A Gallinula chloropus é un rálido moi común como reprodutor na península Ibérica, sedentario e con invernantes do norte e centro de Europa. Aparece ligado a todo tipo de humidais con augas estancadas ou lentas e unha adecuada cobertura vexetal, evitando ambientes salinos e oligotróficos. En Galiza é común en humidais lóticos e lénticos que presenten algunha vexetación de macrófitos.
De sexos iguais e cunhas dimensións aproximadas de 32-35 cm. a Galiña de río constrúe o niño preto da auga ou sobre a vexetación da mesma. Pon desde finais de febreiro a finais de agosto de 5 a 12 ovos cremosos con pequenas manchas pardas (dúas roladas).
Aliméntase de herbas acuáticas, sementes e grans; tamén de insectos, moluscos, vermes e caracois.
A conservación desta especie, aínda que non corre perigo debido á súa gran plasticidade e capacidade para aproveitar novos nichos acuáticos, sí pode verse afectada pola degradación das zonas húmidas e os ecosistemas de ribeira. É de destacar tamén o aumento da presión depredadora provocada tanto pola introdución de especies exóticas como o visón americano, coma pola necesidade de alimentarse en zonas agrícolas abertas, onde son presa de rapaces.
Esta ave tamén está presente no humidal inferior do río Pontiñas, onde puidemos comprobar que está asentada e cría anualmente. Nas fotografías que mostramos a continuación, podemos observar un exemplar inmaturo que acompañaba a un dos seus proxenitores en días pasados deste mes de agosto:
Ver especie: Gallinula chloropus