A bolboreta do xeranio (Cacyreus marshalli), tamén chamada popularmente bolboreta africana e polilla do xeranio, é unha especie de lepidóptero pertencente á familia dos licénidos. Orixinaria de Sudáfrica, aclimatouse na rexión mediterránea, onde se introduciu accidentalmente na década de 1980, e actualmente xa é habitual ata na Costa cantábrica. Converteuse en moi pouco tempo nunha auténtica praga para os xeranios, xa que na súa fase previa como eiruga aliméntase principalmente deles.
Entre maio e outubro as bolboretas (de pequeno tamaño e ás cor castaña ou café) depositan os seus ovos nas plantas; nos xeranios, principalmente sobre as flores. Os ovos eclosionan e as diminutas larvas introdúcense pola corola ao pedúnculo ou talo da flor, de cuxa savia se alimentan. Logo tradean o talo e saen para pasar a outro; os orificios son o primeiro signo da súa presenza (como ocorre co caruncho na madeira). Os danos nas plantas só son evidentes días despois de iniciarse o ataque, cando os talos afectados se ennegrecen e truncan.
A eiruga, de cor verde, crece ata alcanzar aproximadamente un ou dous centímetros de lonxitude e nos seus últimos días adopta unha cor máis escura. Normalmente pasa desapercibida xa que se despraza polo reverso das follas; aliméntase delas e dos brotes máis tenros pero prefire o interior dos talos. Co tempo, as follas mordidas mostran galerías que se volveron traslúcidas. A eiruga transfórmase en crisálida e bolboreta, e o ciclo repítese varias veces no mesmo ano.
Lugar de observación: Lalín.