Chrysoperla carnea, denominada vulgarmente como crisopa, é un insecto da familia Chrysopidae. Os adultos aliméntanse de néctar, pole e melaza que excretan os pulgóns e outros insectos, pero as larvas son uns depredadores activos e aliméntanse de pulgóns e outros pequenos insectos. Utilízanse no control biolóxico de pragas en agricultura.
Os ovos de crisopa son ovais e fíxanse individualmente aos vexetais cun longo fío. Ao principio son de cor verde clara pero despois pasan a grisáceo. As larvas ao nacer teñen un milímetro de lonxitude. Son marróns e lembran pola súa forma a un pequeno crocodilo. Móvense activamente en busca de presas.
Teñen un par de grandes mandíbulas en forma de pinza coas que apresan ás súas vítimas, a miúdo levantándoas en peso para evitar que fuxan. As larvas inxectan encimas dentro do corpo das súas presas disolvendo os seus órganos internos, tras o cal a larva absorbe o líquido resultante do interior do corpo da vítima. As larvas crecen ata uns oito milímetros de lonxitude tras o cal elaboran un capullo no que pasan ao estadio de pupa.
Os adultos de crisopa son de cor verde pálida con longas antenas e ollos compostos amarelados. Teñen unha aparencia delicada e unha lonxitude de entre 12 e 30 mm, cunhas longas e membranosas ás que se recollen sobre o seu abdome. Non son bos voadores e teñen un voo oscilante. A miúdo véselles atraídos polas luces artificiais durante a noite.
Os adultos pasan o inverno enterrados entre a follaxe nos límites dos cultivos ou noutros terreos. Na primavera emerxen e se aparean. Cada femia pon centos de ovos a un ritmo de dous a cinco ao día, depositándoos en zonas próximas a potenciais presas, sobre todo áfidos, normalmente nos brotes máis novos das plantas. A posta de ovos realízase normalmente nas horas de escuridade, entre os meses de febreiro e xullo.
As larvas emerxen dos ovos entre tres e seis días despois da posta. Comen vorazmente e realizan tres mudas. Non se alimentan exclusivamente de pulgóns senón tamén de moitos outros tipos de insectos, mesmo de especies moito maiores que elas como poden ser eirugas de bolboretas. Poden consumir gran número de presas e destruír completamente grandes colonias de pulgóns. Cando as presas escasean poden volverse caníbales.
Logo de dous ou tres semanas, as larvas maduras segregan seda e constrúen un capullo en zonas ocultas das plantas. Despois de entre 10 e 14 días os adultos emerxen do capullo. A duración do ciclo biolóxico está moi influída pola temperatura e poden ter varias xeracións ao ano en condicións favorables. No verán a duración é dunhas catro semanas.
Lugar de observación: Sobreirais do Arnego. Carmoega. Agolada.