto cos 300 mil do 2018, pois é un esforzo importante, e estabiliza as axudas dos últimos anos, pero para a situación actual, e coas medidas preventivas todas por facer, pois pode que se quede lixeiramente curta. Calculo que en base as cotizacións de gando nas lonxas agropecuarias e número de avisos, pois que nos últimos anos estariámonos a mover sobre unha franxa entre os 400 e os 450 mil euros nos que, moi probablemente, o lobo estaría involucrado. En termos globais isto supón menos do 0,5% do valor da cabana gandeira galega.

Para o 2017, por danos por lobo, estaríamos ante uns danos estimados duns 496 mil euros, de considerar que tódolos avisos resultaran positivos. Algo que non sucede, e existe unha porcentaxe non determinada de avisos (ao redor dun 20%) que poden gardar relación con causas non atribuíbles ou moi dubidosas en relación a ataques de lobo.

Pero cabe facer a reflexión de, en aras de garantir o éxito na execución dunha estratexia global de xestión do lobo, se pode resultar preferible tratar os casos dubidosos coma “positivos”, se isto permitise axilizar os pagos e facerse efectivos de modo inmediato. O feito de poder abordar a confirmación dos casos dubidosos pode, incluso, resultar máis custoso que efectuar o pago do mesmo coma compensación.

Consideras entón prioritario actuar sobre o evidente “pescozo de botella” que supón o proceso burocrático das axudas. ¿Cal sería o xeito de desconxestionar ese proceso?.   

Resulta fundamental axilizar a tramitación de resolución dos expedientes para efectuar pagos por danos inmediatos. A tramitación administrativa para os pagos é innecesariamente lentísima, e isto é algo moi torpe, e non axuda a normalizar a situación e calmar tensións entre os afectados.

Un modo de simplificar a tramitación, para favorecer unha resposta de atención inmediata, é resolver os expedientes de pago a partir das propias actas de certificación ou informe de danos que realizan in situ, os Axentes de Medio Ambiente. No caso de evidenciarse en ditas verificacións como ataque certo de lobo, deberían ser suficientes para resolver os pagos, e así facelo en cuestión de días, e non demoralo meses, como ven acontecendo, agardando o ditame da comisión de valoración de danos. Só naqueles casos onde os Axentes puideran apreciar dúbidas razoables da orixe dos danos, pois someter a verificación á comisión de valoración. 

Fálase do incremento dos ataques nos últimos anos, de que cada ano que pasa hai máis lobos... ¿qué hai de certo en todo isto?.

O incremento sucesivo de avisos por ataques de lobos nos últimos anos, non ten por que estar relacionado cun hipotético incremento da súa poboación. De feito hai unha cuestión que non se debe obviar desta análise, pero que é algo que quen dí que agora hai máis lobos e, polo tanto, máis ataques soe descoñecer. Trátase da modernización no funcionamento da central de recollida dos avisos, o teléfono 012, que supuxo unha mellora substancial no rexistro de avisos e declaración de ataques. Así coma que co incremento das axudas, hai un maior coñecemento das mesmas, e agora é raro que non se dea parte.

Nestes momentos estaríase a rexistrar mellor a incidencia dos avisos, e reflectir unha situación máis acorde co que debía de estar pasando en anos anteriores e non detectada correctamente pola administración. Polo que máis que estar medrando a poboación, o que estaría a suceder é a estabilización na detección e rexistro dos danos.

Sobre que ten aumentado a poboación pois mestúranse moitas cousas e a maioría das opinións parten dun descoñecemento absoluto do tema, e só se ven os danos e os ataques. Máis o problema, en lugar de centrarse en que se están cometendo graves erros de xestión por parte da administración, está en que se recurre ao simple feito de dicir que a culpa é do lobo. O que se consigue con isto é sobredimensionar todo a partir de informacións nada fiables. Máis para Galiza, e en xeral para o lobo ibérico, os censos non din iso.

Non hai ningún dato soportado por unha metodoloxía de estudo, que demostre que a poboación de lobo estea a medrar na Galiza. Ningún. Pero sí temos censos, relativamente bastante recentes, que son os oficiais, correspondentes ao ano 2015, que ofrecen unha  información que pode considerarse fiable e suficiente para diagnosticar a situación, e válidos para establecer estratexias e previsións. Independentemente de que se realice un seguimento periódico da súa poboación.

E eses censos, en contra do que se está a dicir dende moitas fontes, é que a poboación mantense nunha tendencia estancada nas últimas décadas e non medra. 

O último censo oficial, publicado no ano 2016, cos datos do traballo de campo de 2012 a 2014, elaborado pola Xunta e o Ministerio de Medio Ambiente, recollen a presenza de 84 grupos, que tras un censo parcial do 2015, eleva a Xunta a 90. Deste total, 73 grupos estarían na Galiza e outros 17 grupos compartidos con Portugal e outras comunidades autónomas. O censo da Xunta do ano 2003 reflicte 68 grupos, máis nese caso non figuraban contabilizados os grupos compartidos con Portugal e as outras comunidades. Os datos dispoñibles para o 1988 refírense a 100 grupos segundo o Ministerio de Medio Ambiente.

Estamos nun escenario no que a poboación do lobo, a nivel global de Galiza, nin medra nin declina ostensiblemente, cando o normal debería ser que se producira un incremento ou recuperación naquelas serras e territorios dos que desapareceu. Isto é indicativo dun proceso preocupante, e é que a especie está sometida a unha GRAVE PERSECUCIÓN ILEGAL.

Aínda continúa vixente a secular persecución sobre a especie, ¿non sí?.

Estimase que morren de 200 a 300 exemplares anuais, practicamente o mesmo numero dos que nacen. Isto a nivel de conservación supón un serio problema de futuro, pois hai un empobrecemento do vigor xenético que pode condicionar a resistencia da poboación a situacións imprevisibles de enfermidades ou descensos drásticos no número de exemplares.

A pesar deste importante número de exemplares que morren mediante métodos de captura ilegais, as veces non selectivos e cruentos, capaces de provocar a nivel local a desaparición de grupos enteiros, hai unha inmobilidade dende a Administración en frear e perseguir estes feitos, incluso susceptibles de ser considerados coma delito penal.

Mátanse intencionadamente lobos con total impunidade, ¿e sabes por que?,  pois por que non pasa nada. Quen o fai sabe que non lle pasa nada. Incluso gábase diso. E mentres non haxa unha persecución real deses feitos e sancións exemplares, seguiremos asistindo a unha matanza de lobos. Todo de modo ilegal, e de moi diferentes maneiras. En batidas para raposo e xabaríl, nisto ata hai cuadrillas especializadas que presumen disto; na caza dos xoves e dos domingos, son moitos os que lle tiran de cruzarse con el; con veleno; con lazos...

Sobre as batidas e/ou controis da poboación existe moita discusión incluso entre os expertos. ¿Poderías explicarnos cales son as diferentes posturas neste debate?.

Pois estou totalmente convencido que se algún día aparece un alto cargo da administración, da Xunta ou do Estado, dicindo que os controis son un disparate e algo anacrónico e contraindicado, tal e como din diferentes estudos científicos, pois gustaríame ver a reacción de moitos “técnicos” que defenden esa opción. Aquí hai unha cousa clara, quen queira traballar para a administración en asuntos de consultoría na xestión do lobo ten que asumir, aínda que non cho digan expresamente, o condicionante de que, “sí ou sí”, os controis poboacionais non son negociables e teñen que incluírse en calquera pack de medidas de xestión. As portas están pechadas para quen critica abertamente isto.

Os denominados controis poboacionais son unha medida de xestión reiteradamente posta en cuestión por diferentes publicacións científicas, a última publicada o 16 de novembro de 2018 en "Biodiversity and Conservation: Lethal management may hinder population recovery in Iberian Wolves".

Estes estudos conclúen a súa ineficacia absoluta, non ofrecen unha solución para reducir ou acabar cos danos ao gando, e incluso derivan nun incremento dos mesmos.

Os controis orixinan un impacto de desestructuración/alteración na conduta de comportamento colaborativo dos integrantes da manda, e as consecuencias poden derivar dende, a desaparición da propia manda para dividirse en subgrupos que terán un patrón de ataques máis errático; a eliminación dos lobos “mestres” co que se reducirá a eficacia da caza sobre presas máis difíciles pero máis seguras para eles, co que os lobos inexpertos rematarán recorrendo ao gando como obxectivo máis asequible, pero pola contra, expoñéndose a maior risco; ou no peor dos casos, na eliminación do pai ou da nai dos cachorros, que pode acabar co abandono da cría e do grupo.

Trátase dunha práctica anacrónica que non proporciona solucións de coexistencia coa gandería, condiciona a ecoloxía da especie, e perpetua unha visión negativa sobre o papel e función que o lobo xoga no medio natural. De feito lévanse décadas insistindo neste modelo de cazar lobos, tanto de maneira legal coma ilegal, e a realidade amosa que os danos ao gando seguen aí, e o conflito de coexistencia mantense inalterado. A única variable que non avanzou nas últimas décadas, foi o poñer en marcha medidas decididas alternativas, nomeadamente as referidas á incorporación das actuacións de manexo preventivo.

Sobre as batidas recordar que aínda que están previstas no Decreto 297/2008, de 30 de decembro, polo que se aproba o Plan de Xestión do Lobo, precisan de informes técnicos e autorizacións rigorosamente xustificadas. Unha aplicación rigorosa do Plan, resultaría suficiente para proporcionar solucións sen necesidade de recorrer a unha medida tan drástica, polémica e daniña.

Diante da solicitude dende determinadas entidades que reclaman un método de caza mediante a modalidade de agarda con reclamo, e dicir, poñer cebos (preas e cadáveres) como atraentes, cabe recordar que dita modalidade ten moi difícil encaixe na normativa ambiental, así como na de caza, vixente. A lei 13/2013, de caza de Galiza, prohibe con carácter xeral, polo artigo 69, o uso de animais vivos, mortos ou naturalizados, coma reclamos para cazar. O artigo 72, referido as modalidades de caza, establece que nas “agardas ou esperas” a peza debe acudir espontaneamente ao lugar onde se está apostado.

O uso de cebos para as agardas, vénse utilizando noutras comunidades autónomas, nomeadamente Castela e León, cun único e claro propósito, garantir as posibilidades de éxito da venda dos trofeos de lobo que se sacan a poxa anualmente. A única maneira de garantir que a venda de trofeos resulte atractiva, para quen está disposto a pagar uns poucos miles de euros, é o uso e colocación dos muladares con cebos, coidadosamente preparados e atendidos polos celadores, para que o lobo se acabe habituando a entrar neles, e despois disparados dende os postos de tiro.

Como depredadores apicais debe considerarse un principio ecolóxico básico, que condiciona o tamaño da súa poboación, tenden a autoregularse cando están limitados pola escaseza de alimento. A menor dispoñibilidade de alimento maior dificultade para criar e, polo tanto, queda condicionado o seu éxito reprodutor, así como o buscar outras áreas máis propicias.

En comarcas nas que se rexistra un maior número de danos o enfoque preventivo pode contribuír cara un efecto de limitar o incremento local da súa poboación. É dicir, no lugar de “controlar a poboación” mediante a súa caza, o que hai que lograr é que non nazan, baixo unhas condicións nas que a reprodución sexa moito máis custoso.

Nestas áreas que concentran máis danos, as accións deben ir encamiñadas a reducir a dispoñibilidade de gando e forzar o desprazamento dos exemplares/grupo a outros lugares, e isto só pode lograrse mediante:

a) incorporación e mellora das actuacións preventivas no gando pra dificultar a súa depredación, e evitar un efecto de aprendizaxe para o lobo, que pronto detecta onde se atopa o gando desprotexido.

b) unha coordinación de actuacións, deste manexo preventivo, para o conxunto das explotacións da zona. Sendo recomendable que todas as explotacións presentes incorporen medidas preventivas pra non restar eficacia.

c) descartar calquera posibilidade de proporcionar alimentación suplementaria coma muladares, ou dispoñer de carroña, nas zonas próximas ás explotacións.

d) forzar o desprazamento cara zonas máis afastadas das explotacións, mediante a diminución, polo tempo que se precise, da presión cinexética sobre especies atractivas para o lobo, caso do corzo.

Neste sentido sería interesante desenvolver experiencias de recuperación de ungulados salvaxes coma o cervo ou o corzo, mediante un plan de reintrodución de poboacións viables nalgunhas serras galegas con aptitude para dito fin. Esta sería unha opción moi seria para reducir a presión sobre o gando doméstico nalgunhas áreas da montaña.

Agora que falas de medidas cara a recuperación das poboacións de especies atractivas para o lobo coma o corzo e o cervo… ¿e os cabalos?.

Certo. As bestas poboaron moitas das nosas serras, e sempre xogaron un papel primordial pra preservar o lobo, a parte de importantes beneficios ao monte. As greas teñen unha peculiaridade, pois atópanse vivindo nun estado case salvaxe, cunha mínima intervención humana. Son, dalgún modo, os substitutos dos herbívoros salvaxes que desapareceron do noso medio natural. E isto patrimonialmente é algo extraordinario, moi raro no planeta, e lamentablemente está desaparecendo. De non darse cambios aventurase a súa desaparición nunhas décadas. De feito a poboación xa debe estar por baixo dos dez mil cabalos. Non sei a que se espera para protexer e recuperar as greas de cabalo do monte. Pois estou convencido que acabará facéndose, e agardemos que non sexa tarde. Ademais estes cabalos son todo vantaxes, ata turísticas, en boca dun Conselleiro. No relativo ao lobo, xogan un papel relevante na selección de presas, e permite restarlle presión e minorar notoriamente os danos á gandería, en particular a vacún en extensivo.

A administración debe facer o posible para fomentar un modelo que reforce esta función social do cabalo galego do monte e facilitar con recursos a actividade dos “besteiros”, coa implicación das Comunidades de Montes, para poder así recuperar estes animais no monte.

Logo está o de darlle de comer ao lobo directamente. ¿Isto é realmente unha solución?

Se hai un principio básico a ter en conta co lobo, é que o aparente con esta especie soe non ser efectivo. Así aínda que semelle unha opción fantástica, a realidade demostra que o efecto tornaríase aínda máis perxudicial.

A posibilidade de aportar artificialmente comida aos lobos como aconsellan, por exemplo dende algúns sindicatos, está contraindicado. Os resultados coñecidos destas experiencias amosan un incremento de danos ás explotacións domésticas máis próximas aos lugares onde se sitúan os cebadeiros, ademais de supor un risco sanitario por contaxio do gando. E sobre todo, manter a poboación artificialmente, e como a comida está garantida, pois os exemplares reprodutores poidan dedicar máis tempo a asegurar a procreación.

A comida, como “enerxía”, é o que marca toda a dinámica dos depredadores coma o lobo, e mentres que non haxa comida “barata”, pois todo o demais queda nun segundo plano. A poboación por si soa autoregúlase en función da comida dispoñible. Isto é un principio básico de ecoloxía. Alimenten con muladares aos lobos, e así garantirán máis posibilidades de que críen.

Distinto resulta que nas zonas de montaña non se retiren e se permita a degradación dos cadáveres das vacas en extensivo. Baixo a idea de “gando que morre no monte, no monte debe quedar”. Non se debe confundir isto coa posibilidade de crear muladares ou propiciar puntos de comida artificial. O criterio a aplicar é o mesmo que o tratamento dos cadáveres do gando cabalar. Non ten sentido ir buscar vacas co camión dos MER a zonas afastadas.

Para rematar. ¿Pasa por ser a divulgación e informar sobre o lobo unha ferramenta fundamental para acadar a coexistencia co sector gandeiro?

Claro que si. Resulta moi necesario activar mecanismos de divulgación, de participación e transparencia. A administración debe implicarse decididamente no impulso de campañas de mellora de percepción da especie, que dea a coñecer a importancia do seu papel ecolóxico no medio natural.

Afondar de maneira permanente na mellora do coñecemento científico da poboación de lobo.

Débense activar os mecanismos de debate e participación, foros, e espazos de análise sobre  a situación da especie e deseño das liñas que permitan avanzar en resultados cara facilitar a coexistencia da especie coa gandería.

Comentarios
* O correo electrónico non se publicará na páxina web.