A fauna exótica invasora
Cando falamos de fauna exótica ou fauna invasora, falamos de especies introducidas de forma artificial, accidental ou intencionadamente que, despois de certo tempo, poden conseguir adaptarse ao medio e colonizalo. Se isto sucede, as especies autóctonas levan as de perder na maioría de ocasións. As especies nativas, ao non evolucionar en contacto con estas novas especies, non poden competir con elas, polo que son desprazadas ou, no peor dos casos, eliminadas.
¿Como chegan estas especies?
Poden chegar de forma accidental, a través do comercio ou do transporte, a causa de fugas de zoolóxicos, granxas ou criadeiros... Outras especies invasoras son introducidas polo ser humano de forma intencionada para actividades como a caza, a pesca, ou para usalos como mascotas.
Algunhas persoas adquiren mascotas exóticas e despois abandónanas, ben porque se cansan delas, porque se van de vacacións e non queren/poden atendelas, ou ben porque medraron de tal xeito que se complica o seu mantemento. A posta en liberdade de exemplares en lugares onde non son orixinarios, xeralmente provoca a morte dos animais, aínda que algúns poden conseguir adaptarse, sobrevivir e mesmo chegar a criar constituíndo poboacións naturalizadas. O último paso é o fenómeno de invasión, cando proliferan e provocan danos na biodiversidade orixinal dos sitios onde son introducidos.
(Exemplar de periquito fotografado no Paseo do Pontiñas no verán de 2019, fuxido dunha xaula ou liberado. Semanas despóis apareceu morto preto do lugar de localización)
Ante esta problemática, a sensibilización e a concienciación son clave:
Coma consumidores non debemos nunca comprar mascotas exóticas ou plantas invasoras que poidan ter comportamento invasor nos nosos ecosistemas. É responsabilidade de cada un de nós estar informado do que estamos a mercar ou adquirir.
Nunca debemos liberar á natureza animais ou plantas exóticas, incluso restos de cortas e podas. A introdución destas especies na natureza é unha IRRESPONSABILIDADE que pode chegar a constituir un delicto ecolóxico pola gravidade do seu impacto no medio ambiente.
Fauna invasora no Deza
De todos e todas e coñecida a problemática das “Cotorras arxentinas” (Myiopsitta monachus) presentes en comarcas como o Baixo Miño, Vigo ou o Morrazo, ou dos “Mapaches” (Procyon lotor) presentes nas ribeiras do río Miño.
As primeiras foron introducidas por particulares que as tiñan como mascotas e que lograron escapar ou que directamente as liberaron, os segundos a causa do derrubo, por mor dun temporal, do espazo onde estaban confinados no zoolóxico de Marcelle (Lugo).
Estes son só un par de exemplos, pero as especies de fauna invasora en Galiza son moi numerosas e a Comarca do Deza non se libra desta problemática.
A continuación citamos algunhas destas especies alóctonas presentes na nosa Comarca:
Visón americano (Neovison vison)
Mamífero carnívoro moi agresivo malia o seu pequeno tamaño. Estendido por case a totalidade dos cursos fluviais da nosa comarca.
(Cephas / CC BY-SA (https://creativecommons.org/licenses/by-sa/3.0)
Ao ser unha especie depredadora oportunista afecta á fauna autóctona, alimentándose de aves, peixes, réptiles, anfibios, crustáceos e pequenos mamíferos. Chega a ser un forte competidor doutras especies e orixina o desprazamento destas do seu hábitat natural. Ademais son portadores de diversas enfermidades posiblemente transmisibles a outros pequenos carnívoros.
Na actualidade é o principal causante da desaparición do Visón europeo (Mustela lutreola) en toda Europa e da depredación de moitas especies protexidas, como por exemplo, a Toupa de río (Galemys pyrenaicus) que depreda nos cauces da nosa Comarca.
Cangrexo americano (Procambarus clarkii)
É un crustáceo decápodo de auga doce cunha lonxitude corporal de ata 15 cm. Os adultos son de un vermello escuro ou pardo. Está cuberto de espiñas na cuncha. Os machos teñen grandes pinzas que utilizan para agarrar ás femias durante a copulación.
Luc hoogenstein / CC BY-SA (https://creativecommons.org/licenses/by-sa/4.0)
Esta especie foi introducida por exemplo, no río Pontiñas en Lalín, onde se reproduciron en gran número. Dende a súa aparición, a nosa lontra (Lutra lutra), ou a Garza real (Ardea cinerea), contibúen a conter a expansión da especie de xeito natural, aínda que a súa erradicación é case imposible, tanto por métodos naturais coma artificiais.
Esta especie produce cambios nas comunidades de plantas e animais autóctonos, debido a súa capacidade de colonizar novos territorios e establecerse como especie importante no ecosistema. Compite con outros crustáceos de río, altera a calidade das augas nas que habita, altera os sedimentos acumulando metais pesados.
Sapoconcho americano (Trachemys scripta)
Tartaruga mediana, de 20-60 cm., de cuncha verde oliva e marrón con algunhas raias. Posúe unhas distintivas manchas alongadas amarelas ou alaranxadas aos dous lados do pescozo. A parte inferior da cuncha é de cor amarela e pode ter manchas negras. Actualmente temos constancia da presenza de exemplares no río Pontiñas en Lalín, liberados por particulares que os tiñan como mascota.
(Fotografía dun exemplar de "Sapoconcho americano" tomada por Isabel García no Paseo do Pontiñas en Lalín)
Habita en ribeiras de augas doces como ríos, encoros ou lagoas, con pouca profundidade e abundante vexetación.
Esta especie diminúe a poboación de especies vexetais autóctonas pola alimentación das crías. Compite coas tartarugas autóctonas como a tartaruga europea (Emys orbicularis), xa que é mais grande e produce unha maior cantidade de ovos por posta. Depreda moitos invertebrados cando chega a idades adultas e contribúe á expansión de enfermidades e parasitos.
Avespa asiática (Vespa velutina)
Avespa de tamaño grande, ata 3 cm. as obreiras e 4 as raíñas. Ten un tórax marrón negruzco e no abdome ten bandas marrón escuro e negras cunha banda final amarela e a punta negra. As patas son marróns cos últimos segmentos amarelos. As súas ás son de aspecto afumado. Constrúen os niños nas partes altas de árbores preferentemente en zonas abertas e non no interior dos bosques.
BlueGinkgo / CC BY-SA (https://creativecommons.org/licenses/by-sa/3.0)
Está presente en toda a nosa comarca e atópase en expansión a pesares das continuas campañas anuais para a destrución de niños.
O sector dos produtores de mel é o máis prexudicado pola súa presenza, debido a que é unha especie que captura abellas e causa graves danos ás colmeas. Os apicultores alertaron de importantes perdas de produción nos últimos anos polo efecto desta avespa.
Troita arco da vella (Oncorhynchus mykiss)
Especie de talle medio que non pasa, normalmente, de 50 cm. Pode chegar a alcanzar os 7 kg. de peso. O dorso é dunha cor verde olivácea e o ventre é claro, presentando un punteado que se estende ata a aleta dorsal, máis denso e máis fino que o da troita común (Salmo trutta). Nos costados posúe unha banda de cor rosada.
Хомелка / CC BY-SA (https://creativecommons.org/licenses/by-sa/3.0)
Habita preferentemente en torrentes de augas frías e moi osixenadas. Aínda que algúns exemplares poden migrar a lagos ou ao mar, retornan ao seu regueiro de orixe para desovar.
Temos constancia da súa presenza no río Deza e tamén no encoro de Portodemouros. Actualmente existen poboacións deste salmónido sobre todo en ríos onde hai piscifactorías, xa que escapan moitas durante os desbordamentos.
A súa alimentación é similar á da nosa troita, principalmente larvas de invertebrados acuáticos e mesmo peixes e troitas de pequeno tamaño.
Faisán (Phasianus colchicus)
Os machos desta especie son máis vistosos que as femias, lucindo unha longa cola e vistosas cores. O macho ten o corpo cobreado, o pescozo púrpura verdoso iridiscente e unha mancha vermella arredor dos ollos, mentres que a femia é principalmente marrón.
En xeral adoita seleccionar áreas de mosaico con alternancia de prados, cultivos e zonas de arboredo. En Galiza ocupa toxeiras extensas rodeadas de pequenas formacións arboradas. No Deza está presente a causa das soltas realizadas polos tecores de caza.
Omnívoro. Aliméntase no chan, principalmente de sementes, froitos e insectos, aínda que tamén pode incluír na súa dieta pequenos vertebrados.
Carpa común (Cyprinus carpio)
Peixe de grandes dimensións que pode chegar ao metro de lonxitude e aos 30 kg. de peso. Corpo robusto e lixeiramente curvado no ventre, está cuberto por escamas grosas. Unha característica deste tipo de peixes é a súa aleta dorsal e anal con espiña serrada na parte anterior; a súa coloración é verdosa oliva no dorso e ten o ventre branco-amarelado. Na nosa comarca está presente alomenos no río Pontiñas, no que se introduciu (sen ningún tipo de criterio) cando se realizou o paseo no tramo urbán da vila. Tamén está presente no encoro de Portodemouros.
Prefire augas de curso lento ou estancadas, con fondos limosos e cunha temperatura morna ou cálida (14-35ºC), sendo moi resistente á escaseza de osíxeno e á contaminación das augas. Cando a temperatura da auga descende por debaixo dos 15ºC, reduce a súa actividade, e por debaixo dos 10ºC agóchase baixo o lama do fondo
Son peixes omnívoros que consomen restos vexetais, insectos, crustáceos e alevíns de todo tipo de peixes; ademais, gústanlles moito os invertebrados bentónicos. É orixinaria de Asia Central e o leste de Europa.
Podedes informar da presenza de especies exóticas invasoras mediante o Sistema de alerta temperá de especies invasoras en Galiza.