Se nun artigo anterior falábamos do avistamento da Cerceta (Anas crecca) no lago inferior do Pontiñas en Lalín, hoxe informamos da presenza dunha ave moi esquiva que se aloxa entre a vexetación deste humidal.
Falamos do "Rascón europeo" ou "Rascón de auga" (Rallus aquaticus)
Esta ave que ten unhas dimensións aproximadas de entre 23 e 28 cm., habita en brañas, ribeiras de ríos e lagoas con vexetación mesta. En Galicia presenta unha distribución ligada a humidais costeiros e algúns do interior de Ourense e Lugo.
O seu voo é baixo e curto, e prefire agocharse sempre entre a vexetación. Trátase dunha especie moi tímida e cautelosa, o que dificulta a súa observación, sendo máis fácil escoitar o seu característico reclamo. Só cando o nivel da auga é suficientemente baixo, é posible vela alimentándose nas beiras fangosas. A súa voz é un berro estridente, seguido de notas ásperas e repetidas.
A fotografía que acompaña este post é a única que polo momento conseguimos obter (a calidade da mesma confirma a dificultade da súa observación), pero serviunos para identificar a ave en cuestión, da que podemos confirmar a presenza no lago de, polo menos, unha parexa.
Constrúe o niño moi agachado sobre ou preto da auga, a moi escasa altura. Nel pon a partires de abril 6-8 ovos cremosos con manchas arrubiadas e puntos cincentos. Aliméntase principalmente de raíces, sementes de plantas acuáticas, insectos, moluscos e anfibios.
Como comentamos con anterioridade, a súa distribución está condicionada pola presenza de diferentes tipos de humidais, mostrando querenza por zonas de vexetación alagada como marismas, xunqueiras e beiras de ríos e lagoas con carrizal.
Por iso, a degradación e desaparición das zonas húmidas sen figuras de protección legal, constitúe un serio problema para a súa conservación.
As canalizacións e drenaxes en humidais limitaron a dispoñibilidade de hábitat potencial, e contribuíron de forma notable á diminución e mesmo extinción de determinadas poboacións locais.
Outro motivo para dotar de protección e dunha axeitada xestión aos humidais do Pontiñas.