Fai uns días a amiga Ana Ojea, enviounos a fotografía da dura escena coa que se atoparon os seus pais nunha parcela próxima á vila de Lalín. Tratábase dun exemplar de Miñato común (Buteo buteo), enganchado por unha das súas ás a un arame de espiño.
Con total seguridade, este Miñato atopouse co aramado durante a persecución dunha presa, impactando contra el a gran velocidade. Os espiños do arame non fixeron máis que agravar a situación, imposibilitando que o animal puidese liberarse por si mesmo.
Foto do atrapamento do Miñato enviada por Ana
Inmediatamente deron aviso ao centro de recuperación e os axentes acudiron a liberalo para o seu traslado, pero por desgraza, trala avaliación do exemplar no centro e ante a gravidade das lesións producidas polo impacto e polos esforzos da ave na súa tentativa de liberarse, non se puido facer nada pola súa vida.
Cunha á case seccionada, a vida deste exemplar estaba sentenciada.
"Os aramados acaban coa vida de centos de animais cada ano en Galiza"
Os aramados son outro dos grandes perigos ao que se expoñen gran número de especies silvestres, tendo especial incidencia nas aves e os morcegos. Estes cerramentos, polo seu mimetismo coa paisaxe, convértense en moitas ocasións en trampas invisibles que causan graves lesións aos exemplares accidentados ou directamente a súa morte (por colisión ou atrapamento). As aves con voo baixo ou que utilizan os arames como pousadoiros son sen dúbida as máis afectadas.
Bufo Real atrapado en Toledo
Na actualidade, este tipo de aramado de espiño está permitido en Galiza para pechar parcelas en solo rústico (terreos de labradío e forestal), agás os incluídos dentro de espazos da Rede Natura, se o tipo de peche con arame impide o fluxo de especies.
Resulta preciso, á vista dos importantes danos que causa a moitas especies voadoras, abordar unha adaptación normativa para declarar o seu uso coma ilegal no noso país (sendo xa este tema unha antiga reivindicación).
Adoptar a mesma disposición normativa que se adoita para os peches de parcelas en solo urbano e rural, podería resultar suficiente para evitar a morte de centos de animais. Concretamente o DECRETO 83/2018, do 26 de xullo, polo que se aproba o Plan básico autonómico de Galicia, na súa Sección 2ª, Peches de parcelas, Artigo 38, apartado 6, recolle o seguinte:
"En ningún caso se permitirá o remate de cerramentos con elementos que poidan causar lesións a persoas ou animais."
Dende Biodiversidade do Deza avogamos pola non utilización deste tipo de aramados e pola súa substitución por peches menos lesivos para a fauna, apoiando as reivindicacións de numerosos grupos ecoloxistas e ornitolóxicos, que levan anos denunciando o perigo deste tipo de cerramentos.
O noso agradecemento a Ana e á súa familia, pola súa rápida resposta e por suposto pola súa preocupación e sensibilidade polo noso medio.
Recordamos neste enlace, como actuar en caso de atoparse cun animal ferido e os teléfonos de contacto para dar aviso ante situacións deste tipo:
"Como actuar se nos atopamos cun animal silvestre enfermo ou ferido"