Bolboreta que voa escasa e localizada nas catro provincias galegas, en zonas de arboredo, ribeiras de ríos, camiños húmidos e fraguizas onde medren silvas e madresilvas, no periodo de xuño a agosto nunha xeración anual.
A eiruga, verde con espiñas ramificadas pardovermellas e peliños brancos, é invernante emburullándose nunha folla que asegura previamente con fíos de seda na planta. Aliméntase de Lonecera peryclimenum e outras loniceras.
As femias, que son de maior tamaño cós machos, poñen os ovos de xeito illado no feixe das follas. A crisálida é moi peculiar pola súa fronte bífida, pola prolongación dorsal do abdome, que lembra unha quilla, e pola súa mancha clara na mesma rexión.
Lugar de observación: Sobreirais do Arnego. Carmoega. Agolada.