18 Oct
18Oct

Quitaollos de gran tamaño, 63-80 mm., de franxas antehumerais anchas de cor verde e moi patentes. O abdome é escuro e ten pares de puntos de cor verde mazá na parte dorsal. No caso dos machos maduros desde o 1º até o 7º segmentos son verdes, mentres que desde o 8º até o 10º con azuis e os dous últimos cos puntos unidos. O segundo segmento abdominal presenta un triángulo de cor amarela. Os apéndices anais superiores dos machos son ensanchados no seu centro o co ápice aguzado revirado cara abaixo que conformar unha espiña terminal que nunha visión lateral ten aspecto de cabeza de ave.

As franxas antehumerais anchas e verdes enmarcadas por outras negras e anchas son moi características. O pterostigma é pequeno, como máximo 3,5mm., de cor negra nos machos e castaño arrubiado nas femias. O triángulo anal dos machos conta con 2 celiñas.

O desenvolvemento larval ten lugar en calquera tipo de auga parada, desde mínimos empozamentos temporais, charcas artificiais, pequenas lagoas ou mesmo treitos fluviais de escasa corrente en meandros. Semella preferir augas encoradas pequenas e sombrías como lagoas forestáis, onde moitas veces, o fondo está dominado por unha capa de follas de árbores. Nestes medios, pouco apetecibles para outras especies de odonatos, pode acadar altas densidades.

Presenta un forte comportamento territorial no que un único macho pode facerse dono da totalidade da charca, cando esta é de pequeno tamaño. A posta ten lugar na lama das beiras. Caza habitualmente a baixa altura nos lindeiros de sebes e corredoiras sombrías. Síntese tamén atraído polos mosquitos de tabáns que rodean aos animais e mesmo os humanos, o que deu orixe á denominación popular do xénero.  O período de voo comprende desde maio até finais de novembro.

Especie eurosiberiana, pero amplamente difundida na rexión mediterránea, distribúese por Europa até o sur de Escandinavia, Asia Menor até o Cáucaso e norte de África. Aínda que de detección ocasional, debido aos seus hábitos erráticos, debe ser un dos quitaollos galegos máis comúns.


Lugar de observación: Lalín.

Comentarios
* O correo electrónico non se publicará na páxina web.