A poboación de cegoñas brancas (Ciconia ciconia) experimentou un incremento notable nos últimos anos na nosa comarca, e na actualidade xa é común atoparse con elas nos arredores das nosas vilas e aldeas. Os niños están a proliferar e en moitos casos a presenza de exemplares é constante durante todo o ano.
Fai uns días a prensa local publicaba un artigo do noso compañeiro e amigo Daniel González Alén, sobre a presenza dunha parella de cegoñas que estaba a construír o seu niño na igrexa de Goias en Lalín. En relación ao citado artigo, desexamos matizar o seu titular, xa que consideramos que quizáis non foi o máis axeitado e que pode xerar unha alarma polo momento inxustificada, sobre a posible afección do niño á integridade do edificio.
Debemos ter en conta que estamos a falar dun niño de primeiro ano que actualmente conta cunha dimensión e peso reducido (estimamos un máximo 25 quilos), que se ben está apoiado sobre un dos ornamentos laterais, neste intre non compromete de ningún xeito nin a propia estabilidade do ornamento, nin a de ningún outro elemento da espadana da igrexa, considerando que incluso o posible aumento do seu volume ao longo do período de aniñamento actual, non podería chegar a afectar negativamente ao edificio. Terían que pasar anos para que o volume do niño fose problemático.
O volume do niño non compromete actualmente a integridade do edificio
As cegoñas constrúen o seu niño con polas, paus e raíces, e tamén adoitan conter terra, herbas e diversos materiais (entre os que poden atoparse, por desgraza, os plásticos). A construción realízana os dous exemplares, aínda que con maior achega de material por parte do macho, e reutilízano durante un bo número de anos. Cada ano, as cegoñas proceden a amañar o seu niño transportando máis material, polo que co paso do tempo, este si pode alcanzar unhas dimensións e peso considerables (ata os 2 metros de diámetro, máis de metro e medio de altura e chegar a pesar incluso toneladas).
Debemos recordar que tanto os edificios históricos como as colonias de cegoñas forman parte do noso patrimonio histórico-cultural e natural, outorgando as leis protección a ambos e sen existir prevalencia lexislativa sobre ningún deles.
A conservación de ambos debe de ir sempre unida e pode compatibilizarse. As cegoñas están protexidas pola lexislación nacional e europea, do mesmo xeito que os seus niños, pitos e ovos. Darlles morte, molestalas ou destruír os seus niños pode chegar a ser delito.
A retirada de niños só se pode autorizar de xeito excepcional e de forma xustificada, despois de cumprir unha serie de criterios estritos e unicamente se non existe unha alternativa satisfactoria. Se realmente fose necesario retirar os niños por razóns de seguridade, deben ofrecerse alternativas viables para a nidificación dos exemplares.
A femia descansa no niño recibindo as atencións da súa parella
Unha das posibles alternativas é a colocación de postes para o traslado da colonia. Aínda que isto non asegura que os exemplares cheguen a utilizalos e é moi posible que tenten voltar a aniñar no lugar orixinal, esta opción debe terse moi en conta, xa que de ser aceptada evitaría un mantemento posterior do niño primixenio.
Se os exemplares descartan o aniñamento no lugar alternativo, debe optarse (sempre que sexa necesario), pola descarga periódica de material do niño unha vez rematado o periodo de nidificación, evitando así grandes acumulacións que poidan chegar a comprometer a estrutura da espadana ou a súa propia estabilidade.
En todo caso, este proceso debe estar autorizado polo órganos competentes e asesorado por persoal cualificado, respectando sempre o período de cría das cegoñas.
Dende Biodiversidade do Deza, apelamos ao Concello de Lalín para que se asesore debidamente coa Consellería de Medio Ambiente establecendo as medidas oportunas para a conservación desde niño, e en consecuencia, evitar os posibles danos que puidese chegar a causar na igrexa nun futuro.
Exemplar anelado
Grazas ás observacións do amigo Jesús Taboada Martínez (experto ornitólogo membro de SEO/BirdLife e da Sociedade Galega de Ornitoloxía) que nos informou sobre o anelamento dun dos exemplares, puidemos fotografar con claridade o seu código, polo que pronto poderemos coñecer o historial e procedencia desta cegoña.
Exemplar anelado co código Z370
Agardamos ter a oportunidade de ver nacer sans e salvos aos seus pequenos, que xa serán, ao igual que a fermosa igrexa de Goiás, patrimonio de todos os lalinenses.