O "Desmán ibérico" na Comarca do Deza

O Desmán ibérico (Galemys pyrenaicus) é un endemismo ibérico semiacuático da familia Talpidae que se distribúe dende a vertente francesa dos Pirineos ata a metade setentrional de Portugal. Vive en regatos montañosos de augas limpas e osixenadas. 

Unha limitación importante é que poida existir un fluxo regular de auga durante todo o ano, polo que mostran unha preferencia polas rexións de clima oceánico fronte ás de clima mediterráneo. A súa presenza non depende tanto da altitude (atópase desde case ao nivel do mar no norte de Portugal, Galicia e Asturias, ata os 2.500 metros en Pireneos) como da pendente dos ríos, a súa profundidade (pequena ou moderada) e a velocidade da corrente.

O Desmán ibérico está presente nos grandes ríos da nosa comarca e tamén en moitos dos seus pequenos afluentes. Aínda que a presenza do Desmán en Galiza e en concreto na Comarca do Deza non é desfavorable segundo constatan os estudos realizados, sí se apreza unha redución significativa da súa área de distribución a causa de diferentes factores, polo que se considera necesario tomar medidas para a súa protección e conservación.

A continuación pretendemos darvos a coñecer a este pequeno e delicado habitante dos nosos ríos, así como a súa distribución actual e as súas principais ameazas.


O DESMÁN IBÉRICO. Morfoloxía e comportamento.

Trátase dun pequeno mamífero de corpo alongado e aplanado, cunha longa trompa comprimida dorsalmente e vibrisas sensoriais capaces de detectar movementos baixo a auga. Ten un longo rabo, con forma redondeada no seu inicio e aplanado na zona discal. Ollos moi pequenos con visión limitada. Sen pavillóns auditivos externos. Posúe bo oído e olfacto e unha morfoloxía adaptada á vida acuática, cuns pelos densos e longos que ao mollarse, poden albergar burbullas de aire que lle ofrecen flotabilidade.

As extremidades posteriores teñen cinco dedas con fortes e afiadas unllas, que se unen entre si por unha membrana interdixital. Nada utilizando as extremidades posteriores, nas anteriores, máis pequenas e con membrana interdixital, atópanse unhas unllas finas e moi afiadas para agarrarse ben ás superficies escorregadizas.

Ten unha coloración pardo cincenta con irisacións metálicas, que se escurece até case o negro preto do dorso. Polo ventre é cincenta clara. No cranio destaca o primeiro incisivo superior, de gran tamaño, forma triangular e extremos cortantes. Os incisivos inferiores están dirixidos cara adiante.

Non teñen dimorfismo sexual. As femias posúen catro pares de mamas. Os machos teñen glándula perianal. Celo de xaneiro a maio. Paren dúas a cinco crías cun máximo de dúas camadas ao ano.

Utilizan as galerías abandonadas doutras especies ou furados naturais. A súa actividade é nocturna. Presente en todas as altitudes, en augas claras e ben osixenadas con abundante vexetación. Aliméntase de larvas e pequenos peixes.

Foto: David Pérez (Wikipedia)


DEPREDACIÓN DO DESMÁN IBÉRICO

A partir do ano 2007, con motivo da elaboración do Plan de Conservación da especie en territorio galego, abordáronse unha serie de traballos sobre a situación do Desmán aplicando diferentes métodos. Destaca o traballo de Romero (2007), quen constata por primeira vez a depredación por parte do Visón americano (Neovison vison), trala análise dun gran número dos seus excrementos.

Tamén se levaron a cabo outros traballos baseados na procura de restos de Desmán en excrementos de Lontra (Lutra lutra), xa que este mustélido é un depredador natural ocasional da especie. No traballo de Romero (2010), Schmalenberger (2009) e Callejo (1978), cos mesmos métodos de análise dos restos atopados en excrementos de Lontra, confirmouse a presenza en máis de vinte ríos, o que pode ter que ver cun consumo diferencial da especie.

Tamén pode ser depredado de xeito ocasional por outros depredadores de peixes, como a Garza real (Ardea cinerea) ou a Cegoña común (Ciconia ciconia).


ESTADO ACTUAL DO DESMÁN IBÉRICO NA CONCA DO ULLA E AS SUBCONCAS DA COMARCA DO DEZA.

Os traballos máis recentes realizados coa especie, confirman unha regresión xeneralizada en practicamente toda a súa área de distribución, co conseguinte illamento, fragmentación e incluso desaparición de poboacións completas. Galiza non escapa a esta tendencia, e tras describirse fai décadas unha distribución xeneralizada e abundante en case todo o país, os traballos vinculados á elaboración do seu plan de conservación, baseados en trampeo selectivo, constataron unha redución significativa da súa área de distribución con baixos niveis de capturas nas zonas ocupadas. Aínda así, a situación da especie en Galiza é favorable.

Mapa da distribución do Desmán ibérico en España:

Durante os traballos de campo realizados no ano 2013 e enmarcados no proxecto LIFE MARGAL-ULLAcuxo obxectivo principal foi determinar a distribución da especie na conca do Ulla, inspeccionáronse máis de 100 tramos fluviais de diversa entidade, dende regatos e cursos de cabaceira ata grandes ríos, pertencentes a zonas medias-baixas da conca do Ulla e atopáronse excrementos tipicamente atribuíbles ao Desmán ibérico nun total de 30 tramos, correspondentes a 25 ríos, o que supón unha porcentaxe de ocupación do 22% do total dos prospectados.

Constatouse a presenza da especie en afluentes directos do Ulla, entre os que se atopan o Deza, o Asneiro e o Arnego. No seu conxunto, os datos obtidos no 2013 poden cualificarse moito máis optimistas para a conservación da especie que os obtidos en estudos previos realizados no ano 2009 e 2012.

No seguinte mapa indícase os tramos prospectados e con presenza confirmada de Desmán ibérico na nosa comarca:

Considérase que o conxunto poboacional dá conca do Ulla atópase fragmentado en catro grandes unidades de xestión territorial, cada unha das cales á súa vez funcionaría cunha metapoboación (conxunto de subpoboacións locais). Estas grandes unidades de xestión territorial deberían ser consideradas independentes a efectos de manexo ou aplicación de accións de conservación. As unidades de xestión que afectarían á Comarca do Deza serían as seguintes:

  • Unidade de xestión territorial do baixo e Medio Ulla: Aglutinaría as poboacións residentes no propio Ulla, así como todos os tributarios situados augas abaixo do encoro de Touro (Vexa, Pereiro, Liñares; Riobó, Pontillón, Deza, Brandelos e Lañas. Probablemente trátase da máis numerosa e a de maior viabilidade a medio – longo prazo, aínda que tamén se atopa moi fragmentada, presenta algúns problemas de conectividade (Liñares e Lañas) e contaminación ( Lañas, Brandelos, Santa Lucía) e ocupa unha área moi antropizada.
  • Unidade de xestión territorial do Arnego: Aglutinaría as poboacións existentes no propio Arnego e todos os seus tributarios. Mantén bos efectivos na zona media e baixa do río e non parece ter problemas graves de conectividade e/ou contaminación.

Na seguinte táboa móstranse máis detalladamente os tramos de río prospectados nas subconcas Arnego, Deza e Asneiro:

Constátase que aínda permanece ocupada a maior parte da conca do Ulla, así coma os principais afluentes (Liñares, Deza-Asneiro, Arnego, Pambre, Furelos, Iso, Lañas o Brandelos) e tamén numerosos pequenos tributarios directos do Ulla.

No curso medio e zonas de cabeceira do Deza-Asneiro, así coma en varios tributarios do curso medio-alto do Arnego e do propio Ulla poden existir núcleos de poboación claves para a conectividade da especie.


PRICIPAIS AMEAZAS DO DESMÁN IBÉRICO

A construción de grandes presas está considerada como a ameaza de maior magnitude, xa que provoca a perda de grandes extensións de hábitat favorable para a especie e orixina graves problemas de conectividade de poboacións. A ruptura do continuo fluvial e o efecto barreira derivado da construción das presas, imposibilita ou dificulta a conectividade dependendo do tamaño das mesmas, polo que se favorece a fragmentación e o illamento poboacional

A contaminación da auga, a destrución das marxes e da vexetación riparia natural, así como a destrución da cobertura natural das marxes constitúen tamén factores de ameaza moi significativos, especialmente no relacionado coa dispoñibilidade de refuxio.

A sobreexplotación dos recursos hídricos e as secas recorrentes, son factores de ameaza de menor relevancia, pero que poden resultar moi importantes a nivel local, especialmente en ambientes mediterráneos.

A construción de infraestruturas humanas (recreativas, industriais, etc.) nas proximidades dos cursos de auga poden provocar a alteración de ribeiras, a destrución das marxes e o vertedura de materiais ao medio acuático, ocasionando unha perda de refuxios e unha redución da dispoñibilidade de alimento asociada á turbidez e colmatación do leito. Indirectamente, a antropización dos cursos fluviais tamén está asociada a un incremento da presión humana sobre os sistemas acuáticos, o que pode provocar unha redución do uso polo menos temporalmente.

Descoñécense os efectos concretos que poden ter a modificación e alteración dos hábitats de ribeira a nivel de fragmentación e illamento de poboacións, xa que existen amplas zonas completamente alteradas como consecuencia da intensificación agrícola e gandeira, a explotación forestal, os incendios ou as infraestruturas humanas (estradas, autovías e infraestruturas ferroviarias). A desaparición do desmán dalgunhas zonas de cabeceira, probablemente se deba aos devastadores efectos dos incendios forestais que, recurrentemente afectan a certos montes da provincia de Pontevedra, e que provocan a  colmatación dos cursos fluviais por arrástres das cinzas e a morte por asfixia dos invertebrados acuáticos.

A seguinte fotografía corresponde ás ladeiras do río Chedas completamente queimadas en setembro de 2013. No recuadro: Estado do chan nas inmediacións dun regueiro.


NIVEL DE PROTECCIÓN

A nivel autonómico, o Desmán ibérico aparece no Catálogo Galego de Especies Ameazadas como especie “vulnerable”, anque de acordo coa información recente reflexada no seu plan de conservación, a situación real é máis próxima á dunha especie en perigo de extinción.

O Convenio de Berna relativo a Conservación da Vida Silvestre e do Medio Natural en Europa inclue esta especie na lista de especies estritamente protexidas. Finalmente, a Unión Internacional de Conservación da Natureza (UICN) clasifica a especie como vulnerable (VU) (Fernandes et al., 2008) aparecendo no Libro Vermello dos mamíferos de España como especie vulnerable (Nores et al., 2006).


Fontes de información:

"Nuevos datos sobre la distribución del desmán ibérico (Galemys pyrenaicus) en Galicia. Proyecto LIFE + MARGALULLA"

Ángel Fernández-González1*, José Antonio García1, Daniel Menéndez1, Jorge Fernández-López1, Diego Fernández-Menéndez1 & Jesús Santamarina2

  1. BIOSFERA Consultoría Medioambiental S.L. C/ Candamo nº 5, 33012 Oviedo, Asturias, España.
  2. Servizo de Conservación da Biodiversidade, Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Xunta de Galicia.

Fotografía de cabeceira do artigo: David Pérez (Wikipedia)