No ano 2016, os alumnos María Iglesias, Adrián Vázquez, Miguel Dacunha, Javier Castro, Manuel Pérez, Isaías Medela, Marcos Sampaio, Anabel Ramos, Álex Ribeira e Verónica Vázquez, que daquela cursaban cuarto da ESO no instituto Laxeiro de Lalín, realizaban traballos de colaboración co programa Proxecto Ríos de ADEGA, xunto ao seu mestre Xusto Calvo no río Pontiñas.
Recollendo mostras de sedimentos do río nunha zona pouco profunda e limosa, atopáronse cun exemplar de "Cobitis paludica" ou "Barbela", un peixe do que ata ese momento, só se tiña constancia da súa presenza en Galiza nos ríos Miño, Tea e Ulla.
Xusto Calvo e os seus alumnos do Instituto Laxeiro no ano 2016
Fotografía do exemplar atopado no Pontiñas
O achádego deste exemplar foi toda unha sorpresa, e a súa confirmación engadiríase posteriormente a novas citas desta especie noutras concas fluviais galegas.
Antes de profundizar na posible causa da aparición desta especie no Pontiñas, imos a describila para coñecela un pouco mellor:
Cobitis paludica é un peixe de pequeno tamaño que non adoita alcanzar os 15 cm. de lonxitude total. O seu corpo é alongado con catro filas de manchas escuras e redondeadas. A cabeza presenta pequenas manchas escuras e debaixo do ollo existe unha pequena espiña que lle serve para defenderse dos depredadores. A boca presenta tres pares de barbas. Carece de vexiga natatoria. As escamas son ovais, moi pequenas e apenas perceptibles á vista. A liña lateral é incompleta. Existe un dimorfismo sexual moi acusado. Os machos son de menor tamaño e as manchas laterais tenden a formar liñas ben definidas. Na base do segundo radio das aletas pectorais dos machos aparece unha lámina circular da que carecen as femias e que se denomina "escama de canestrini".
A fotografía superior corresponde a un exemplar macho e a inferior a un exemplar fémia
Esta especie, endémica da Península Ibérica, sufríu unha forte regresión, desaparecendo de varios ríos das concas do Ebro e Guadalquivir principalmente. Nalgunhas poboacións existe unha forte desproporción de sexos a favor das femias. Este fenómeno parece demostrar que estas poboacións se atopan en serio perigo.
A especie vive nas partes medias e baixas dos ríos, con pouca corrente e fondos de area e grava e vexetación acuática. Os adultos aliméntanse principalmente de larvas de insectos, outros invertebrados, algas e detritos.
O período de freza comeza en maio e prolóngase ata o mes de xullo. As femias poden poñer ata 1.400 ovos, que adoitan poñer fraccionadamente. Os individuos adultos adoitan ter un período reprodutivo de dous a tres anos.
Na Península distribúese principalmente nas concas dos ríos Ebro, Tajo, Guadiana, Guadalquivir, Guadalete, Guadalhorce, Guadalmedina, Barbate, Xara, Pedras, Vega, Peñíscola, Odiel, Júcar, Turia, Mijares, Bullent, Racons, Albufera de Valencia e nalgúns afluentes da marxe esquerda do Douro.
As poboacións detectadas en Galiza, ata o momento localizadas no Miño, Ulla e Tea creíanse introducidas, xa que este peixe utilizouse como cebo vivo para a pesca deportiva no resto da Península, e pensouse que o xeito de introdución tamén foi debido a esta práctica no noso país.
De feito, esa foi unha das causas da regresión da especie na Península, xunto coa introdución de especies exóticas que depredan activamente sobre ela. Respecto ao seu hábitat, a construción de infraestruturas hidráulicas, canalizacións, presas etc. tamén constitúen un grave perigo para a especie.
A extracción de áridos nos ríos destrúe o o seu hábitat mais frecuente, e a iso debemos sumarlle a introdución do cangrexo americano, que crea ambientes de elevada turbidez que provocan a desaparición de moitas especies de fanerógamas acuáticas que constitúen o seu hábitat. A diminución da calidade das augas por verteduras é un factor engadido de ameaza, así como a extración de auga para uso agrícola, industrial e urbano.
No ano 2018, Javier Sánchez Hernández do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da Facultade de Bioloxía da USC e Rufino Vieira Lanero, Sandra Barca, Sergio Silva, Lorena Lago, Pablo Gómez, María del Carmen Cobo e Fernando Cobo da Estación de Hidrobioloxía ‘Encoro do Con’ da USC publicaron o artigo "Actualización de la distribución de Cobitis paludica en el noroeste de la Península Ibérica", que viña a indicar o seguinte:
"Durante mucho tiempo se ha creído que la presencia de la colmilleja (Cobitis paludica) en el noroeste de la Península Ibérica se debe a introducciones. Este artículo actualiza la distribución de la colmilleja en el noroeste de la Península Ibérica con seis nuevas localidades en los ríos Furnia, Hospital, Pego, Pontiñas, Tripes y Ulla, algunas de las cuales con sustanciales poblaciones (Pego y Tripes). Este estudio respalda la opinión de que la colmilleja es nativa en el noreste de la Península Ibérica, donde sus poblaciones son en su mayoría pequeñas y parecen estar muy fragmentadas. Por lo tanto, es fundamental aumentar el esfuerzo de muestreo para mejorar nuestro conocimiento sobre la abundancia, la distribución y la dinámica poblacional de la especie."
Mapa dos puntos de mostraxe localizados en 23 ríos Galegos, con presenza da especie nos círculos escuros (●) e ausencia en círculos claros.
Ademáis das mostraxes realizadas en diversos ríos de Galiza, tamén realizaron entrevistas a pescadores deportivos e constataron que era pouco probable que o xeito de introdución fose por mor da pesca deportiva, debido á súa baixa popularidade como cebo no noso país.
O artigo tamén suxería que a distribución desta especie podería estar subestimada debido á ausencia de programas de monitoreo específicos.
Descartados, a priori, os pescadores como introdutores desta especie en Galiza, os investigadores non desbotan que puidese ter sido introducida polo comercio de acuarios ou a liberación intencionada. Con todo, concluen que cos datos que se teñen actualmente, esta especie podería ser considerada nativa do noroeste da Península Ibérica, agás que futuras análises de xenética ou vías de colonización proben a súa orixe non nativa.
A causa da aparición do exemplar de "Cobitis paludica" no Pontiñas non pode confirmarse neste intre, xa que precisamente ante a ausencia de programas de monitoreo e novos traballos de investigación ao respecto, non se pode constatar se foi introducido intencionadamente ou se pola contra ascendeu dende o río Ulla.