Fai unhas semanas atopouse un curioso exemplar de píntega común (Salamandra salamandra) nunha fonte do concello de Vila de Cruces, cunha coloración pouco habitual. Como podemos ver nas fotografías cedidas polas persoas que a atoparon, a píntega conserva as súas pintas amarelas, pero unha ausencia total da común coloración negra desta especie.
As variacións de cor nos anfibios están ben documentadas en diversas especies en todo o mundo nas súas diversas variantes, incluindo o albinismo e o leucismo, considerando este último como unha variante do anterior e que consisten nun defecto na produción de melanina por parte dos melanóforos. No que respecta ás especies ibéricas de urodelos, hai citas deste tipo de mutacións en numerosas especies.
Os anfibios poden presentar diversas anomalías nas súas pigmentacións a causa de erros nas células encargadas de aportar a súa coloración, chamadas "células pigmentarias" ou "cromatóforos".
Dependendo destas anomalías, podemos atopar variadas coloracións, sendo as máis comúns as seguintes, descritas por Xavier Rivera, Oscar Arribas e Ferrán Martí no seu artigo "Revisión de anomalías pigmentarias en los anfibios de la Península Ibérica y Europa" (2001):
- Albinismo: Caracterízase pola ausencia total de melanina, a responsable do pigmento escuro. Os individuos que a presentan recoñécense polas súas pupilas avermelladas e a coloración branca, que a miúdo pasa a ser rosácea debido á hemoglobina do sangue ao seu paso polos vasos sanguíneos, os cales se poden apreciar a través da pel xunto con algúns órganos internos (ocasionalmente). É común que os exemplares con albinismo poidan mostrar tonalidades amarelas, debido a xantóforos, así como reflexos dourados, debido aos iridóforos.
- Hipomelánismo: Os individuos que a padecen caracterízanse pola falta parcial de melanina, e son apreciables nestes casos os patróns normais de coloración.
- Hipopigmentación: Son os individuos con carencia total ou parcial dalgún ou algúns dos pigmentos que normalmente posúen.
- Leucismo: Os exemplares que o presentan son completamente brancos e non posúen pigmentos alaranxados, amarelos ou dourados na pel. Comunmente mostran a pigmentación dos ollos de cor escura ou azul.
- Coloración pía: Nesta anomalía preséntase un leucismo zonal ou parcial dentro dun patrón normal de coloración. Así se observan zonas ou manchas brancas con independencia do deseño ou coloración xeral.
- Flavismo ou Xantismo: Os animais con esta anomalía caracterízanse por unha pigmentación amarela anormalmente abundante.
- Axantismo: É o fenómeno oposto ao xantismo, e son exemplares que carecen por completo da pigmentación amarela.
- Aniridismo: Os exemplares que o presentan teñen unha carencia anómala dos tons dourados achegados polos iridóforos.
O patrón de coloración da píntega que nos ocupa, estaría clasificada como "leucismo", xa que presenta unha cor clara na pel, pero conservando nos ollos a súa escura pigmentación habitual.