Alo polo ano 2008, blogs e webs de pescadores comezaron a facerse eco da aparición, no río Ulla e Furelos, de varios exemplares de troita común cunhas estrañas marcas que coincidían claramente coas provocadas pola parasitación dunha “lamprea” (Petromyzon marinus).
Troita capturada por Daniel Antelo na xunta do Furelos co Ulla (Xuño 2008)
Isto non sería de estranar de ter sucedido nos treitos fluviáis onde a presenza deste peixe agnato é común e viable, é dicir, en tramos onde pode regresar ao mar, xa que o ciclo reprodutivo desta especie é similar ao dos salmóns, migrando augas arriba polo río até as zonas de desova e morrendo os adultos logo da posta. Posteriormente, logo de pasar varios anos en auga doce, as novas larvas regresan ao mar.
O estraño deste caso que agora rescatamos, é que a aparición das troitas afectadas detectouse augas arriba do encoro de “Portodemouros”, barreira infranqueable para que a lamprea realice o seu ciclo reprodutivo natural.
Na súa etapa larvaria a lamprea non posúe dentes e abastécese chupando corpos microscópicos. Pero ao pasar por unha metamorfose e converterse en adulta, transfórmase nun animal parasito cunha boca en forma de “ventosa” e con afiados dentes capaz de perforar a pel doutros peixes e zugar o seu sangue, así como outros líquidos corpóreos para a súa nutrición. A lamprea adhírese ás súas vítimas vivas para alimentarse ata que logra satisfacerse ou matala. En poucas horas pode rematar coa vida dun peixe do tamaño dunha troita.
Daquela varios dos nosos amigos aportáronnos probas empíricas, como por exemplo un exemplar que nos mostrou Daniel Antelo, capturado na xunta do Furelos co Ulla, ou incluso a testemuña do noso amigo Xavi Nercellas, ao que se lle chegou a adherir un pequeno exemplar no seu neopreno mentres adestraba para unhas probas de tríatlon no encoro de Portodemouros.
Daniel Antelo cun magnífico exemplar de troita capturado no Ulla (Xullo 2008)
Pouco a pouco os pescadores da zona foron alertando dun gran número de troitas e peixes afectados, incluso de peixes que tiñan adheridas pequenas lampreas (xuvenís duns 20 cm. con aproximadamente 5 anos de vida) que puideron ser recollidas para o seu estudo.
Fotografía de Carlos Lamas Rodríguez correspondente a unha troita capturada no lugar de Beigondo (Santiso) xunto coa lamprea que a parasitaba
¿Cómo foi posible que aparecesen lampreas trala parede de Portodemouros?
Ante a constante aparición de probas e testemuños, o profesor e catedrático de bioloxía da USC Fernando Cobo, comezou unha investigación para tratar de resolver o enigma da que podería ser a primeira referencia en Europa da reprodución de lamprea nun ciclo pechado, tendo en conta que nos grandes lagos de América do Norte xa se tiña constancia de poboacións desta especie que sí lograban completar o ciclo sen acceso ao mar.
Neste estudo titulado "Accidental introduction of anadromous sea lampreys (Petromyzon marinus Linnaeus, 1758) into a European reservoir" realizado por Sergio Silva, Rufino Vieira-Lanero, Javier Sánchez Hernández, María J. Servia e Fernando Cobo (Departamento de Zooloxía e Antropoloxía Física da Facultade de Bioloxía da USC, Estación de Hidrobioloxía “Encoro do Con” e Departamento de Bioloxía Animal, Bioloxía Vexetal y Ecoloxía da Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña), fixéronse mostraxes tanto no encoro de Portodemouros coma nos ríos que o alimentan (Río Boente, Río Iso, Río Arnego, Río Furelos e Río Pambre):
No mapa móstranse os puntos de mostraxe, as barreiras infranqueables e incluso un dato "importante": Un punto de almacenaxe de lamprea viva para consumo (un restaurante).
Cobo e o seu equipo localizaron tres colonias de lampreas, que pola súa idade (3, 4 e 6 anos), terían que ter migrado ao mar xa que a súa estancia previa nos ríos é ata os tres anos. Logo das análises realizadas aos exemplares capturados e tralas súas investigacións, o estudo concluíu que as lampreas foran introducidas polo home, descartando a posibilidade de que puidesen ser comunidades illadas na zona antes da construción do encoro.
Trataríanse entón de colonias residuais que corresponderían á solta de lampreas que foron localizadas no río Ulla á altura dos lugares coñecidos como Mourazos e Muíño das Canizas. Lampreas adultas vivas destinadas ao consumo humano, que foron confinadas en redes dentro dunha canle do río Ulla nos lugares mencionados.
Os donos dos restaurantes confirmaron que estas lampreas mostraran comportamentos reprodutivos durante o seu confinamento, polo que se concluíu que os exemplares detectados augas abaixo procedían desta introdución de reprodutores.
As conclusións do estudo foron as seguintes:
“As poboacións invasoras de Petromyzon marinus que completan o seu ciclo vital en auga doce provocan graves danos nas poboacións de especies autóctonas. Ata a actualidade ningunha poboación deste tipo foi descrita en Europa. No presente artigo descríbese a primeira introdución coñecida da forma anádroma de P. marinus nun encoro europeo (Portodemouros, NON España). Os resultados do seguimento realizado suxiren que esta poboación residente non conseguiu completar o ciclo vital e establecerse nesta área debido a que a fase de alimentación hematófaga non foi viable. Isto concorda coa hipótese dunha difícil transición desde o tipo de vida anádromo ao desenvolvemento dun ciclo de vida completo en auga doce. Con todo, o asentamento de poboacións estables de lamprea mariña en lagos e encoros con poboacións de hóspedes máis apropiadas non pode ser descartado.”
Por sorte, as lampreas non conseguiron establecerse nestas áreas, o que provocaría un grave impacto sobre as poboacións de peixes autóctonos.
Como indicaba un dos titulares de prensa daquela: “As lampreas non caeron do ceo”.