A avespa chinesa do castiñeiro

A "Dryocosmus kuriphilus" ou "avespa chinesa do castiñeiro" é un insecto himenóptero, como as abellas e as avespas. Orixinaria de China, pertence á familia dos Cinípedos, á que tamén pertencen as avespas que producen as bugallas dos carballos.

Comezou a propagarse entre os anos corenta e sesenta en Xapón e Corea. No continente americano (nos EEUU) detectouse en 1974 e en Europa no 2002, concretamente en Italia. Posteriormente foise detectando en diferentes estados europeos como Francia, Eslovenia, Suíza, Hungría, Croacia, Holanda, Alemaña… ata que no ano 2012 se detectou en Cataluña, na que xa existen zonas demarcadas nas provincias de Barcelona e Xirona.

En Galiza detectouse no ano 2014, e tal e coma apuntaron os primeiros estudos, está a invadir gran parte das poboacións de castiñeiro de todo o país, poñendoos en grave risco.

Dryocosmus kuriphilus está incluída na lista A2 da EPPO (Organización Europea para a Protección das Plantas).


ESPECIES AFECTADAS

Dryocosmus kuriphilus afecta ao castiñeiro (Castanea sativa), pero tamén pode afectar a Castanea crenata, Castanea dendata, Castanea mollissima.


DESCRICIÓN E CICLO BIOLÓXICO

Dryocosmus kuriphilus ten un único ciclo de vida ao longo do ano. A súa forma de reprodución é por partenoxénese (tipo de reprodución que consiste no desenvolvemento dunha célula reprodutora ata chegar a formarse un novo individuo, sen que se produza fecundación), sendo femias todos os individuos. En inverno, as larvas desenvólvense no interior das xemas do castiñeiro, inducindo así a formación de galadas nos tecidos afectados. Comezan a emerxer dende finais de maio ata finais de xullo, segundo a altitude e a exposición ao sol, e depositan os ovos no interior das xemas.

 

Cada femia pon de 100 a 150 ovos, podendo atopar nalgunha galada máis de 20 ovos no seu interior. Despois de 30-40 días os ovos eclosionan e nacen as larvas de primeiro estadio. O ciclo de vida da femia é curto, arredor de 10 días, algún dos cales xa gasta na perforación do túnel para saír da vesícula.

Na primavera seguinte, a subida de temperaturas reactiva tanto a vexetación da árbore como as larvas, o que fai que as galadas se desenvolvan.


DISPERSIÓN

Os medios de propagación deste organismo nocivo son a propia actividade e os voos dos adultos, o transporte accidental do insecto (por persoas ou vehículos, etc.) e a plantación ou enxerto con material vexetal de castiñeiro infectado.


SÍNTOMAS E DANOS

As galadas son o síntoma máis característico e fácil de observar. Consisten en inchazóns dos tecidos que poden medir de 5 a 20 mm de diámetro, de cor verde ou rosa. Desenvólvense nas ramas novas, nos pecíolos das follas ou no nervio central das follas. 

Despois da emerxencia de adultos, sécase a vesícula e lignifícase, permanecendo unida á árbore ata dous anos.

Os danos ocasionados poden chegar a ser moi prexudiciais para os soutos xa que diminúe a súa capacidade fotosintética, podendo chegar nalgúns casos a provocar a morte do castiñeiro. 

Non obstante, aínda que a produción de castaña vese reducida, o consumo desa castaña non ten risco algún para o home nin para os animais.


MÉTODOS DE CONTROL

As infestacións en pequenos hortos de castiñeiros poden reducirse nalgúns casos mediante a poda e a destrución dos brotes infestados, pero é unha medida só viable en castiñeiros que terían sido plantados como máximo hai un ano, porque no caso contrario as avespas xa terían feito os voos e a súa dispersión.

Unha medida fundamental para evitar a propagación é mediante o control do transporte de plantóns e enxertos infestados de D. kuriphilus. Os plantóns de Castanea sp. deberán adquirirse en entidades produtoras ou comerciantes inscritas no Rexistro Oficial de Produtores, Comerciantes e Importadores de Vexetais e Produtos Vexetais, debendo ir acompañados do seu Pasaporte Fitosanitario (o cal debe conservarse), xa que con iso se garante que os vexetais ou produtos vexetais foron sometidos aos pertinentes controis e tratamentos fitosanitarios.

Ademais existe un método de control a través da loita biolóxica, mediante a introdución dun insecto parasitoide "Torymus sinensis" que é o inimigo natural da avespa do castiñeiro.


Mais información eiquí: Medidas contra a avespa chinesa do castiñeiro