04 May
04May

O grilo ceboleiro é unha especie de insecto ortóptero da familia Gryllotalpidae nativo de Europa Occidental e norte de África. En galego tamén é coñecido como alacrán ceboleiro, grilo toupa, corta, cortón, osa, ralo ou relo.

É un insecto pouco usual. O nome científico deriva do latín "gryllus" que significa grilo e "talpa" que significa toupa e refírese á similitude que ten este insecto coas toupas, polos seus hábitos subterráneos. As femias cavan cámaras onde coidan os seus ovos. Os machos, máis pequenos, cávanas para facer o seu canto máis forte e atraer ás femias, as súas patas tamén serven para defender os seus territorios. Aínda que poden manifestar condutas agresivas e o seu aspecto parece ameazador, son inofensivos para o home.

O corpo é de cor marrón e cuberto por unha fina capa de pelo, e as súas patas dianteiras son grandes e preparadas para cavar. Só na etapa adulta teñen ás e voan dunha maneira torpe e en raras ocasións pola noite. A lonxitude do corpo dos machos é de aproximadamente 35 a 41 mm. e o das femias de 40 a 46 mm.

O hábitat ideal é de céspede curto en zonas areosas ou turbosas.

Os ovos son postos en cámaras subterráneas sobre finais de xullo. Nacen de dez a vinte días despois e a femia gárdaos durante outras dúas ou tres semanas. As ninfas comezan a madurar a partir da primavera seguinte aínda que algunhas non maduran até o terceiro ano desde a posta. 

Os adultos e as ninfas poden ser atopados durante o ano en túneles que poden alcanzar unha profundidade de até un metro. Son omnívoros, alimentándose principalmente de larvas de insectos e raíces de plantas.


Lugar de observación: Lalín.

Comentarios
* O correo electrónico non se publicará na páxina web.